Motivar aos fillos para que estuden

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

CESAR QUIAN

03 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A motivación para o estudo sempre foi decisiva cara ao éxito académico e mesmo laboral, pero cada día hai menos estudantes atraídos polo traballo intelectual. Falta curiosidade por saber ou interese pola lectura e nin sequera se aproveitan as excepcionais posibilidades de internet para aprender. Ter que asistir a clases e estudar sen ganas é unha constante frustración para o alumno, que en moitos casos vai quedando retrasado pouco a pouco e acaba por abandonar en canto pode, ou ben consegue rematar estudos con moi baixo rendemento, cos que non logra entrar no mercado laboral. Hans Selye chegou a dicir que a falta de motivacións é a maior traxedia mental porque destrúe tódalas normas de conduta.

A principal causa deste desinterese por estudar está na moi baixa tolerancia dos rapaces ás contrariedades, xa que posúen de todo e conségueno con facilidade. Son incapaces de levar a cabo o esforzo constante que supón a actividade intelectual, polo que se desaniman e buscan maneiras máis satisfactorias de pasar o tempo, como son as pantallas, diante das cales pasan horas e horas en detrimento da concentración que esixe o estudo. Co traballo pasa o mesmo. A xuventude non está motivada para asumir ocupacións que se ofertan e que requiren tempo, entrega e permanente formación. Buscan traballos cómodos, de pouca dedicación, con boas vacacións e ben pagados. E como isto non é doado, acaban por se habituar á comodidade do fogar cunha pequena paga da familia para ir tirando. O grande problema actual é que hai moita máis cultura do pelotazo que do esforzo e da responsabilidade.

Que poden facer os pais? En primeiro lugar, non darlles todo feito aos fillos e acostumalos desde moi pequenos á responsabilidade das propias tarefas escolares e á planificación do seu tempo, aprendéndolles a estudar e a combinar traballo intelectual e ocio. Hai que estar o máis cerca posible deles e axudarlles a definir con claridade as metas esenciais na vida. A boa formación non se adquire só con estudos institucionais e polo tanto hase fomentar unha permanente curiosidade e afán de saber, para o cal é esencial que as aprendizaxes sexan atractivas e útiles.

Empeñarse en que os fillos fagan estudos universitarios pode orixinar frustración e fracaso. O noso país está por riba dos veciños en número de titulados superiores, pero a inserción laboral é moito máis baixa e de peor calidade. Unha boa opción para os rapaces que prefiren entrar axiña e con moitas posibilidades no mercado laboral, son as titulacións de formación profesional.