O colectivo Levedar de Vila de Cruces artella unhas xornadas feministas e un club de lectura
VILA DE CRUCES
Levedar Colectivo Feminista, unha agrupación recentemente nada en Vila de Cruces, pretende retomar agora os proxectos para os que realmente se constituiu despois de centrar esforzos na elaboración de máscaras nuns momentos en que existía unha forte demanda canalizada a través do coñecido grupo de apoio mutuo. «Había unha necesidade puntual e había que solventala e por iso se creou o grupo de apoio», explica Nerea Fiuza dende Levedar. Unha rede colaborativa de mans dispostas a cortar e coser miles de máscaras; case 8.000 en total.
«Era imposible conseguir unha máscara, vimos a necesidade e puxémonos mans á obra coa axuda de moita xente e estamos súper orgullosas de habelo feito. Conseguiuse grazas ao traballo, empatía e solidariedade da xente». O grupo de apoio mutuo comezou facendo 400 máscaras, pero a emerxencia e a demanda do momento fixo que «se acadase esa cifra incrible nun principio grazas á resposta marabillosa de moitos», explica Nerea Fiuza. Setenta persoas nun grupo de apoio mutuo que se pretende manter no futuro ante a posibilidade «de que volva xurdir unha emerxencia ou unha necesidade». O prezo das máscaras para todo a familia, que pode supor un desembolso económico de máis de cen euros mensuais, podería reactivar a necesidade de que se sigan confeccionando. «Agora mesmo hai material no mercado, non hai problema para acceder ás máscaras pero queremos manter o grupo activo e estar atentos ás necesidades que xurdan. Queremos que a rede se manteña viva», dixo.
E mentres o grupo axexa posibles emerxencias para voltar a actuar, Levedar centra agora esforzos en proxectos propios como unhas xornadas feministas que poderían celebrarse no próximo xullo. «Estamos na fase de artellalas, pechar posibles asistentes e poder celebralas de xeito totalmente seguro», apuntou. Outro dos proxectos no que traballa Levedar Colectivo Feminista é na posta en marcha dun club de lectura feminista.