Xa o dixo Abascal desde a súa sede: «Parece que gañamos todos». Como en calquera elección que se vexa, o rol de gañadores e perdedores non se clarificará por completo ata que non se saiba quen goberna. Pero a resaca do 23X deixa un feixe de lecturas para que cada formación e cada aspirante escolla a que máis lle preste.
O PP gañou. En escanos e en votos recollidos. Foi dabondo para estaren satisfeitos? Pois non. Cuca Gamarra exerceu de adiviña nada máis pechar as votacións augurando «boas novas», moito mellores das esperadas. Se o dicía polas enquisas, errou. Se se refería ao seu anterior xefe, Pablo Casado, atinou algo máis, porque Feijoo sumou case o 50 % máis de escanos, aínda que ficou moi lonxe da maioría absoluta.
O PP quedou a un escano de distancia do peor resultado de Mariano Rajoy —co que aínda pode empatar cando remate o escrutinio do voto emigrante—, sumou 8.049.341, case catro puntos máis que o seu principal rival e foi primeira forza en 40 das 52 circunscricións electorais. Esas foron as mellores novas. As peores, que Feijoo non puido trasladar ao 23X a fortaleza das municipais e autonómicas, especialmente en Madrid e Andalucía, onde recolleu peores resultados que Isabel Díaz Ayuso e Juanma Moreno. Por que?
O PSOE perdeu, pero pode gañar ao final da carreira. Xa o fixo Pedro Sánchez cando no 2016, logo da repetición electoral e despois de firmar un dos peores resultados da historia do socialismo español, saíu diante da militancia para berrar: «Fixemos historia». Daquela, acabou gobernando Rajoy e el foi deposto polos seus propios compañeiros.
Agora, obtivo 7,73 millóns de votos, cando ningunha enquisa privada podía sospeitalo. E pode que acabe manténdose na Moncloa. O prezo? Carísimo: terá que suplicarlles a Puigdemont, a Otegi, a Junqueras e a Rufián, a Urkullu e a Esteban, e incluso a Néstor Rego e Ana Pontón, os que desprezou nos últimos catro anos, darlles o que pidan e someter cada votación no Congreso a unha nova rolda de concesións. Aínda por riba, a espiral de gasto público sen fin chegou ao final e a Unión Europea reclama un recorte orzamentario de 9.000 millóns para este mesmo ano e novos impostos, como o das autovías, para sanear as contas. Moito touro para lidar cunha posición tan débil.
Vox foi o que menos disimulou. Perdeu 700.000 votos e xa non poderá nin acudir en socorro do PSOE con mocións de censura extemporáneas ou recorrer ao Tribunal Constitucional para impugnalo todo, aínda que, ás veces, como no estado de alarma, tivese razón.
E Yolanda Díaz tampouco terá fácil a cousa. Non logrou saír da esquina da esquerda á esquerda do PSOE da que quería marchar. Empeorou os datos de Unidas Podemos e os coitelos políticos polo veto a Irene Montero, antiga amiga e agora irredenta inimiga, xa se están afiando. Ione Belarra, que sentará ao seu carón, foi a primeira en criticala. E Pablo Iglesias, aínda que xogue a tertuliano, tampouco lle regalou os oídos e nunca deixou de ameazar coa súa volta. Non hai descanso nin no verán.