Lara Méndez: «Os gobernos sen estabilidade perderon a alcaldía, nós mantivemos o resultado»
ELECCIONES 2020
A candidata do PSOE e alcaldesa en funcións xa comezou as conversas co BNG para «facer un goberno de esquerdas para Lugo»
29 may 2019 . Actualizado a las 21:49 h.Lara Méndez xa mantivo o primeiro contacto co que será o seu socio político, Rubén Arroxo, candidato e líder do BNG. A necesidade dunha estabilidade de goberno e o incremento de edís dos nacionalistas ?de dous a cinco? abocan a ambas formacións a recuperar o bipartito no Concello de Lugo e sumar os 13 concelleiros da maioría absoluta. A outra opción de goberno na cidade é que chegue a alcaldía a lista máis votada, a do popular Ramón Carballo, con dez edís.
-Como foron as primeiras conversas co BNG?
-Na noite electoral mandeille unha mensaxe a Rubén, onte (polo luns) chameino por teléfono e hoxe mantivemos a primeira toma de contacto. En principio vamos a iniciar unhas conversas para chegar acordos programáticos para darlle estabilidade ao goberno de Lugo.
-Ten experiencia de bipartito co BNG cando foi vicepresidenta da Deputación. Será sinxelo?
-Creo que temos programas que no substancial facilitan os puntos de acordo. Vai a ser fácil o diálogo e buscar puntos en común programáticos para marcar estratexias de futuro e que virán da man dos orzamentos. Ambos somos respectuosos co medio, queremos un crecemento sostible, buscamos humanizar espazos e máis peonalización, fomentamos a mobilidade e accesibilidade...
-Terá liberdade para pactar ou virá condicionada pola direccións de Santiago?
-Cada concello terá a súa peculiaridade e os o interlocutores non serán sempre os mesmos. O noso está claro e o dixen a noite electoral: Lugo quere un goberno de esquerdas porque os lucenses o dixeron e a confluencia é PSOE e BNG.
-Pediu consello sobre como foron as experiencias de bipartito co BNG?
-Gústame estar informada.
-Que reflexión fai dos resultados que tivo, con menos votos e mantendo o número de edís?
-Lugo quere un goberno de esquerdas e quedou manifesto. Queremos estabilidade de goberno, porque era o que reivindicamos. Tendemos a man antes e logo da investidura para darlle á estabilidade a un goberno porque estabamos con 8 edís de 25 e cunha corporación tan fragmentada. Estas eleccións definiron unha situación moi clara: os gobernos onde non había estabilidade o partido que ostentaba a alcaldía baixou considerable, e temos exemplos como os da Coruña, Santiago, Ferrol Ourense, que perderon as alcaldías, ou mesmo Pontevedra, que sen perdela, baixou en representación. Queda de manifesto que pasou factura onde houbo inestabilidade e nós, en cambio, mantivemos os mesmos edís de hai catro anos. Sen orzamentos non se poden facer inversións, nin desenvolvemento económico da cidade, incluso os fondos europeo non se poden levar adiante.
-Que é o máis urxente que acometerá a partir de tomar o mando o 15 de xuño?
-Darlle continuidade ao traballo que viñamos facendo, pero a nivel interno necesitamos resolver o problema estrutural de persoal. Estamos a desenvolver unha oferta de emprego público de 136 prazas. Necesitamos persoal para poder executar os proxectos que temos iniciado.
-Pedirá algunha entrevista con presidente da Xunta?
-O señor Feijoo xa coñece as demandas. Son as mesmas de hai catro anos. O único compromiso que hai é a construción do colexio Sagrado Corazón. O resto son anuncios, non licitacións. E sen falar das débedas históricas! ¿Unha reunión? Nunca será mala, pero cando non hai feed back...
-E co Goberno central?
-Xa o dixen cando entrou o PSOE no Goberno. As reivindicacións son as mesmas porque as necesidades son as mesmas. Agora, hai feitos obxectivos. Con Pepe Blanco de ministro tivemos un anteproxecto de intermodal que logo o PP paralizou a súa licitación. E agora, con Pedro Sánchez, e Ábalos de ministro, volveuse a licitar ese anteproxecto.
quen é lara méndez
Primeira alcaldesa de Lugo nun convulso mandato en solitario
Lara Méndez (Männedorf, Suiza, 1972) forma parte dunha xeración que viviu o apoxeo da universidade en Lugo, onde estudou Enxeñeira Técnica Agrícola. É nai dunha filla -pola que ten unha enorme debilidade- e de trato afable, aínda que de sensación introvertida. Ese carácter reservado sérvelle para ter unha virtude: saber escoitar. Aos seus 46 anos xa conta cunha ampla bagaxe política, tras oito anos de vicepresidenta na Deputación, ao lado de Besteiro, e catro anos de alcaldesa da capital. En xuño do 2015 ía destinada a converterse na primeira presidenta da Deputación pero acabou sendo a primeira alcaldesa de Lugo tralo veto de Lugonovo e BNG a Orozco, persoa coa que mantén contacto: «Felicitoume polos resultados, sempre me dá bos consellos».
Nestes catro anos tivo que levar adiante un goberno en minoría (8 de 25 edís) e con toda a oposición en contra. Na primeira parte do mandato intentou pór en marcha proxectos propios pero os conflitos derivados da falta de persoal municipal foron lastrando a súa xestión, ademais de perder unha moción de confianza. Nesta nova etapa terá unha vantaxe. Dos cinco grupos que tivo na oposición a relación con Arroxo foi a mellor, ademais de valorar algunhas das súas propostas.