Os espazos rurais enfrontan un amplo abano de desafíos, desde o avellentamento da poboación ata os baixos niveis de renda, a falta de sucesión nas explotacións agrícolas e gandeiras, a crecente fenda dixital e o impacto do cambio climático, entre outros. No caso de Galicia, estes desafíos presentan características propias onde a perda de poboación e a falta de xestión de gran parte do territorio conviven con sectores punteiros e innovadores, como o lácteo, o cárnico, o vitivinícola e o forestal no ámbito agrario, ou a pesca no eido marítimo. Estes sectores desempeñan un papel crucial non só na xeración de riqueza e na provisión de alimentos de calidade e saudables, senón tamén na xestión do territorio, na preservación da biodiversidade e na prevención de incendios forestais.
O fortalecemento dos espazos rurais debe ser unha prioridade das políticas públicas. Este debe ser abordado cun enfoque territorial amplo, procurando facer do rural un lugar atractivo para o asentamento da poboación e o desenvolvemento de actividades económicas sostibles que xeren riqueza, emprego e oportunidades.
Para acadar este obxectivo, é esencial traballar en varios frontes complementarios e interrelacionados. En primeiro lugar, é preciso impulsar a diversificación económica dos espazos rurais, promovendo o emprendemento, reducindo a burocracia e flexibilizando a lexislación urbanística para facilitar o asentamento de novas empresas e a expansión das existentes. En segundo lugar, é necesario promover unha reforma fiscal orientada a incentivar investimentos e asentamentos no rural, tanto de empresas como de individuos, ademais de mellorar a fiscalidade para agricultores, gandeiros e produtores forestais.
Paralelamente, é crucial impulsar a conectividade por banda ancha como medio para mellorar a competitividade e a dixitalización das áreas rurais en xeral, e especialmente dos seus sectores produtivos. Isto require dunha aposta decidida pola dixitalización, a innovación e a eficiencia enerxética, tanto nas explotacións como na industria.
Outro ámbito no que cómpre traballar é na promoción da bioeconomía e a economía circular como motores de cambio nos territorios rurais. Por último, promover comunidades enerxéticas, facilitando á poboación o acceso a recursos de enerxía renovable e outros servizos enerxéticos ou de mobilidade, así como garantir servizos básicos é fundamental para avanzar cara a sostibilidade e autonomía das áreas rurais.