Yolanda Díaz: «Nós non somos partidarios de volver á austeridade, imos xestionar sen recortes»
ELECCIONES 23J
«Feijoo non pode gobernar, non ten con quen falar. Iso en política é non ter futuro», asegura a líder de Sumar e vicepresidenta segunda do Goberno en funcións
30 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Esta foi a primeira fin de semana en moito tempo que Yolanda Díaz (Fene, 1971) descansa. «É difícil que pare de traballar. Pero a xente si que ten que parar, reivindiquemos o tempo de descanso e as vacacións para vivir mellor. Diso vai Sumar», reclama dende a redacción central de La Voz xunto a súa filla Carmela, a quen por certo hai que atribuírlle boa parte do éxito que tivo Sumar en TikTok. A súa nai retoma xa mañá as súas tarefas para manter o Goberno de coalición.
—Conseguirano?
—Non teño dúbida de que haberá Goberno de coalición. As eleccións deixaron claro dúas cousas: valídanse as políticas do Goberno progresista e a cidadanía do noso país quere seguir avanzando. Temos un país que quere máis democracia e máis dereitos. Si, haberá goberno de coalición
—Terán que convencer a Junts.
—Vai ser unha negociación difícil, pero estou certa de que o imos conseguir. O peor que lle podería ter pasado a España é ter un Goberno con Abascal de vicepresidente. O peor que lle tería pasado a Cataluña é xustamente ese Goberno.
—Sobre a mesa de negociacións, a proposta de máximos de Junts é a amnistía por unha banda, e o referendo pola outra.
—Negocio con moita xente, fixen 18 grandes acordos sociais moi complexos. Tiven unha negociación coa Comisión Europea moi complexa e sei moi ben como se negocia, que as partes cando nos sentamos a negociar teñen que ser respectadas. En democracia hai que poder falar de todo, sen medos, pero as partes sabemos cales son os límites: o marco constitucional, a legalidade vixente e o marco democrático.
—Teñen argumentos electorais para iso, co independentismo en mínimos.
—Os resultados das forzas independentistas foron os que foron. Para que saian os acordos ten que haber confianza, respectabilidade e moita discreción, pero as partes deben ter a posibilidade de falar o que estimen convinte. É unha negociación moi complexa, pero imos conseguilo. Ninguén máis que os cataláns e catalás pode ter interese en que isto saia ben. O que escoitamos de Vox de incendiar Cataluña e que queren incendiar Cataluña. Ninguén quere iso no noso país.
—Fala xa con Pedro Sánchez sobre a composición do Goberno?
—Estamos traballando xa. O importante para nós son os contidos que queremos para os próximos catro anos e, sobre eles, crear unha estrutura de Goberno. Queremos que sexa moderna, se acomode as necesidades do primeiro cuarto do século XXI e nas vangardas das políticas europeas, como fixemos esta lexislatura. Temos demostrado que o noso país derrotou á barbarie. Isto é moi importante e sei que é estimado así na Comisión Europea.
—Trasladáronlle esa preocupación?
—Si, durante a campaña presidín o Consello de Ministras de Traballo e Política Social e había moitísima preocupación. Os meus colegas europeos fixeron seguimento da campaña e déronnos os parabéns. A achega de Feijoo foi meter aos ultras nos Gobernos e naturalizalos, e isto é moi estraño no seo da Europa democrática.
—Como ve a situación de Feijoo?
—Feijoo fracasou. O liderado de Feijoo apágase. A súa proposta política fracasou, a súa campaña foi errática, as mentiras permanentes castigárono, desmobilizou á dereita. Dicía unha cousa pola mañá e outra pola tarde. Amosaba descoñecemento das cuestións da vida pública. O liderado de Feijoo apágase en España e acábase en Galicia. Feijoo non pode gobernar, está só, non ten ninguén con quen falar. Isto en política é non ter futuro.
—Cre que non liderará a oposición?
—Non sei que vai facer, pero o seu liderado apágase.
—Volvendo a configuración do Executivo. Tralo seu peso no Goberno na última lexislatura e durante a campaña, pedirá ser vicepresidenta?
—Non me compete a min esta decisión. Eu teño unha estrutura de Goberno na cabeza, pero vai ser obxecto dunha negociación co presidente. Sumar vai ter un xogo importante, pero esta conversa teño que tela, xa estou nela, co presidente do Goberno. Tamén con respecto a institucionalidade.
—Pero Podemos xa está a esixir unha cota nese Goberno.
—Podemos está dentro de Sumar, na que hai moitas formacións políticas. Estamos no Goberno para mellorar a vida da xente, aquí non hai volta atrás. Cando teñamos o proxecto de país imos adecuar que persoas son as melloras para isto. Como fixen no meu equipo da vicepresidencia, con perfil de profesionalidade, bo facer e discreción. Sumar mira para o futuro, para un país mellor.
—Nese futuro haberá a renovación de ministros como Ione Belarra?
—Estou pensando en ministros e ministras que se adecúen as responsabilidades. O importante é que imos facer os próximos catro anos. Imos gobernar mellor.
—Que é gobernar mellor?
—Colmar as insuficiencias que tivemos. Podería presumir dos datos macros, que son reais, pero sei moi ben que a vida da xente non vai tan ben. O obxectivo desta lexislatura é compensar a perda de poder adquisitivo da xente neste país. Por moito que sexamos o país coa taxa de inflación máis baixa, sei tamén que a cesta da compra é imposible, que os salarios son moi modestos. O que temos que facer nestes catro anos é colmatar a perda de poder adquisitivo neste país. Nós proteximos a dez millóns de pensionistas, revalorizamos as pensións ao 8,5 %, tamén a 2,3 millóns de traballadores co SMI, pero as clases medias ou maiorías sociais teñen os prezos máis caros. O 75 % das hipotecas ven que as cuotas, de media, soben 300 euros. A grande tarefa é colmatar as insuficiencias e gobernar mellor. A política non pode ser un problema para a cidadanía, que ten problemas dabondo, o que precisa é serenidade e tranquilidade. Non converter a política nun balbordo permanente.
—Fixo balbordo Belarra ao criticar os resultados do 23X o luns?
—Non fago comentarios nunca de ningunha formación política…
—Aínda que sexan parte da coalición Sumar?
—Sen lugar a dúbidas. Lexitimamente cada formación ten a súa vida propia. Todo o mundo sabe que viñemos do 28M cun espazo moi reducido, que acadou un millón de votos, e en apenas dous meses fixemos o imposible. Un acordo histórico na democracia española. España érguese o luns moito mellor, con tranquilidade e satisfacción. O noso país está aquí.
—Terá Podemos a autonomía política no Congreso que lle está a reivindicar a Sumar?
—Podemos asinou o acordo que asinou e non teña dúbida que se vai cumprir: con eles, Compromís e con todo o mundo.
—Lémbralle á situación de Galicia en Común?
—Non, Podemos asinou a permanencia nun grupo e as condicións que son democráticas para Podemos, Esquerda Unida e para todo o mundo. Absoluta normalidade.
—Como encaixou a acusación sobre invisibilizar o feminismo?
—Sumar ten un feminismo que é do 99 %. Ten que ver en non converter o feminismo, como quere a dereita, nunha loita de sexos. O feminismo de Sumar é o de facer gañar liberdades. Non hai un movemento máis emancipador que o feminismo neste século e dende hai moito tempo. O feminismo de Sumar fai gañar dereitos aos homes e as mulleres, non é unha competencia entre sexos como quere a dereita. Tralo primeiro acordo para subir o SMI dixen que era a medida feminista máis importante. Fíxese se foi así, que aínda caendo 11 puntos o PIB en España, o normal sería que a crise se resolvera cunha taxa de paro imposible e ensanchando a fenda retributiva entre homes e mulleres. Coas políticas que despreguei, reducimos a fenda catro puntos.
—A pregunta que lle fixo Abascal no debate a tres sobre que é unha muller resultoulle incómoda?
—Non me resulta incómoda. Unha muller son eu ou Carla Antonelli, ou Lys [Elizabeth] Duval, a portavoz de Sumar de feminismo. Quen queira ser unha muller. Estiven a punto de preguntarlle que era para el un home, porque a dereita quixo converter o feminismo nunha guerra de sexos. Ten un modelo de masculinidade profundamente restritivo.
—Nese debate púxolle a Sánchez a liña vermella en non subir a idade de xubilación.
—Eu teño unha excelente relación co presidente do Goberno e un respecto absoluto ao PSOE. Pero nós estamos nun Goberno para gañar dereitos. Non quero un país no que unha limpiadora ou un traballor da construcción teña que subir a un andamio aos 67 anos. O sistema público de pensións ten un problema de ingresos, non de gastos. Somos claros. No compoñente trinta de pensións remitido a Bruxelas dicía que había que ampliar o cómputo da base reguladora de 25 anos. Foi no tempo de desconto e garantizamos que iso non se producira. Non podíamos acompañar ao PSOE nesa proposta. Ampliar o cómputo era recortar as pensións. Quero deixalo claro, nós non partillamos propostas que son innecesarias.
—O próximo ano entran en vigor as regras fiscais que esixe Bruxelas para fixar a ratio de débeda no 60 % do PIB. É posible manter os investimentos que prevén no seu Goberno sen axustes?
—Non comparto en absoluto a política errática de xuros do Banco Central Europeo. O que fai o señor De Guindos, o PP, nesa institución é un erro e grave. Seguir subindo os xuros en España é empobrecer as familias españolas, tamén as pequenas empresas e autónomos. Hoxe calquera pequena empresa ten un custo fiscal moito máis caro. A política é errada. O deseño De Guindos, do PP de Feijoo, que dixo en campaña de pasar apuros e recortes, non o compartimos en absoluto. O FMI dixo que incorporar na xestión pública recortes incrementa a débeda pública, e faría que estivesemos peor economicamente. Nós temos demostrado que é a primeira vez en España que xestionamos unha crise de xeito radicalmente diferente. Na crise anterior tardamos en saír dez anos e once meses polas políticas erráticas de recortes. Nesta, a pesar de caer once puntos de PIB na pandemia, temos 21 millóns de persoas ocupadas en España. En todo isto que fixemos, reducimos a débeda pública dez puntos. O PP incrementouna 32 puntos. Imos practicar unha xestión sen recortes, con políticas públicas diferentes.
—Confirma que non haberá recortes esta lexislatura?
—Temos demostrado que o sinxelo é facer o que fixo o PP e o PSOE antes. Nós non somos partidarios de volver ás regras da austeridade, non teñen sentido, non son precisas. Imos xestionar sen recortes.
«Fago xa un chamado para Sumar en Galicia e gañar a Xunta»
O venres, día no que se fixo esta entrevista, Sumar Galicia anunciou que concorrerá nas próximas eleccións autonómicas, previstas para o próximo ano. Respáldanlle os resultados do 23X, que situaron a Sumar como terceira forza con dous deputados. Parte dese éxito estivo nas propostas que fixo Díaz en campaña.
—Tratarán de impulsar a herdanza universal dende o Goberno?
—É a primeira vez que unha formación política dirixe unha medida concreta para a igualdade de oportunidades da xente nova no noso país. Temos unha débeda coa xuventude. Esta proposta foi moi controvertida academicamente, no sentido bo, porque todos os economistas saíron a discutir esta medida. Porque é verdade que hai esa fenda. O 45 % das persoas que abandonan os estudos universitarios fano por razóns económicas. Hai un problema de igualdade de oportunidades. Esta é unha medida de Sumar. Nós imos seguir traballando nesta proposta e imos ver como avanza. Fixemos unha campaña atrevida, no sentido de que fomos a única formación que falaba das propostas e os problemas da xente. Ninguén o fixo.
—O adianto electoral obrigou a apurar o lanzamento de Sumar, que prazos marca agora?
—Quero dar as grazas aos galegos e galegas que apoiaron Sumar. Galicia terá dúas deputadas, profesionais, extraordinarias. Gústame elixir as mellores. Cando axentes progresistas se mobilizan en Galicia, gañamos. Por tanto, o momento de Sumar é agora. Fago un chamado a Sumar agora en Galicia para gañar a Xunta de Galicia. Sumemos. E estou certa de que o imos conseguir. Hai maioría progresista en Galicia. Dende xa mesmo, Sumar ponse a traballar.
—A que atribúe o resultado que obtivo en Galicia o 23X?
—Os galegos e galegas souberon recoñecer que a achega de Sumar no Goberno de España foi clave. Non hai mellor maneira de falar en galego que subir as pensións, que garantir a revalorización das pensións co IPC. Non hai mellor maneira de defender Galicia que votar a favor dunha reforma laboral. Sinto moitísimo que as forzas galegas votaran co PP en contra da reforma laboral, que afecta singularmente a Galicia, a 106.000 galegos e galegas que están directamente vinculados ao salario mínimo. A mellor maneira de falar en galego é defender a nosa terra. Son a única vicepresidenta do Goberno que fala en galego, fágoo a diario no meu Ministerio, isto non tiña pasado nunca antes. O meu compromiso coa miña cultura e o meu país é absoluta. No meu equipo, Galicia terá nome propio e xogará un papel importante no futuro deseño de Sumar no Congreso.
—Mirou cara Marta Lois cando se lle preguntou, hai meses en Santiago, polo futuro de Sumar en Galicia. Xa pode avanzar que encaixe vai ter Lois nese futuro?
—Mirei para ela e sigo mirando… para Galicia. Non vou dicir máis (sorrí). Teño que falar cos galegos e galegas porque imos Sumar, como movemento cidadá, pero tamén teño que facer unha estrutura de Goberno no Congreso. Podo dicirlle que si, terá lingua galega.
—Chegará Sumar a tempo se hai adianto electoral en Galicia?
—Chega a tempo a todo. Pensen que fixemos unha campaña en dous meses. Temos demostrado que estamos listas para a campaña electoral e gobernar. Gobernamos mellor, pensando na cidadanía, e quero isto para a miña terra. Quero que Galicia sume, quero unha Xunta progresista, feminista, mellor. Estes días, aproveitando que estou aquí, traballarei para que sumemos en Galicia. As persoas que me acompañarán no Congreso falarán galego e representarán a toda España en galego.