Pensións: un acordo de futuro

Maica Bouza SECRETARIA DE POLÍTICA SOCIAL DE CC.OO. DE GALICIA

ECONOMÍA

Óscar Cañas

04 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O acordo sobre a reforma do sistema de pensións é un primeiro desenvolvemento das recomendacións do Pacto de Toledo; polo tanto, é froito do acordo político e mais do acordo no diálogo social, que son a mellor garantía dun sistema de público de pensións presente e futuro. Con este imprescindible acordo rachamosco modelo de pensións e de seguridade social de tipo anglosaxón,imposto en solitario polo PP coa súa reforma do 2013: pensións de baixa contía que deben ser completadas -se houber recursos- con sistemas complementarios de pensións. Este cambio de paradigma, tan regresivo, camiñou da man da reforma laboral e da negociación colectiva, que só serviu para xeneralizar o emprego precario edesvalorizar os salarios, provocando unha caída sen precedentes das cotizacións sociais que, pola súa vez, reduciron os ingresos da Seguridade Social. O modelo do PP obrigaba a recortar o gasto en pensións, co obxectivo de que no2050 houbese o mesmo gasto ca no 2017, malia que o número de pensionistas aumentará de 9 a 13 millóns.

O acordoasinado por CC.OO. -por certo, único sindicato que estivo en todos os pactos de pensións- segue un camiño diametralmente contrario, actuando en catro liñas. Primeiro, derroga por completo a reforma do 2013, actualizando as pensións conforme o IPC e eliminando o factor de sostibilidade -que reducía a contía inicial en función da esperanza de vida, prexudicando sobre todo a mocidade-. Segundo, recolle un compromiso de financiamento de 21.000 millóns anuais -case a metade do que se necesita para o 2050- para completar os gastos que actualmente só se financian con cotizacións; esta medida irá acompañada dunha mellora da recadación derivada da cotización por ingresos reais doréxime do traballo autónomo e do incremento de bases máximas de cotización.

En terceiro lugar, refórzansede maneira moi considerable os incentivos para que as persoas poidan actuar voluntariamente sobre a súa idade efectiva de acceso á xubilación cunha mellora xeneralizada dos coeficientes redutores. Refórzase tamén a xubilación demorada baixo o prisma da voluntariedade. Non hai modificación ningunha respecto á idade ordinaria de xubilación, que segue o seu curso segundo o pactado no 2011. Por último, incorpóranse outras medidas de mellora do sistema de pensións, como a equiparación da pensión de viuvez das parellas de feito coa dos matrimonios ou a cotización de todas as bolsas -remuneradas ou non- ou a protección das persoas coidadoras non profesionais.

Como dicía, é un primeiro desenvolvemento das recomendacións do Pacto de Toledo. Porén, para garantir a suficiencia e sostibilidade do sistema de pensións, ademais de desenvolver todos os puntos do acordo, deben acometerse outras reformas que contribúan a incrementar os ingresos da Seguridade Social, como a suba do SMI, que tamén ten efectos nas cotizacións sociais, e a derrogación íntegra da reforma laboral para favorecer a creación de emprego de calidade e con mellores salarios.