Francisco Jorquera, candidato do BNG na Coruña: «O goberno municipal incumpriu sistematicamente os acordos que subscribiu co BNG»

David García A CORUÑA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

MARCOS MÍGUEZ

Apela á estabilidade do Bloque como valor seguro para as municipais e sitúa a vivenda, a área metropolitana e os barrios como prioridades

13 may 2023 . Actualizado a las 20:36 h.

Francisco Jorquera (Ferrol, 1961), repite como candidato dun BNG que aspira a dar un salto dentro da corporación e convertirse nunha forza de poder. Defende unha aposta sólida e estable fronte os cambios dos outros partidos e pon o foco sobre a vivenda, os barrios e a área metropolitana. 

-Cales son os principais eixos do seu programa?

-Concedemos moita importancia ao acceso á vivenda, temos propostas moi ambiciosas nesta materia, apostamos tamén por un deseño de Coruña que teña en conta a súa realidade metropolitana e queremos poñer os barrios no centro das políticas municipais porque aspiramos a unha Coruña cohesionada sen barrios ricos e pobres. Apostamos por un plan de rexeneración moi ambicioso para os barrios da nosa cidade e A Coruña reúne todas as condicións para ser o motor económico e a capital cultural de Galicia.

-Cales son os principais problemas da cidade?

-O principal que perciben os cidadáns é que os prezos da vivenda, tanto de alugueiro como para mercar, son moi prohibitivos, mesmo tendo que marchar da cidade por iso. Tamén hai unha sensación xeralizada nos barrios de certa desatención e esquecemento.

-Esas cuestións foron nas que maiores diferenzas tiveron co goberno local?

-Nesas dúas e moitas máis. A candidata do Partido Socialista fala do mandato do diálogo, no que se adoitaron moitos acordos no Concello. Os que fixeron un seguimento regular da política municipal recoñecerán que o BNG contribuíu moito a ese clima de diálogo, pero o problema é que moitos dos acordos tomados por consenso logo non se cumpriron. O BNG avoga polo diálogo, pero é imprescindible cumprir os acordos.

-Como viu estes catro anos?

-O Partido Socialista desperdiciou unha oportunidade, tivo unha oposición construtiva, pero os múltiples problemas internos do goberno municipal, cun equipo moi feble, fixeron que moitas veces estivesen máis preocupados das fotos, os titulares e os problemas internos que de atender os da cidade no día a día. Este goberno non serviu para darlle á Coruña o impulso que necesita, é necesario un cambio de rumbo e o BNG é a forza que o asegura.

-O mandato comezou co BNG apoiando a investidura da alcaldesa do PSOE, pero rematou cun afastamento .

-O BNG sempre tivo disposición ao diálogo, non só co partido que ostentou o goberno, tamén co conxunto dos grupos para chegar a acordos se eran bos para A Coruña. Acontece que o goberno municipal incumpriu sistematicamente os acordos que subscribiu co BNG, un moi significativo foi a nosa exclusión da negociación dos orzamentos nos que se establecen as prioridades das políticas. Por decisión propia, o goberno solo presentou proxectos de orzamentos en dous dos catro exercicios e os informes sinalan que só se inverteu un euro de cada tres.

-Se hai un escenario similar ao do 2019, o BNG apoiará un goberno en minoría ou buscará outras fórmulas?

-O BNG non ten ningunha vocación, utilizando un símil ciclista, de ser gregario, a nosa vocación é liderar politicamente A Coruña e por iso presentámonos coa vocación clara de ser o goberno da cidade. É un reto ambicioso, pero A Coruña necesita ambición, o BNG é unha forza en ascenso e o estamos constatando en todo o traballo que estamos desenvolvendo de contacto coa cidadanía e colectivos, hai unha grande receptividade ás nosas propostas. Afrontamos esta campaña desde unha posición moi firme e sólida e queda moito voto por decidir.

-Cales son os grandes proxectos do BNG?

-O BNG prefire falar de liñas que deben orientar a política municipal que de grandes proxectos, os cidadáns están fartos de cidades deportivas anunciadas en campaña que non se chegan a realizar. A aposta é articular A Coruña a escala metropolitana, neste sentido foi un mandato perdido. É imposible planificar a Coruña do futuro sen ter en conta esa dimensión. Apostamos por un modelo de calidade urbana no que o protagonista son as persoas, tamén de mobilidade na Coruña e a escala metropolitana, renovando o mapa de liñas dos autobuses. Tamén con servizos marítimos e ferrocarril de mercadorías. Logo na vivenda, apostando pola rehabilitación e a vivenda social.

-A falta de impulso á area metropolitana foi o máis botades de menos?

-Botamos de menos moitas cousas, abonda con contrastar o programa co que concorreu o PSOE no 2019 ou o acordo de investidura coas cousas feitas. Nos últimos 12 anos experimentamos gobernos de distinto signo, co PP, a Marea e o PSOE, e a percepción da maioría dos cidadáns foi que ningún foi quen de darlle á cidade o impulso que necesita. É hora de apelar ós cidadáns, desde a humildade, a que lle dean unha oportunidade ó BNG. A cidadanía recoñece que o BNG aportou solidez e solvencia, somos unha forza fiable, non fomos noticia neste mandato polos conflitos ou as rupturas, senón polo traballo e as propostas. Os galegos recoñecen os concellos gobernados polo BNG como un exercicio de boas prácticas municipais.

-BNG, PSOE, Marea e Por Coruña. Benefícialles que haxa tanta división de forzas na esquerda?

-Esa reflexión a teñen que facer as forzas que foron noticia polas súas divisións. O BNG é estable e percibido como alternativa ó estado das cousas no noso país cada vez por unha maior parte da poboación. O BNG estivo centrado no que tivo que estar centrado, na cidadanía e nas súas propostas. Hai outras forzas que polos seus avatares contribuíron a unha maior fragmentación da esquerda terán que reflexionar e dicir a quen beneficia.

-O BNG foi o único partido sen cambios en todo o mandato.

-Sería interminable rematar todas as recomposicións do goberno municipal, o PP tivo catro voceiros e outros grupos tiveron fraccionamentos, mentres que o BNG foi un exemplo de estabilidade. Concorríaos ás eleccións subscribindo un compromiso cos cidadáns, que apoian unha forza e queren que esa forza sexa congruente con eses compromisos, non un escenario de permanente incerteza.

-Nesa liña repiten os tres primeiros postos da lista.

-Conformouse un equipo sólido e solvente, e cando se fai unha boa aposta hai que darlle continuidade. Síntome moi honrado de encabezar unha lista na que hai persoas dun perfil profesional moi variado, na inmensa maioría vencelladas ó tecido asociativo e a todos barrios, incluída moita xente xove e preparada, tamén independentes.

-Esa solvencia da que fala é o que necesita a cidade?

-É importante que o cambio da cidade se traduza en que haxa un proxecto claro, unhas liñas de horizonte claras. O BNG ten claro ese horizonte, pero tamén é básico asegurar ter a solvencia suficiente para ser capaz de atender ás necesidades da cidade no día a día. 

-Que coche ten? Ou que medio utiliza para desprazarse?

-Teño un Citroën C4 que ten oito anos mínimo e que utilizo ás veces para desprazarme por motivos de axenda. Son usuario habitual do autobús e, sobre todo a fin de semana, gusto moito de baixar desde o Castrillón paseando coa miña muller ata o centro, aínda que ás veces voltamos en autobús.

-A app que máis usa no móbil?

-Pois é unha que está moi esquecida, o teléfono. E despois o WhatsApp.

-Un libro e unha película ou serie.

-Estou relendo por terceira vez El retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde. E unha película Matria, hai un tempo que a miña axenda non me permite seguir ningunha serie.