Salvar Negueira para salvar Galicia

Manuel Blanco Desar MANUEL BLANCO DESAR É ECONOMISTA, ESPECIALIZADO EN DEMOGRAFÍA

ECONOMÍA

23 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aboa nai mira máis polo fillo menos afortunado da súa prole. O bo pai agarima máis ao fillo con peores eivas que ao garrido e brillante. As «malas madres», que agora fomenta o márketing alén da Gudiña e A Mezquita, non son nais, son sucedáneos. O Instituto Galego de Estatística certifica que a lucense Negueira de Muñiz é a poboación con menos habitantes de Galicia: 218 almas o pasado ano. 106 mulleres e 112 homes. 0 matrimonios. 0 nacementos. 0 nenos en educación infantil. 0 nenos en primaria. 0 rapaces na ESO. 4 falecidos.

Quen di Negueira pode dicir A Teixeira, Beade, Larouco... e ir subindo ata A Coruña e Vigo, seica grandes cidades que son coma barrios de Londres ou París, onde morreron 746 coruñeses e 473 vigueses por riba dos nacidos no último ano datado. Noutras palabras, nas cidades da Coruña e Vigo desaparecen anualmente máis de tres Negueiras e outras dúas. En Galicia foron 15.854 galegos mortos por riba dos nacidos. Case 73 Negueiras perdidas.

Para salvar Negueira, todas as nosas Negueiras, precisamos máis xente nova, non só repartir a minguante mocidade que temos. En Galicia é difícil falar de nación, porque apenas hai nacementos. É difícil falar de patria, porque case non hai pais. É difícil falar de país, porque escasean os paisanos. Mesmo é difícil falar de irmandade, porque cada ano hai menos nenos con irmáns ou cun único irmán. Que vai ser de nós, do noso pobo?

Mentres caen os nacementos ata un abraiante 10 % dun ano para outro, abondan as xustificacións estériles e panglossianas que satisfán a burguesiños infecundos e cándidos, a émulos do No future dos Sex Pistols. Búscanse escusas, e sempre as hai. Pero poucos cuestionan que fago eu, que fixen, para rexenerar Galicia?

Hoxe, a meirande proba de patriotismo non é dar a vida por Galicia, senón dar vida a Galicia. Contribuír con sangue novo vale máis que inmolarse, flaxelarse ou pagar impostos. Quen ten traballo fixo, gaña por riba do salario medio e ten saúde que escusas dará para non ter nenos de seu ou adoptados de entre tantos orfos que hai no mundo? Non se preocupen, nas decrecentes universidades galegas sempre haberá oferta de escusas para a mesocracia, botando por diante aos proletarios precarios. Aínda que eses pobres proletarios, que xa censou Roma como tales, sexan prolíficos en maior medida cós mesócratas investigadores. Por iso cómpre salvar Negueira de Muñiz. Coidala como a boa nai galega. Alí está a nosa primeira liña de defensa do porvir.

Charles de Gaulle encomendoulle a Alfred Sauvy, asesor da Fronte Popular francesa, unha estratexia de rexeneración en 1945. E conseguírono, a pesar da ingratitude do seu pobo. Os grandes pobos son ingratos cos seus heroes. Tanto ten. Precisamos un Cincinato para salvar a nosa pequena patria e para que nunca remate como unha Proxeria, república senil e estéril. Imos daquela por Nosa Señora a Negueira de Muñiz para salvar a cerna da nosa boa nai, Galicia.