Educación revisará e actualizará o programa E-Dixgal para adecualo aos novos contextos
EDUCACIÓN

O conselleiro avanzou esta tarde no Consello Escolar de Galicia que xa comezaron os traballos coas achegas da comunidade educativa cara a un modelo híbrido no que se complementen tecnoloxía e papel
13 mar 2025 . Actualizado a las 19:04 h.O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou onte durante a reunión do Consello Escolar de Galicia que revisarán e actualizarán o programa E-Dixgal para «adecualo ás novas realidades e á lóxica evolución social e pedagóxica». Rodríguez avanzou que a consellería xa iniciou un «procedemento estratéxico de revisión» deste programa coas achegas da comunidade educativa e fixo fincapé na aposta da Xunta por un modelo híbrido de ensino, onde se complementen tecnoloxía e papel.
O programa E-Dixgal, unha ferramenta máis voluntaria por parte dos centros educativos, leva dez anos en funcionamento. Neste tempo, segundo explican dende Educación, fóronse mellorando aspectos relativos á formación do profesorado e aos contidos, pero agora cómpre reformular o modelo «para garantir un correcto equilibrio na adquisición das competencias do alumnado, así como na igualdade de oportunidades nun mundo cada vez máis tecnificado».
Unha nova realidade dixital
Román Rodríguez defende que é o momento de afrontar unha nova adaptación do modelo: «A realidade dixital dentro e fóra da aula é hoxe moi distinta á de hai unha década, cando foi ideado o programa». A Xunta avoga por mellorar o funcionamento do sistema sobre a base de «estudos e evidencias científicas e con sentidiño» e a través dun proceso «dialogado e consensuado». Amais da reunión de hoxe do órgano onde están representados todos os membros da comunidade escolar, a Consellería de Educación xa mantivo tamén reunións específicas con representantes das anpas e das direccións dos centros educativos.
Este proceso enmárcase na futura lei de educación dixital, un marco normativo a nivel europeo co que a Xunta regulará a partir do ano 2026 os dereitos e deberes da comunidade educativa en material dixital. Rodríguez informou ao Consello Escolar de Galicia do proceso de elaboración e obxectivos desta norma, que esta semana rematou a consulta pública previa cun «éxito de achegas que, de seguro, contribuirán a enriquecelo» e a avalar «a súa solvencia» para afrontar a nova realidade dixital.
Durante reunión, a consellería deu conta da tramitación dos novos decretos tanto de formación do profesorado, para seguir mellorando a aprendizaxe permanente dos docentes, como de ordenación da FP, para completar a implantación no segundo curso das modalidades da nova Lei de FP estatal, que este ano comezou con normalidade en Galicia. Tamén se deu conta do novo protocolo de alertas escolares meteorolóxicas.