Un país a media luz

Fernando Branco Parga TRIBUNA

ECONOMÍA

10 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A relación do noso país coa enerxía foi historicamente forzada, especializámonos na produción eléctrica por decisións políticas que aproveitaron, e aproveitan, os nosos recursos; porén, nunca tiramos beneficio da nosa capacidade produtiva e dos excedentes desa produción. Moitas veces, cando se demanda unha tarifa eléctrica galega, impulsada por unha iniciativa lexislativa popular que dorme no Parlamento galego, redúcese a súa defensa só ao feito de sermos excedentarios, que é certo, mais tamén deberíase ter en conta que, cando pagamos un recibo da luz, aínda que non se reflicte explicitamente, entre outras cousas pagamos as partidas de solidariedade interterritorial, asumindo o sobrecosto extrapeninsular e as perdas no transporte a comunidades abertamente deficitarias na produción eléctrica. Tamén pagamos incentivos a determinadas tecnoloxías de produción, xeren ou non enerxía, caso paradigmático, o da moratoria nuclear.

Ante esta proposta, a da tarifa eléctrica galega, que só pretende reverter algún beneficio para as persoas, a industria e a economía galega, considerando o custo social e ambiental que produce a xeración eléctrica, contrapóñense, fundamentalmente, dúas argumentacións: a defensa da tarifa única no Estado e os custos da distribución en Galiza pola dispersión poboacional.

No primeiro caso, a tarifa única é unha falacia. O País Vasco pactou co Goberno unha tarifa industrial diferente, baixo argumentos técnicos e, ademais, agora o Tribunal Supremo vén de sentenciar a creación de suplementos territoriais, diferentes para cada comunidade, para sufragar o recadado por impostos autonómicos á actividade eléctrica.

Na distribución, é ben certo o custo da dispersión, mais tamén deberíanse cuantificar os investimentos públicos da Xunta no impulso dos sucesivos plans MEGA (Mellora Eléctrica de Galiza), un grande esforzo económico realizado polos orzamentos galegos e, por último, tamén debemos ter en conta a calidade do subministro que se mide polo TIEPI, no que fica claro que estamos moi lonxe da media estatal e a anos luz de Madrid, que case non produce.