Ana Pontón: «Imos defender un estatus de nación, non podemos ser menos ca ninguén»
ELECCIONES GALLEGAS 18F
A candidata do BNG di, sobre a lingua galega na escola, que non está en igualdade co castelán
07 feb 2024 . Actualizado a las 22:35 h.A candidata do BNG á Xunta de Galicia, Ana Pontón, participou no segundo dos encontros con subscritores que organiza La Voz de Galicia na campaña do 18F. A política lucense (Sarria, 1977) cre que serán «unhas eleccións moi abertas». E respondeu así as preguntas dos asistentes.
—Que solucións propón para evitar o despoboamento do rural?
—Primeiro, o rural ten que ter servizos. Nestes quince anos pecháronse moitas escolas no rural. Retiráronse servizos sanitarios e perdéronse os bancarios. Temos que facer unha política de discriminación positiva. Hai que garantir que a xente que fai un traballo duro teña un recoñecemento nos prezos. Nós propoñemos crear un tícket rural con axudas de 15.000 euros.
—Como integrante da UPG, considérase comunista? Que é ser comunista no século XXI?
—Como portavoz nacional do BNG, defínome como nacionalista. Respecto todas as opinións, todas as maneiras diferentes de sentir. Creo que o importante é ter unha presidenta coas mans libres, que non estea subordinada ao que nos digan dende Madrid.
—Ten entre os seus obxectivos un referendo de independencia?
—Necesitamos instrumentos para planificar as nosas comunicacións e o noso territorio. Pedimos que nos transfiran as competencias que hai no actual Estatuto, que nin sequera se desenvolveu. Hai un debate aberto sobre o modelo de Estado. Galiza, como nación histórica, ten que participar cunha proposta do Parlamento, debatida co conxunto das forzas políticas. Nós imos defender un estatus de nación, e que non quedemos un milímetro por detrás do que acaden as outras nacións do Estado. Non podemos ser menos ca ninguén.
—Perdeu o BNG parte da súa identidade para captar votos?
—O que fixo o Bloque nos últimos anos foi manter os seus principios e explicarlle ben á cidadanía o que defendemos. Tamén tivemos unha actitude de escoita e de diálogo con diferentes sectores económicos para entender os cambios na sociedade e cómo nós podiamos ser máis útiles para representar a maioría.
—Se é presidenta, que o seu partido teña unha presenza mínima no Congreso pode frustrar concesións para Galicia?
—O BNG, dende a oposición, xa demostrou que é capaz de negociar a favor dos galegos, como os descontos da AP-9 ou, neste último acordo, que Galiza poida ter un tren de proximidade. Se temos a presidencia, teremos máis forza para que a axenda galega avance.
—Cal é a súa proposta enerxética para o país?
Temos que ir a unha transición ecolóxica. As enerxías renovables son unha oportunidade para Galiza, pero temos que cambiar o modelo e apostar por unha compañía eléctrica cen por cen pública, como teñen en Europa, para incidir no mercado. Hai que cambiar tamén o modelo da enerxía eólica. Non pode haber barra libre. Hai que respectar a xente que vive no medio rural e o medio ambiente. Non podemos destruír o noso medio e que só se pense no lucro das eléctricas.
—Ante a cantidade de autónomos que pechan negocios, que medidas propoñen?
—Moitos dos que pechan son comercios. Hai que protexelos. Temos que cambiar a lei. É moi importante que teñan máis apoio da Administración, eliminando trámites e trabas burocráticas. Fai falta tamén un plan para axudar as autónomas, que teñen moitos problemas na conciliación.
—Vai aumentar a presenza do galego minorando o castelán?
—Cadaquén ten que ter toda a liberdade para utilizar a lingua que queira. Ese é un principio básico. Para que haxa liberdade ten que haber igualdade no coñecemento. Nestes últimos anos, polas políticas do PP, estase a producir unha perda do galego entre as xeracións máis novas. Os informes da Xunta din que non se garante o que di a lei, que os nenos e nenas teñen que ter igualdade de coñecemento das dúas linguas. O cen por cen dominan o castelán. Un de cada tres di que non sabe falar galego. Non hai esa igualdade. E pasaron cousas moi graves nos últimos anos, como ver o presidente da Xunta votando en contra de que o galego se poida falar nas Cortes.
«Propoñemos mobilizar vivenda baleira cun imposto ás empresas»
Parte das inquedanzas dos subscritores de La Voz movéronse cara a cuestións fiscais e de vivenda.
—Que posición ten con respecto ao imposto de sucesións? Vai manter as súas exencións?
—Non deberiamos falar dun imposto en concreto, senón de como, desde a pouca capacidade que temos en Galiza, poidamos modificar un sistema no que estamos perdendo recursos. A min parécenme moi inxustas decisións da Xunta do PP, como a redución do imposto do patrimonio, cuxas exencións eliminaremos. Foi un agasallo fiscal de 34 millóns as 7.000 persoas con máis propiedades. Nós queremos outra política fiscal. Hai que recuperar ese imposto do patrimonio, e tamén poñer en marcha tributos para ser eficaces noutros ámbitos, como na vivenda. Os que aglutinan as baleiras son as inmobiliarias, os bancos e os fondos de investimento. Debemos crear un imposto para que, se non mobilizan esa vivenda, teñan que pagalo, e nos permita recadar 40 millóns na lexislatura.
—Vai prolongar as axudas para o alugueiro da xente nova?
—Non se pode solucionar este problema dun día para outro. Nós propoñemos mobilizar vivenda baleira cun imposto e un plan de compra, que é máis rápido e ecolóxico ca construír. As axudas, aínda que non sexan a solución definitiva, si permiten que moitas persoas teñan acceso ao alugueiro.
—Que modelo propón o BNG no campo das persoas maiores? E para as residencias?
—Apostamos por que as persoas maiores que queiran pasar esa etapa da súa vida na súa casa estean ben atendidas. Con servizos. Levamos no programa un incremento do 66 % dos recursos para o servizo de axuda no fogar. Para mellorar a atención e as condicións das persoas que traballan no ámbito dos coidados. Respecto das residencias, o que pasou na pandemia deixou en evidencia moitos problemas. Paréceme grave que a Xunta non cambiase nada o modelo. Nós imos propoñer unha lei para blindar a calidade, cun modelo público de centros pequenos, máis humanizados. Non pode pasar o destes anos, que a xente agardaba dous anos por unha praza, cando a lei fixa un tope de seis meses.
«Na casa sempre fun Belén, e na escola chamábanme Ana»
No encontro os subscritores quixeron saber sobre a vida persoal da candidata.
—Se non fose política, cal sería a súa profesión?
—Son politóloga. Dedicaríame á xestión pública ou ao estudo da política. Teño moitos proxectos aparcados relacionados coa xestión cultural, e moita sorte de estar en algo que me apaixona.
—Na casa chámanlle Belén. Cando cambiou o nome?
—Sempre fun Ana e sempre fun Belén. É unha cousa curiosa. Na casa sempre me chamaron Belén. E na escola, sempre Ana. Son a mesma persoa cos dous nomes.
—Que fai no tempo libre? Está vendo algunha serie?
—A última vina en decembro. Foi Architect. Estes días só leo prensa. Teño moitos libros pendentes na miña mesa de noite. Unha das cousas que máis me gusta é a natureza, camiñar polo monte. Aínda que tendo unha nena pequena é complicado.