Xogar ao cu-cu para cambiar o mundo

EDUCACIÓN

MARCOS CREO

08 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A educación universal, gratuíta, en igualdade para homes e mulleres, foi o resultado dun longo proceso de loita e conquistas sociais. Houbo que agardar ata entrado o século XX para que en 1910 se recoñecese o dereito das nenas a seguir estudando máis alá da educación básica (ata os dez anos) sen ter que pedir un permiso para facelo. E iso entre nós, porque —como sabemos— no panorama mundial a cuestión vólvese moito máis complexa.

Mais cómpre agora preguntármonos como se está a desenvolver esa educación. A aprendizaxe debería producirse nunha contorna segura e feliz, recoñecedora e respectuosa das características e inclinacións de cada neno e nena, que propiciase a curiosidade natural e a ilusión por aprender. Dese tipo de contorna cunha interacción significativa e chea de afecto fálanos Molly Wright na charla TED pronunciada pola persoa máis nova ata o momento, con apenas 7 anos. «O xogo do cu-cu —di— pode cambiar o mundo». E o xogo do cu-cu representa, no vídeo, a atención plena do adulto que se implica nunha interacción significativa e lúdica co neno. Eu puiden asistir hai uns días a unha destas situacións sentada no coche, agardando a que se puxese en verde un semáforo. Captou a miña atención unha nena ben pequerrechiña, duns tres anos, que camiñaba da man dunha muller, presumiblemente a nai, mais que ollaba cara a atrás, ao alto, e estiraba un dedo ao tempo que formulaba unha pregunta que non puiden oír. Ao rematar de cruzar, a muller agachouse e, desde a altura da nena, faloulle, sinalando así mesmo co dedo mentres a nena dirixía a súa ollada chea de curiosidade. Non asistín ao final. O semáforo púxose en verde e eu arrinquei, pero aquela breve escena ilustrou, dun xeito sinxelo e cotián, o que Molly Wright explica tan ben. O mesmo que contén o premiadísimo vídeo de animación ALIKE, no que mediante trazos e cor se expón toda unha filosofía, chea de sensibilidade, sobre as nosas vidas e as dos nenos, sobre o mundo do traballo e o da educación. O oasis da natureza e a arte, encarnado nun violinista xunto a unha árbore, no medio da cidade gris; o neno e o pai que van perdendo a cor en rutinas onerosas e alienantes resólvense alí polo lado da subversión: o pai érguese fronte ao mundo. Mais precisamos facer do seu xesto algo colectivo: necesitamos adultos con tempo e empatía e profesores e profesoras con ratios baixas, que poidan achegarse a cada neno e nena, satisfacer a súa curiosidade e seguir a dirección marcada polo dedo.

Porque sabemos moi ben o que podería ter pasado, o que pasa cada día: que no balbordo do tránsito e das presas a nai nin oíse, tirase da nena para adiante e a curiosidade quedase sen resposta. Tampouco a escola a daría, afogada a mestra en atender a 25. Pouco a pouco a curiosidade cedería á abulia e ao cansazo. E logo preocupariámonos da saúde mental. E caeriamos no tópico de dicir que non comprendemos aos adolescentes.