O galego esmorece xa na educación infantil

T. M. SANTIAGO / LA VOZ

EDUCACIÓN

CARLOS CASTRO

En catro de cada dez cativos prodúcese un cambio de lingua cara ao castelán

27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un cativo comeza a escola. A súa lingua inicial é o galego. Catro de cada dez veces comeza a falar máis castelán. E esa mudanza dáse sobre todo na segunda etapa de educación infantil. Acontece no CEIP Agro do Muíño, en Ames, un deses poucos concellos galegos que aínda desafían a crise demográfica, pero que son exemplo da crise de transmisión da lingua galega.

A Real Academia Galega e mailo Concello de Ames presentaron onte un estudo sociolingüístico do centro, que é un claro exemplo do «desprazamento do galego polo castelán que está a suceder no ámbito periurbano de Galicia», segundo conclúe o informe, que tirou os datos das enquisas realizadas entre a comunidade escolar do centro amiense. De feito, o proceso de substitución é maior no Agro do Muíño que no resto da comarca de Compostela, e máis acusado incluso ca en Santiago.

«Os nenos ou nenas de infantil fan un maior uso do galego que os que xa levan un tempo no centro escolar, aínda que as cifras de lingua inicial de partida son as mesmas», di o informe. Segundo a estatística, «o descenso do uso do galego nos nenos e nenas coa entrada en primaria (contrastado cos datos de idade) indican que o centro escolar ten unha parte de responsabilidade neste proceso de mudanza lingüística». A responsabilidade non é como sistema formal de adquisición de competencias, senón como sistema de socialización máis alá das familias.

Hai, porén, posibilidade de recuperación de terreo para a lingua galega, segundo coinciden os responsables do estudo. Principalmente porque máis da metade das familias do centro manteñen o galego dun xeito ou doutro: un cuarto son galegofalantes e a metade son bilingües. Ademais, o centro ten un profesorado implicado. Pero é necesario traballar dentro do ensino e tamén noutros espazos e contextos que gañan influencia na socialización da xente nova.