Pontón denuncia o «escrache» do goberno de Feijoo á lingua galega

S. L. L. SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2020

XOAN A. SOLER

 Reclama que se derrogue o «decreto da vergoña» que prohibe o ensino en galego de Matemáticas e Ciencias

17 may 2019 . Actualizado a las 14:31 h.

Na mobilización en defensa do idioma galega convocada por Queremos Galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón denunciou o «escrache» de Feixóo e do Partido Popular á lingua galega. A líder do BNG considerou de «sentido común» que os galego falantes desenvolvan a súa vida na lingua propia de Galiza «sen ningún tipo de discriminación» e denunciou  «o escrache do Partido Popular de Feixóo» dos últimos anos á lingua galega para conculcar, dixo, un dereito fundamental para poder usar a nosa lingua e normalizala como recolle o propio Estatuto de Autonomía. 

Pontón afirmou que a primeira  consecuencia do «escrache do Partido Popular» provoca que a lingua galega sexa a única lingua do Estado español que perde falantes. «É a única lingua que non podemos ler nos xornais e que está  prohibida no ensino de Matemáticas», engadiu  a líder do BNG  que, a maiores, apuntou a «importante diminución do idioma galego no sector da edición».

 Para a portavoz nacionalista, a política de acoso do PP conduce á exclusión do galego no 90% das escolas de infantil das cidades, unha clara evidencia de como «o idioma retrocede».

Visita al festival Compostela Literaria

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, salientou o compromiso do Bloque co impulso da cultura galega dende os concellos e reivindicou o galego como «sinal de identidade dos gobernos do BNG». Fíxoo nunha visita ao festival Compostela Literaria da líder nacionalista na compaña da candidata do Bloque á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín. Nesa cita Pontón aproveitou para «poñer en valor a creatividade do país que, destacou, conta cun firme aliado nos concellos gobernados polo BNG, cun modelo municipal que ten como un dos seus máis claros sinais de identidade o apoio á cultura do país».

Subliñou a líder nacionalista que o apoio do BNG á cultura galega e un dos sinais de identidade do modelo municipal por tres razóns: «Por orgullo do propio, da nosa lingua e cultura; porque é un elemento de desenvolvemento económico e de creación de emprego e, en terceiro lugar, porque favorece a cohesión social e o empoderamento das persoas. Por todo isto é un sinal de identidade dos nosos concellos», explicou Pontón. Fixo, ademais, referencia a importancia de facer política desde os concellos «porque contribúe a sentir orgullo de país, porque ter unha cultura propia é motivo de celebración, porque cando apostamos pola cultura tamén apostamos por crear emprego, tecido empresarial e industrial e hai que facelo abordando o problema da precariedade que teñen os e as creadoras e traballar desde as institucións municipais para combatela».

Na visita ao festival literario, Pontón e Sanmartín estiveron acompañadas polos escritores Suso de Toro e Daniel Asorey, polas autoras Ana Cabaleiro e Carme Vidal e polo músico Quique González.