Silvia Rey: «Escribín a primeira historia con once anos para subir nota en lingua»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

Cedida

A escritora cruceña publicou a súa primeira novela, «El Valle de la Niebla Negra», de fantasía épica

20 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estudou. Estética e maquillaxe.

Traballou. En varias tendas e como maquilladora ao longo de 5 anos. Foi auxiliar de seguridade no Museo da Catedral de Santiago, «un traballo marabilloso no que estiven rodeada de cultura, pero que rematou coa chegada da covid».

Dende pequena gusta da escritura, aínda que profesionalmente se dedicou a outras cousas antes de pechar un exercicio creativo, en forma de libro, nado varios anos atrás. Silvia Rey Souto (Camanzo, Vila de Cruces) acaba de publicar a súa primeira novela: El Valle de la Niebla Negra.

-Ou sexa que o de escribir xa vén de lonxe?

-Si. Escribía xunto a miña nai pequenos contos que gardabamos para nós. Logo xa con once anos tiven un profesor de lingua castelá que nos motivou a escribir a nosa primeira historia de 50 páxinas, a cambio de subirnos a nota. Aí foi onde descubrín que escribir era una paixón que nunca me iba abandonar. Grazas a aquel empuxe logrei darlle forma a un pequeno libro de setenta e cinco páxinas, e a partir dese chegaron moitas historias máis.

-Algún parente ten esa mesma inquietude?

-Miña nai, que escribe poesía. Publicou un libro titulado Sueños al Alba, e participa todos os anos coas súas poesías no evento cultural de Vila de Cruces, o CrucesArte. Sempre a admirei pola facilidade coa que escribe poesía, e o sentimento e o amor que lle pon a cada unha delas. Ela sempre me motivou moito para seguir escribindo, e sei que ver o meu libro feito realidade é en boa medida grazas ao seu empuxe e constante motivación.

-Como se xesta esta primeira novela?

-Pois empecei a escribila con trece ou catorce anos (risas). Recordo estar sentada fronte do ordenador, e por algunha razón as palabras comezaron a saír soas. Un tempo despois, pedíndolle opinión aos meus pais sobre o título, meu pai foi o que propuxo que fose El Valle de la Niebla Negra. O certo é que non podía ser máis acertado. A partir de aí nunca deixei de escribila, volvendo a ela cando a inspiración mo permitía, e ata hoxe en que se pechou este proceso creativo.

-Onde está ambientada?

-O libro está ambientado nun mundo de fantasía que eu creei e que se chama Itril. A historia xira en torno a tres personaxes principais que protagonizan a novela: Weored, un rapaz dunha aldea ao que chega a el unha carta misteriosa, a cal desbaratará a súa vida tal e como a coñecía; a Dama de Quérion, que intenta fuxir dunha antiga profecía; e o Cabaleiro Escuro, quen despois de moito sufrimento busca a súa vinganza. É unha historia para todas as idades.

-Onde a podemos atopar?

-É unha novela que se pode mercar en Amazon, tanto en formato de tapa branda como se se prefire en ebook kindle; para gustos.

-Con que xénero literario se queda?

-O que máis, sen dúbida, é a fantasía épica. Teño escrito historias curtas que nada teñen que ver con iso, pero dende logo que co que máis disfruto escribindo é coas historias do mundo Itril; son as que realmente me motivan para seguir nesa senda creativa.

-Con que autores se queda?

-O meu favorito é, sen dubidalo, Tolkien. Descubrín as súas historias con once anos, e podo dicir con toda seguridade que nunca me sentira tan identificada con nada na miña vida. O mundo de Tolkien sempre será parte de min. As súas obras: El señor de los anillos e El hobbit son as miñas favoritas. Por outro lado, e cambiando totalmente de xénero, tamén me gustan moito as obras de Douglas Preston. Neste caso xa é un estilo máis moderno, son historias que non teñen absolutamente nada que ver coa maxia de Tolkien, pero que a min persoalmente non deixan de sorprenderme dunha forma ou outra. Son dous grandes escritores, diferentes, pero moi interesantes dende o meu punto de vista.

«A ambientación está inspirada en paraxes de Deza e nos seus montes cheos de maxia»

Antes de que Silvia publicara esta primeira obra compartiu publicacións con outros escritores.

-Xa fai anos pero miña nai e máis eu escribíamos nun foro literario en internet, e compartíamos historias con outros creadores. Ao final xuntámonos varios e decidimos publicar o noso primeiro libro que se chamaba Tiempo de Recreo, no que cada autor tiña o seu propio apartado participando con relatos ou poesías. Gustounos tanto a experiencia que ao ano seguinte repetimos e publicamos un segundo libro. Foi unha fermosa experiencia xa que por primeira vez vin algo meu publicado. Nunca se me esquecerá a sensación de cheirar as follas por vez primeira.

-Crear e publicar en plena pandemia, foi todo un reto?

-En realidade non. Grazas a todo este tempo libre puiden terminar de editar e darlle forma a este libro que levaba esperando por min anos e anos, xa que estaba rematado antes do confinamento. Hai que ver o lado bo, xa que agora máis que nunca é necesario manterse positivos.

-Que foi o máis difícil?

-Maquetar e editar o libro eu mesma. Non tiña nin idea de como facelo e fun aprendendo coa axuda de internet. Conseguino despois de moitos problemas técnicos e momentos de frustración (risas). Pagou a pena cada segundo aínda que é unha época moi complicada, e non só para a cultura. A situación económica vai a peor e iso non axuda a ningún sector, pero hai que manter a positividade.

-Facer unha presentación do libro, complicado?

-A situación faino case imposible. Nun futuro non se sabe.

-Ronda xa outra novela?

-Estou con outra ambientada nese mundo de Itril, inspirado nas paraxes de Deza e nos seus montes cheos de maxia, que forma parte dunha serie máis curta.