Xosé Lois Lamazares, empresa Daveiga: «No cadro de anuncios colgamos os salarios de todos, incluído o meu»

ECONOMÍA
Xosé Lois Lamazares é coordinador-director xeral de Lugar da Veiga, que figura na clasificación do «Financial Times» das mil empresas que máis crecen en Europa
05 nov 2022 . Actualizado a las 10:46 h.Desprende unha humildade poucas veces vista. Xosé Lois Lamazares é coordinador (non quere que o seu cargo se traduza por director xeral, aínda que así é) de Lugar da Veiga SLL, unha das mil empresas gacelas (as que teñen un crecemento sostido de máis dun 25 % durante varios anos) de Europa incluída na clasificación do Financial Times (FT). Réstalle importancia a este feito. A súa empresa, na que participan no capital os seis irmáns -todos homes-, aínda que traballan tres, está asentada no rural, en Chantada. Ten prioridades á hora de contratar: primeiro, os membros da familia se están no paro; despois, os veciños máis próximos; logo os outros, e así sucesivamente. A modo de mancha de aceite. Todos os traballadores participan na toma de decisións, todos cobran un extra por responsabilidade e os salarios, incluído o do director xeral, fanse públicos cada mes. O máis alto (o do propio Xosé Lois Lamazares) é como máximo tres veces o máis pequeno.
-Entre o 2013 e o 2016, os anos que estudou o FT, canto medraron?
-Máis do 320 % sobre a facturación, que ascendeu a 3,5 millóns, segundo o peche do ano pasado. E a previsión para o 2018 é un crecemento do 30 %. Empezamos 5 persoas e agora somos 48. Non son consciente da importancia que ten saír no FT. Simplemente, penso que está ben.
-De onde vén vostede? Antes traballaría noutro sitio.
-Si, na Administración local. En Lugar da Veiga [dedicada á fabricación das galletas mariñeiras] traballamos tres irmáns, Óscar Carlos e mais eu. Eles estaban en empresas de diferentes sectores. Queriamos facer un proxecto autoxestionado, vinculado ao rural e, a poder ser, en Rodeiro, de onde somos. Como pertencemos a unha familia de labregos, pensabamos nun proxecto de agroecoloxía. Dándolle voltas xurdiu unha visita a Arxentina e vimos un produto similar ás nosas galletas que nos pareceu atractivo. Estudamos e no 2005 lanzámonos coa empresa, que instalamos en Chantada.
-Os seis irmáns son socios capitalistas deste proxecto. Foi con motivo dalgunha herdanza?
-Non. De feito, nin tiñamos aforros. O financiamento veu por préstamos persoais, e por venda e hipoteca dalgunha propiedade. A primeira inversión foi dun millón de euros: nave, maquinaria, inversión comercial...
-Traballan noutras cousas?
-Non. Os tres deixamos os nosos empregos estables. Tiñamos claro que era unha aposta. Eu quería contribuír co meu traballo no ámbito da economía social, do desenvolvemento local do territorio. Os meus irmáns buscaban o retorno ao rural. Os tres queriamos un proxecto autoxestionado, que nos achegase un salario digno e que tivese unha xestión diferente.
-Por que esa inquietude?
-É una sensibilidade social e cultural.
-Difícil de atopar...
-Na vida cotiá hai moitísimas persoas que teñen esa sensibilidade. Outra cousa é que se traduza en proxectos empresariais, que tamén os hai. Hai moitos veciños comprometidos co contorno.
-Por que Chantada?
-Nós queriamos Rodeiro, que é de onde somos. Pero non había chan industrial, e naquel momento Chantada achegaba máis.
-Din que ser de Chantada imprime carácter.
-Pero nós non temos moito carácter imprimido por Chantada. Estamos moi contentos, aínda que no corazón temos cravado iso de non poder ir a Rodeiro [está a 20 quilómetros]. Traballamos cunha bolsa de emprego de persoal próximo (coincidiu que moita xente quedou colgada durante a crise), e priorizamos a xente do contorno de Rodeiro. Segue sendo así.
-Falaba de salarios dignos.
-Si, nós tiñamos soldos superiores, pero o proxecto ía máis alá. Sempre dispuxemos que os salarios fosen sagrados para todos. No momento de implantación que tivo Lugar da Veiga creciamos ben, pero coa crise veu un momento de estancamento (2010-2013) que provocou unha situación financeira complicada. Tivemos que acudir ao pago atrasado das nóminas.
-Que dixo a xente?
-Nese momento estabamos nove persoas, cinco da familia e catro do contorno. Sempre presentamos o proxecto como transparente e, a nivel de toma de decisións, consensuado. Así que se falou o problema. Sempre houbo moito compromiso, e segue habéndoo.
-Seguen tomando decisións consensuadas?
-Si. Todo o mundo sabe o que se factura ao final de mes. No cadro de anuncios, por poñer un exemplo, colgamos todos os meses os salarios de todos, incluído o meu. Paréceme fundamental que todo o mundo teña esta información.
-Por que?
-O salario ten que obedecer á función que ocupa cada un. Ten que ser coherente e transparente.
-Pero vostede achegou capital.
-O noso modelo de xestión de empresa non é ao uso. É una sociedade laboral. Hai socios fundadores, uns capitalistas e outros traballadores e capitalistas. Iso segue manténdose. Ese risco económico entendiamos que o iamos recuperar, e mesmo que ía ser retribuído cos excedentes da empresa. É o que pode esperar un socio capitalista. Nada máis que iso: que a empresa lle retribúa o capital achegado. Se é mais, mellor ca menos. Pero outra cousa é a organización da parte social, que somos os traballadores. Os salarios poden ser máis baixos ou máis altos, pero todo o mundo ten que asumir que son os correctos. Empezamos coa empresa no 2005, e no 2016 absorbemos as perdas acumuladas de anos anteriores. A partir de aí, a compañía comezou a xerar excedentes e xurdiron as condicións para retribuír o capital. No entanto, nós non concibimos un reparto porque estamos nun momento de consolidación.
-Como é o seu salario respecto ao dos demais?
-Temos un límite. O salario mínimo, para alguén que vén a aprender, está en 800 euros. Entre ese mínimo e o máximo non pode haber máis do triplo.
-Teñen extras?
-Si, sumaríanse. Todos os traballadores teñen o extra de responsabilidade. Teñen que telo.
De igual a igual
Lugar da Veiga está en boa posición en Galicia e Portugal. Intentará crecer en España e Europa. Lamazares non entende outras relacións laborais que non sexan entre iguais. O 95 % dos contratos son indefinidos. «Nunca deixamos de renovar a unha persoa por acudir a unha subvención», di.