Juan Carlos Codesido: «Os recursos que ten a FP sorprenden aínda a moitas persoas e empresas»
EDUCACIÓN
O Politécnico promoveu a súa oferta nun salón internacional en Madrid, convidado polo ministerio
10 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.No pavillón das universidades de Aula 2020, o salón internacional de estudantes e oferta educativa celebrado a semana pasada en Madrid, contou cun espazo propio o Politécnico de Santiago. Estiveron os docentes Juan Carlos Codesido, Jaime Franco, José Luís García e José Antonio Pose, seis estudantes e un representante dunha empresa de impresión 3D que colabora co centro. Durante catro días promoveron os ciclos das familias de Química, Madeira e Electricidade, «e boa parte das visitas pensaban que nós tamén eramos unha universidade pública ou privada, porque os recursos que ten a FP sorprenden aínda a moitas persoas e empresas, que non imaxinan os avances orientados para o mercado laboral con que contamos», afirma Juan Carlos Codesido.
«Recibimos por vez primeira un convite do Ministerio de Educación para participar nun acontecemento como Aula 2020, celebrado en Ifema, porque o noso centro foi designado de excelencia europea. Eramos o único centro de FP», esclarece Codesido.
As persoas que visitaban as dependencias do Politécnico nese salón «podían observar o ADN en poucos pasos. É unha das actividades que se realizan no módulo de Biotecnoloxía, no ciclo de Laboratorio de Análise e de Control de Calidade, da familia de Química. Os métodos biotecnolóxicos van ter maior presenza neste ciclo, e a idea do noso centro é poder implantar tamén o ciclo superior de Produtos farmacéuticos, biotecnolóxicos e afíns», manifesta este docente.
Outros asuntos de biotecnoloxía que se podían ver no espazo de Politécnico eran «sobre transformación de bacterias para a obtención de proteínas e de medicamentos. O noso alumnado aprende a realizar probas para a detección de fraudes en alimentos a través de técnicas como a PCR e outras, fan análises de listeria e salmonela en alimentos e mesmo poden facer tamén probas para detectar doenzas», acrecenta.
A delegación do Politécnico fixo a montaxe dos diversos materiais que levou a Madrid o día 3, e entre o 4 e o 8 atenderon miles de visitas de centros de ensino, empresas e diversas representacións. Nas súas dependencias estiveron a ministra de Educación, Isabel Celaá, e outras representacións do ministerio.
«Levamos dúas impresoras 3D de gran tamaño feitas para os proxectos do noso centro, e foi con nós Álvaro, un representantes de Makergal, a empresa coa que colaboramos nesta tecnoloxía. Así, causou bastante impacto algunha cadeira de deseño elaborada con impresión 3D nos estudos de Madeira. Nese mesmo ámbito expuxemos un proxecto co que traballamos este curso co centro integrado de FP Carlos Oroza, de Pontevedra, para facer impresión 3D con manteiga, chocolates e outros alimentos, e que está bastante avanzado», afirma.
Na familia profesional de Electricidade, o Politécnico ensinou como forma alumnado para montar unha vivenda dixital, con equipos e sistemas de tecnoloxía avanzada e automatizada, ou como é a subestación eléctrica que se instalou no propio centro con finalidade didáctica, que utilizan docentes e estudantes doutros centros de FP galegos. «Tamén levamos algúns proxectos realizados polo noso alumnado, e entre os que interesou especialmente estivo un de eliminación de plásticos no mar», indica Codesido.
A delegación do Politécnico verificou igualmente o interese do ministerio pola formación a distancia, e o moito que valoran os recursos didácticos que axudan para potenciar esta modalidade de ensino, que neste centro de Santiago teñen en diversos ciclos, e tamén lles preguntaron por recursos que están a aplicar.