Nerea Pampín: «Participar nun Mundial foi unha experiencia impresionante»
VILA DE CRUCES
A deportista cruceña é segunda no ránking nacional e mantén opcións de acudir aos Xogos Olímpicos
31 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O 2023 foi un ano de cambios e retos maiúsculos para Nerea Pampín (Vila de Cruces, 1999). A loitadora do Keltoi deu o salto á categoría absoluta despois dunha fantástica traxectoria coma sub-23. Un paso que chegou na recta final do ciclo olímpico, tendo que cambiar de categoría e competindo nun peso superior. Ademais, leva varios meses adestrando no Centro de Alto Rendemento (CAR) de Madrid e tivo a oportunidade de participar coa selección española nun Europeo e nun Mundial. Agora descansa en Vila de Cruces para repoñer forzas e intentar un reto difícil, pero non imposible: competir nos Xogos Olímpicos de París.
—Cómo foi ese salto á categoría absoluta. Agardabas este nivel ou é máis complicado do que pensabas?
—O salto foi moi grande, pero eu xa contaba con que fora así porque é ano olímpico e polo tanto no mundial xa se xogaba a clasificación e había moitísimo nivel e xente. A participación é moito maior nesta categoría que na sub-23, á que eu estaba acostumada, entón si que se nota un montón o cambio.
—Falando de Xogos Olímpicos. Tes opcións para estar en París este verán?
—Sería unha sorpresa, a verdade. Quedan un par de clasificatorios: un europeo e outro mundial. Este ano sinceramente está moi complicado. Tamén cambiei de categoría, xa que sempre loitei en 65 quilos, que é un peso non olímpico, e agora subín 1 68 para poder participar nos preolímpicos. É un peso moi difícil.
—Nun ano tan intenso, con qué momento te quedas?
—Aínda que tamén participei por primeira vez nun Europeo absoluto, o Mundial foi moito máis impresionante e para min foi a experiencia que máis me marcou. Ademais do campionato a Federación Internacional de Loita deu unhas prazas e fomos unha rapaza de Baleares mais eu a unha concentración en Belgrado dez días antes do Mundial. Alí adestramos con xente doutros países de Europa e Latinoamérica. Foi impresionante.
—Qué lle pides ao 2024, cal sería o obxectivo deportivo co que estarías satisfeita?
—Este ano, aparte de poder ir ao Mundial, tiven dúas medallas internacionais: unha prata en Suecia e un bronce en Niza. Para o 2024 gustaríame seguir sacando resultados así en torneos internacionais. E se pode ser, dar un pasiño máis, gañar combates e ter resultados a nivel europeos.
—Onde estás adestrando?
—Pedin a beca para o CAR de Madrid e estou adestrando alí dende outubro. A Vila de Cruces fun en novembro porque tivemos un campionato de homenaxe ao noso adestrador do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) Alexander Kachelaev e agora volvín este Nadal a descansar uns días. Volver a casa sempre senta ben para recuperarse un pouquiño.
—Ademais da loita tamén estás formándote. Cómo compaxinas os estudos coa túa carreira deportiva?
—A verdade é que o levo bastante ben. Estou facendo un máster en Atención Temperá e non me está a resultar demasiado complicado. Alí en Madrid o que facemos é adestrar e no tempo libre que temos estudamos. Temos bastante tempo para iso.
—Dende moi nova tiveches que cargar cunhas responsabilidades por enriba do normal nunha rapaza de 14 anos.
—Foi un camiño difícil, pero pouco a pouco fun conseguindo os obxectivos. Vin a Pontevedra con 14 anos e con esa idade xa comecei a competir a nivel España. Con 17 anos xa saín aos torneos internacionais. Tiven a sorte de estar ben acompañada porque entramos no CGTD catro rapazas de Cruces, unha delas moi amiga miña. Pola semana estabamos alí xuntas e na finde volvíamos a casa. Aínda que se facían duros os adestramentos porque non estas acostumada e eramos moi novas, ao final pasábamolo ben. Co paso dos anos adestras mellor, vaste acostumando ao nivel, compites ben e empezas a ter resultados
—Cómo é a rutina de adestramentos semanais?
—Agora mesmo varía porque estoume adaptando ao adestramento do CAR. Mais ou menos é parecido ao que facía no CGTD. Sería unha sesión de pesas pola mañá e de loita pola tarde. Cada día dúas horiñas de loita e unha e media de pesas, unhas tres horas e media diarias. En Pontevedra adestrabamos os cinco días da semana mañá e tarde, sen embargo en Madrid adestramos o sábado e libramos algunha sesión pola semana. Cambia un pouco, pero máis ou menos son as mesmas horas.
—Despois de tantos anos de rutina entendo que non imaxinas a vida sen loita. Agora ata estarás aburrida.
—Non me aburro porque aproveito para ver aos meus amigos, desconectar, ir algo ao ximnasio... Non adestras o mesmo, pero sigo activa. Si que é algo que se en circunstancias normais non puidera facer sentiríame rara.