Xan Xove, candidato da Marea en A Coruña: «Foi Podemos quen decidiu abandonar o grupo da Marea»

David García A CORUÑA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

MARCOS MÍGUEZ

«Sande? Imitadores saen moitos cando fas as cousas ben», asegura sobre o exconcelleiro da Marea

13 may 2023 . Actualizado a las 14:50 h.

Xan Xove (Viveiro, 1977) é o encargado de asumir o novo liderado da Marea nun momento de cambio de ciclo xa que ningún dos actuais concelleiros repetirá nas listas. Defende que non son un partido político ao uso e que o importante e manter un proxecto co que se identifique a cidadanía.

-Cales son os eixos do seu proxecto?

-Vivenda é un dos temas fundamentais, mobilidade tamén, garantir unha vida digna das persoas e afrontar a crise da inflación. O mantemento dos barrios é outro tema moi importante, e desde un punto de vista estratéxico a recuperación dos terreos portuarios, é un dos grandes retos. A nivel global, hai que afrontar a crise climática, a transición enerxética e os problemas asociados co cambio de modelo que se necesita.

-Cales son os principais que viu nestes catro anos?

-Deixando fora a pandemia, que foi unha anomalía onde a Marea estivo á altura colaborando en todo momento e poñendo en marcha plans de recuperación como os Presco ou os bonos culturais. A crise inflacionista e de vivenda que está padecendo a cidade, da que levamos anos advertindo. A cidade é a máis cara para vivir de toda Galicia, o alugueiro medio está rozando os 600 euros e levamos anos propoñendo medidas e solucións e unha tras outra vez nos atopamos con que o goberno de Inés Rey non cumpre para crear vivenda pública e reforzar a bolsa de alugueiro que ten Emvsa. Sempre nos atopamos co bloqueo do goberno e a inacción de Inés Rey.

-A Marea tería que haber entrado no goberno hai catro anos?

-Foi Inés Rey quen decidiu gobernar en minoría e isto pagouno a cidade. Foi un goberno minúsculo que deixou moitas áreas sen cubrir, como na cultura, ou cos problemas en medio ambiente. Nós fixemos o contrato do lixo con moitas melloras e non hai capacidade de fiscalización. Inés Rey decidiu ter un goberno en minoría e a Marea fixo unha oposición construtiva e razoable, aprobando dous orzamentos, e grazas a nós existe a gratuidade das escolas infantís municipais ou se conseguiron fondos Eidus para reforzar BiciCoruña. Inés Rey, cando leva adiante as medidas e as políticas da Marea, leva adiante con moito atraso o proxecto da Marea. Pero cando as medidas son propias do PSOE, volvemos aos 90, volven as macrourbanizacións de Visma ou As Percebeiras. Por iso entendemos que a Marea ten que gobernar.

-Deu o paso nun momento de cambio de ciclo na Marea.

-É particular, pero é o cumprimento dun compromiso ético, a Marea cando naceu quería facer mellores políticas para a cidade, pero quería demostrar que había maneiras máis éticas de chegar á política. Xulio Ferreiro o primeiro que fixo foi reducirse o salario, Inés Rey o primeiro que fixo foi subirse o salario. Dentro destes compromisos está o de manter unicamente oito anos en cargos de representación pública e todos os concelleiros cumpriron. Hai que agradecerlles o traballo e poden volver ós seus traballos se queren, pero queremos contar coa súa experiencia nunha segunda fila colaborando para facer unha Coruña mellor. Temos unha candidatura nova con persoas perfectamente capacitadas, con ilusión, moi plural e diversa con xente relacionada co urbanismo, coa educación, coa Universidade, co asociacionismo ou coa sanidade.

-Unha diferencia con hai catro anos é que Podemos non está na candidatura.

-Isto teríamos que preguntarlle a Podemos, que foi quen no 2020 decidiu unilateralmente abandonar o grupo municipal da Marea e manterse no pleno cunha concelleira non adscrita. A Marea é un proxecto consolidado que todos os coruñeses coñecen de sobra, é o que fixo dubidar e romper moitos marcos políticos e conceptuais. Foi o que derrubou o viaduto da rolda de Nelle, o que rachou os convenios portuarios do 2004, a gratuidade das escolas infantís municipais ou a loita por unha vivenda digna. Son políticas que teñen moi claro o marchamo da Marea, que é un proxecto municipalista propio e proporcionado á Coruña, por iso o noso eslogan e Escolle A Coruña. Non queremos que as eleccións na Coruña sexan un simulacro dunhas estatais.

-Que lle parece que un ex da Marea como Sande encabece outra lista?

-Hai que preguntarlle mellor a el, imitadores saen moitas veces cando fas as cousas ben, pero a Marea de Xulio Ferreiro é a que ten un proxecto para a cidade non ten ningún tipo de dúbida con outros proxectos.

-No 2015 acadouse a alcaldía e no 2019 baixaron no número de concelleiros. Toca recuperar a confianza dos cidadáns?

-Temos que convencer, hai unha enorme bolsa de indecisión e temos que chegar a cada curruncho. Estamos facendo unha radiografía moi exacta da cidade e o noso programa vai a ser decisivo para que a xente entenda que a Marea ten un proxecto de futuro, democrático, feminista e verde, temos moi claro que toca recuperar esa confianza e convencer co noso proxecto, somos optimistas.

-Que posición toman ante un posible pacto ou bipartito con outros partidos?

-Quen ten que decidir isto é a cidadanía o día 28. Estamos dispostos a asumir o goberno da cidade, a composición do goberno e os posibles pactos teremos que analizalos o día 29. A Marea é unha forza de goberno, isto é o único que nos ten que facer perder a enerxía.

-A esquerda está dividida en varias formacións. Como se impón un partido a outro?

-Hoxe alguén dicía que estamos en campaña, pero a Marea leva catro anos e a nosa campaña e o noso traballo día a día. A nosa diferencia é que temos experiencia de goberno e nunha oposición construtiva, con un proxecto realista e útil, é o que necesita a cidadanía. Moitas veces escoitamos propostas con moi pouco rigor ou fundamento.

-Fala dun proxecto consolidado, pero nestas eleccións xóganse que non siga a tendencia negativa.

-A Marea naceu para servir á cidadanía, non é unha organización política que simplemente busque manterse no tempo. Nós nacimos para ser útiles a cidadanía, se decide que non somos útiles o entenderemos e faremos unha lectura de proxecto, non de partido. A cidadanía está en sintonía coas nosas propostas porque as súas demandas son as que facemos.  

-Que coche ten? Ou como se move pola cidade?

-Móvome a pé, ultimamente moito en bicicleta e complemento co transporte público. Teño un Opel do 2003 que está en desuso e unha furgoneta camperizada para as fines de semana coa miña parella.

-Cal é a app que máis usa no móbil?

-Telegram, por traballo, e tal vez Spotify.

-Un libro e unha película recente que recomende.

-Carracárdaba, do meu amigo Luís Camarero Lázaro, que é moi difícil de encontrar sobre as súas vivencias como nado en Castela e que se trasladou a vivir nas Illas Baleares. Gustoume moito Herdeiros pola forza, de Manuel Gago, e outro é Canto yo y la montaña baila, de Irene Solá. E unha película, pois vin O corpo aberto, de Ángeles Huerta, que me fascinou, e outra que ten certa conexión, As Bestas, que da moito que pensar e que falar.