No IES Poeta Díaz Castro: «Deseñamos espazos para que a rapaces e profesores nos apeteza vir ao centro»
EDUCACIÓN
Neste instituto de Guitiriz crearon recunchos para a natureza, a creatividade ou o audiovisual
18 jun 2024 . Actualizado a las 09:40 h.O sol loce sobre o invernadoiro e o hotel de insectos que Claudia e Oriol, estudantes de 1.º da ESO, presentan con orgullo como parte do recuncho da natureza do IES Poeta Díaz Castro. É un dos nove espazos educativos e lúdicos que este centro de Guitiriz deseñou e está a poñer en marcha. Porque a irrupción da covid no ano 2020 cambiou moitas cousas. E neste instituto, fíxoo para ben. «A volta a clase logo da pandemia non foi fácil. Alí estabamos medindo distancias. Había certo medo. Á xente custáballe socializar. Había que facer algo para que a xente estivera máis cómoda. E déusenos por cambiar a sala de profesores, que non usaba ninguén, e convertela nunha sala tipo coworking. Foi un éxito», lembra a xefa de estudos, Susana Vázquez.
Quedou tan claro que os espazos importan que se propuxeron darlle unha volta a todo o centro. Mesmo organizaron unha xornada para que profesorado, alumnado e familias revisaran as instalacións e pensaran qué tipo de espazos deseñar. «Queriamos atopar lugares onde a comunidade educativa puidese desenvolver actividades diferentes ás típicas académicas», explica Vázquez.
Nove espazos distintos
Na biblioteca crearon dous espazos distintos de socialización. Josué e Iván, dous alumnos de FP básica, son dos que visitan a miúdo o recuncho de creación literaria Arredor das palabras. Obviamente hai libros e unha zona para escribir. Pero o que máis destaca é o ambiente, que convida a relaxarse e falar. Os asentos poden moverse, a configuración da zona pode cambiarse. «Es un espacio dinámico y es circular, puedes charlar con quien sea sin estar mirando hacia delante a un punto fijo», di Iván, que explica que é habitual que a rapazada se reúna aquí a escribir microrrelatos. «A mí lo que más me gusta es poder dar mi opinión sobre libros, hacer recomendaciones... Es un lugar muy cómodo donde puedes estar con tus amigos», engade Josué.
Ao carón deste recuncho está a zona de audiovisuais. Ten de todo, mesa redonda con micrófonos e auriculares, ordenadores, croma para a gravación de vídeos, ferramentas de edición... Sara, de 2.º de ESO, participa nunha das radios que traballa neste lugar: «Me gusta hablar, contar historias... Soy muy feliz con esta actividad», conta.
Outros rapaces prefiren o espazo de Creadores creativos. Situado nunha zona exterior, alí fan talleres de cestería, de pulseiras... Mesmo teñen un gran tear no que dar renda solta á súa inspiración, e pensan en poñer un xardín vertical. «Isto está relacionado co slow life, con ter un lugar onde parar un pouquiño, non pensar tanto en exames ou problemas e relaxarnos e expresarnos como queiramos, desenvolvendo a creatividade», explica Irene, alumna de 1.º de bacharel.
Esa zona podería converterse tamén nunha aula exterior, o mesmo que o recuncho Sentindo a herba, pensado para a observación da natureza. Nel está o invernadoiro de botellas recicladas no que hai plantados carballos, a composteira ou os bancais nos que sementaron grelos e repolos que levou a chuvia de inverno, e nos que na primavera agromaron as setas. Tamén a estrutura con forma de hórreo e con materiais naturais que construíron para que os insectos se poidan refuxiar. «Temos a idea de poñer bancos e mesas e unha pérgola que dea sombra, e ata un estanque», explica Oriol. «A idea é que poidamos recibir clase de calquera materia aquí, na natureza», explica Claudia.
De volta ao interior, no segundo andar hai un recuncho pequeno en tamaño, pero grande en funcións. Nel traballa o equipo de mediadores, estudantes do centro que voluntariamente e grazas a formación específica, median nos conflitos que se producen entre a rapazada.
E os futuros lugares
Outros espazos están aínda a se desenvolver. En Activa a túa mente haberá oco para gozar cos xogos de lóxica, como o xadrez e outros. E coa Aula da calma queren buscar un lugar tranquilo, onde predominen as experiencias sensoriais e o alumnado poida relaxarse e saír da rutina. E no espazo En tempo real a idea é que os estudantes encargados de comunicación poñan imaxes e información dos eventos que se están a facer no centro.
Pero un dos proxectos que máis ilusiona a este instituto non é un espazo físico, senón de encontro. Bautizado como o Foro da comunidade, pretende reunir a profesorado, estudantado, familias e convidados para tratar distintos temas de interese.
O obxectivo é estar sempre abertos a propostas, que os espazos sexan flexibles e que todos poidan gozalos. «Que se empreguen de xeito diverso e sirvan para mellorar as relacións entre todos os que compoñemos a comunidade educativa», indica Yolanda Barallobre, orientadora do instituto. «Aos nenos ten que apetecerlles vir ao instituto, e a nós vir traballar», resume a xefa de estudos. E semella que o conseguen.