Grazas; por favor; perdón!

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

MONICA IRAGO

12 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das acepcións máis esquecidas hoxe en día da palabra educación é a de urbanidade, cortesía ou civismo. As boas maneiras de comportamento na sociedade están a desaparecer dos hábitos cidadáns e tamén dos obxectivos educativos no fogar. Moitos cren que están pasadas de moda ou que non serven para nada, razón pola que non as practican nin llas inculcan aos fillos, mentres fomentan, pola contra, a grosería e a descortesía. Pénsase que a espontaneidade (mal entendida) ou os berros e actitudes descaradas son máis progresistas e efectivos.

Como consecuencia, estamos a vivir situacións coma estas: uns rapaces camiñan ocupando toda a beirarrúa, obrigando aos que veñen en contra a baixar dela e, por riba, non piden perdón; unha persoa moi maior e con bastón vai de pé no autobús, mentres os mozos que viaxan sentados non deixan de trebellar cos móbiles; nunha mesa do comedor non hai máis que berros e risas estrepitosas, sen que ninguén se decate de que molestan aos que están cerca. E un longo etcétera ben coñecido, e mesmo sufrido, por moitos.

Malia o mal exemplo que dan algúns medios de comunicación ou a clase política, que tanto inflúen no comportamento cidadán, é urxente reivindicar unha volta á educación en valores que non teñen tempo nin ideoloxía. Respectar aos demais, dar as grazas, usar o por favor, pedir perdón ou simplemente saudar, son feitos imprescindibles para unha convivencia harmoniosa e están á marxe de modas ou progresismos. A todos gústanos que os demais se comporten ben connosco. Que sexan amables, atentos e respectuosos.

E o primeiro lugar onde se ten que recuperar esta formación é, sen dúbida, na familia. Os pais deben ensinar aos fillos, desde moi pequenos, as normas esenciais de comportamento, e teñen que facelo con constancia e repetición e, sobre todo, co propio exemplo. De nada serve esta educación se os nenos non comproban, día a día, que os seus pais practican o mesmo que piden. E non se trata de formar fillos pasivos ou submisos, senón de conseguir que interioricen uns hábitos moi importantes para a convivencia cotiá e, sobre todo, para a súa futura vida social e profesional.

Os centros educativos poden contribuír a esta educación en valores, pero nunca substituír á familia, e menos aínda cando esta rema en contra, como está a ocorrer en moitos casos. Se os pais non educan no civismo, que non pretendan logo que os fillos aprendan nos colexios a respectar aos demais e teñan normalizados uns bos modos que fagan máis doada a convivencia.