Galicia deixaría de emitir 2,5 millóns de toneladas de CO2 se operasen os parques eólicos hoxe parados

La Voz REDACCIÓN

ECONOMÍA

De esquerda a dereita: Paula Uría, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático; a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o catedrático de Dereito Administrativo Francisco Javier Sanz Larruga
De esquerda a dereita: Paula Uría, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático; a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o catedrático de Dereito Administrativo Francisco Javier Sanz Larruga GONZALO BARRAL

A conselleira de Medio Ambiente defende o interese público superior dos proxectos renovables, nunha comunidade que avanza en normas climáticas

23 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai seis anos, a Unión Europea recorda con insistencia a todos os países membros que teñen que confluír as políticas de cambio climático e de enerxía. O Goberno galego ten claro que non é posible reducir a contaminación «se non prescindimos das enerxías fósiles, que son aquelas que producen o 75 % dos gases de efecto invernadoiro», incide a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático. Por elo, aposta, tamén en sintonía coas directrices comunitarias, por facilitar o despregue das enerxías renovables, co gallo de cumprir cos seus propios obxectivos, que adiantan a 2040 o reto de lograr a neutralidade climática na comunidade, dez anos antes do prazo dado na UE. «Se non implantamos enerxías limpas e verdes, non coidaremos ao noso planeta nin a Galicia», sinalou.

A conselleira de Medio Ambiente, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Francisco Javier Sanz Larruga, participaron nun foro sobre O reto ineludible da descarbonización, no que puxeron en valor o traballo feito ata o momento e os desafíos cara os vindeiros anos.

Uría recordou que a UE establece un obxectivo de neutralidade climática no 2050 pero fixa tamén un intermedio, no 2030, cunha redución dun 55 % das emisións contaminantes netas. «Galicia xa está neste momento nun 60 % de redución, tomando como o ano de inicio de referencia 1990», anunciou, ao mesmo tempo o compromiso da Xunta pola súa «forte aposta» pola neutralidade climática. Unhas fontes de xeración baseadas nas enerxías renovables e unha xestión do territorio para captación da absorción do CO2 son algunhas das ferramentas nas que baseará esa aposta. De feito, mentres a UE marca unha obriga de lograr que o 42,5 % do consumo sexa abastecido con enerxías verdes, Galicia xa alcanzou unha tasa do 44,7 %.

Sen embargo, esa aposta pola descarbonización pode estar comprometida polas medidas cautelares ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que afectan a todos os proxectos eólicos autorizados pola Xunta. Ángeles Vázquez, ademais de incidir que eses proxectos «pasaron un proceso totalmente transparente», incidiu en que «se os tivéramos instalados, deixaríamos de emitir 2,5 millóns de toneladas de CO2, unha cuarta parte das emisións que temos que reducir a 2040», asegurou. Pero esa aposta polas enerxías renovables vai acompañada, engadiu, de novos requisitos para que o uso dos recursos naturais da comunidade revirtan en beneficios no territorio, e a esa necesidade responde a aprobación da recente lei. 

Retramitación de parques

A conselleira de Medio Ambiente explicou que, vinculada a esa estratexia de que os proxectos enerxéticos xeren beneficios para a comunidade, a Xunta dará unha segunda oportunidade aos promotores dos parques paralizados para que fagan unha retramitación dos seus proxectos. «Terán que demostrar o interese público superior dentro do proceso de avaliación ambiental», advertiu. Ainda que anunciou que o Goberno galego intentará «simplificar o máximo posible» o procedemento, sinalou que farase «con rigor» e seguridade xurídica.

Para Sanz Larruga, a nivel regulatorio, o Pacto Verde, así como distintas normativas estatais e tamén autonómicas, marcan o camiño cara ao desenrolo das enerxías renovables. Tamén incidiu na importancia de que as administracións non só traballen para reducir os efectos dos gases contaminantes, senón tamén para a adaptación do cambio climático. «Galicia tiene su estrategia a 2050 y está impulsando varios planes, y en ese sentido ha sabido hacer sus deberes, pero ahora falta la letra pequeña», afirmó.

Co foco posto na nova Lei do Clima e na de Administración Ambiental Simplificada, a conselleira afirmou que no traballo de redacción desas normativas non faltou o diálogo con todos os sectores implicados. «Cada lei que vaia a saír á luz pública ten que ser unha lei propia dos galegos, participada, na que primeiro escoitemos e repensemos e a partir de aí decidamos que é o que queremos ser no presente pero tamén no futuro».

Un traballo regulatorio no impulso dunha Lei ambiental simplificada 

A Consellería de Medio Ambiente ten enriba da mesa dúas regulacións de calado. A directora xeral de Enerxías Renovables e Clima explicou que, no que atinxe á Lei de Administración Ambiental Simplificada, ten por obxectivo clarificar toda a normativa ambiental que vai afectar non só aos proxectos renovables, senón a todos aqueles que precisen dunha avaliación ambiental. «É unha lei bastante ambiciosa, porque se pretende clarificar, unificar, simplificar e evitar duplicidades, pero coa máxima garantía ambiental», afirmou.

Trátase dunha normativa que se considera, dende o ámbeto académico, moi necesaria, e na que participou Sanz Larruga. «Para nosotros, como Universidad pública, que tenemos que prestar un servicio a la sociedad, y creo que también para la Xunta, la colaboración ha sido muy interesante, y ya teníamos el precedente de la ley del litoral».

Por outra banda, Paula Uría anunciou que o Goberno galego está ultimando xa o segundo Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima, despois de que fose pioneira na posta en marcha dun programa deste tipo, no ano 2000. «Executáronse o 80 % das medidas incluídas no plan e un 90 % do seu orzamento», explicou. «Estamos a falar de máis de 11.000 millones de euros en todo ámbito temporal», engadiu, para subliñar que esperan elevalo nas vindeiras semanas para a súa aprobación no consello da Xunta.

Innovación, sensibilización social, incremento da competitividade do tecido productivo, dende o ámbito da sostenibilidade e formación da cidadanía forman parte dos obxectivos que persigue o Goberno galego coa nova Lei do Clima. 

Recuperar posicións

Para Ángeles Vázquez, o desenvolvemento de estratexias a prol do medio ambiente é unha aposta pola saúde pública. «Nós presumimos de que somos a comunidade autónoma que máis reducimos as emisións de CO2, pero tamén é certo que éramos os primeiros ata o de agora na implantación de eólica e nos últimos anos pasamos a ser a cuarta». Firme defensora da convivencia entre a biodiversidade e as instalacións renovables, insiste na súa crenza «no ecoloxismo como ciencia» e lamenta que se estén freando os proxectos cos que Galicia podería contribuír ao cambio climático «por dogmatismo e tamén por outro tipo de economía que dende logo quere seguir existindo».

Recoñecemento do interese público superior 

Despois das paralizacións da gran parte dos proxectos eólicos por parte do TSXG e de que este elevase unha triple cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, a Xunta confía en que, como sucedera co Supremo, os maxistrados comunitarios tamén corroboren a validez da tramitación eólica autonómica. Mentras, a conselleira de Medio Ambiente valora un recente fallo do TSXG que por primeira vez recoñece o interese público superior a unha instalación de evacuación de enerxía eléctrica. «Agora parece que se ve un pouco á luz xa que, de cinco maxistrados, tres recoñeceron ese interese público superior», subliñou. Ao mesmo tempo, anunciou que agardan que «se despexe canto antes cualqueira dúbida que teña que ver coas autorizacións outorgadas pola Xunta, pero sobre todo, coa transposición da directiva que fixo o Goberno central hai 11 anos», afirmou. Refiriuse á directiva comunitaria que non só regula á avaliación ambiental dos proxectos enerxéticos, senón tamén de calqueira tipo de infraestruturas. Por elo, un fallo contrario podería por en entredito todas as tramitacións feitas no país.

Ángeles Vázquez valorou o papel tomado polo Goberno central, que se personou tamén na causa na UE. «Custou entender que ese non era un problema só galego», incidiu. O Executivo central tamén se dirixiu ao TSXG para explicar que a zonificación para a instalación eólica —que o tribunal utilizou como argumentario nas súas sentezas— é orientativo.

No eido ambiental, Galicia ten, como sinalou á conselleira, moitas oportunidades e recursos de primeiro nivel. Nesa conxura entre desenvolvemento e sostenibilidade, Vázquez comprometeu traballo para que os proxectos renovables queden na comunidade.