Juan Díaz Villoslada, número 4 de Sumar por A Coruña: «Os peiraos son unha oportunidade para facer cidade e non podemos demorar decisións»

Ana González Núñez
Ana González A CORUÑA / LA VOZ

ELECCIONES GALLEGAS 18F

CESAR QUIAN

Propón retomar o proxecto da residencia universitaria do campus de Elviña e constituír unha autoridade única do transporte metropolitano

12 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi deputado autonómico do PSdeG entre o 2016 e o 2019 e ocupou o cargo de concelleiro de Vivenda, Mobilidade, Infraestruturas e Urbanismo no Concello da Coruña durante o primeiro mandato de Inés Rey ata o 2022, cando dimitiu. Juan Díaz Villoslada (Ourense, 1965) mudou o seu rumbo político, pero non quere afastarse da primeira liña. Por iso, agora fai campaña por Sumar Galicia e concorre como número 4 da candidatura da Coruña ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro.

—Non é a súa primeira campaña, pero si en Sumar. Que tal o cambio?

—Positivo, porque cando decidín deixar as filas do Partido Socialista e saír do goberno municipal dixen que non tiña por que deixar a actividade máis política, si encontraba un proxecto ilusionante. E atopei un proxecto ilusionante en Sumar á hora de construír Sumar Galicia. Entón, con moitísimas ganas.

—Que necesita A Coruña e a súa área?

—Cando falamos da Coruña e de Vigo falamos das grandes áreas urbanas de Galicia, onde vive máis do 65 % da xente e son as auténticas palancas sociais e económicas de Galicia. Iso non quere dicir que non teñamos que traballar polo equilibrio interterritorial. Cando falamos da Coruña falamos da Coruña dos 400.000 habitantes, porque a cidade e a área teñen unha absoluta relación de vida, de traballo... Por iso, temos que facer políticas cunha visión supramunicipal. 

—Constituír un ente metropolitano?

—Non tanto avanzar cara unha nova capa administrativa. Pensamos máis na xestión de servizos concretos. Cando falamos da necesidade de constituír unha autoridade única do transporte metropolitano falamos de consorciar os servizos metropolitanos de transporte, entre as competencias autonómicas da Xunta e as competencias municipais. Cando falamos da necesidade de xestionar os residuos que van a Nostián entre o Concello e a área falamos desas fórmulas de cooperación supramunicipal. Hay experiencias noutras zonas de España, en grandes áreas urbanas onde se avanzou en sistemas metropolitanos de xestión de servizos. 

—Cal é a necesidade máis urxente da Coruña?

—Hai necesidades de curto prazo e outras de planificación e de medio e longo prazo. Vou empezar polo final. Estamos aquí diante do porto interior da Coruña [na cafetería La Dársena] e hai unha gran oportunidade para a cidade para facer unha integración urbana do espazo portuario que vai perdendo uso portuario. Estamos vendo como Batería e Calvo Sotelo xa están dispoñibles e máis adiante haberá un gran espazo en San Diego. Non podemos seguir demorando as decisións porque hai que tomar unha decisión non urxente pero si de planificación e podemos planificar os usos do porto no curto prazo (Batería e Calvo Sotelo) e no medio e no longo prazo as grandes oportunidades de solo urbano que se van propiciar en San Diego e peirao petroleiro. Para nós tamén é unha necesidade urxentísima avanzar cara unha autoridade única do transporte metropolitano, de pensar e planificar un sistema ferroviario de cercanías, un metro lixeiro, no que estamos traballando. E hai outras necesidades. Nós queremos retomar o proxecto da residencia universitaria do campus de Elviña. Os estudantes teñen complicado atopar habitación. Non podemos seguir sen unha gran residencia no campus central como estaba prevista e como suprimiu o Partido Popular entre os anos 2011 e 2012. Hai unha aposta importante por arrancar. Logo hai que mellorar servizos de atención primaria.

—Falaba do porto, asunto no que traballou como concelleiro da Coruña. Agora volveron as conversacións entre a Xunta, o Porto e o Concello. Cal é a solución para a débeda da Autoridade Portuaria e a transformación da fachada marítima?

—A solución hai que buscala dunha forma conxunta, entre todas as institucións que teñen competencias: o Concello, a Autoridade Portuaria, Portos do Estado, Xunta e o ADIF (pola estación de San Diego). Hai que buscar fórmulas compartidas para tratar de planificar esa integración urbana e, en paralelo, buscar solucións financeiras a esa carga que ten a Autoridade Portuaria con Portos do Estado. Temos que buscar fórmulas que permitan aliviar... Mesmo cunha fórmula de condonación, xa non digo total, pero parcial, ou de mudar o calendario de amortizacións... Pero hai que poñerse primeiro de acordo, sentarse e non seguir demorando un acordo institucional que nalgún momento estivo practicamente pechado. 

—Sumar está no Goberno central. Non pode propoñer unha condonación?

—Si, Sumar está no Goberno central e se Sumar entra a gobernar en Galicia turraría polas mellores oportunidades para o porto da Coruña. Traballaremos a fondo nesa liña.

—Vostede tamén traballou na área de Mobilidade do Concello. Por que apostan por ese metro lixeiro?

—Unha das primeiras propostas de Sumar Galicia no ámbito das infraestruturas foi precisamente implantar un servizo de metro lixeiro ou sistemas análogos de tren. Hai moitas fórmulas para analizar técnicamente e pensadas para A Coruña e a súa área metropolitana. Entran e saen tódolos días por Alfonso Molina 120.000 vehículos. Non podemos seguir baseando a mobilidade dun área metropolitana no vehículo particular. Non é nada vanguardista. Esta área metropolitana non ten avanzado realmente en transporte metropolitano. E non se pode basear só en bus que circula por carretera. Temos que tratar de poñer en marcha sistemas alternativos que ademáis van contribuir moitísimo a mellorar as emisións. Por iso, apostamos, por unha parte, por implantar un tren de cercanías. Sempre dicimos, e na planificación portuaria nalgún momento estivo previsto, entre San Diego e Betanzos aproveitando a estrutura ferroviaria. Precisamente, debería complementarse cun sistema de metro lixeiro para a área, que hai que definir tecnicamente. A mobilidade é un dereito que ten que facilitar o traslado de moitísima xente que ten que moverse aos centros de traballo, aos centros hospitalarios... Temos un apeadoiro no campus e está medio morto. Temos apeadoiros no Burgo, en Cecebre... Temos que aproveitar esa rede para que a xente saia do vehículo particular.

—Que máis lle ofrece Sumar á cidade?

—Hai outros temas relevantes. Nós non poñeremos nunca en dúbida a aposta pola Orquestra Sinfónica de Galicia, como fixo a Xunta durante varios anos. Outro asunto do que non podemos deixar de falar é o de poñer en marcha un plan urxente de vivenda de réxime público, en alugueiro. Hai solo dispoñible na cidade e na área. E logo, políticas intensas de rehabilitación que traten de mobilizar gran parte desa segunda vivenda que está baleira. Hai que ordenar e poñer en situación a dinámica das vivendas turísticas. A Coruña necesita un plan urxente de vivenda pública.

—Solo baleiro non hai tanto.

—Bueno, hai estudos de hai tres ou catro anos... A Coruña ten unha porcentaxe de vivenda baleira na media das cidades de España, pero hai un número importante. Hai que tratar de mobilizar parte desa vivenda e contribuimos á rehabilitación do patrimonio edificado. 

—Vostede vai de número catro na lista, pero Sumar non ten ningún deputado autonómico. Cre que sairá elixido ou só quería figurar na lista para apoiar o proxecto?

—Cando me incorporei a Sumar era para aportar: ganas de traballar, ilusión e experiencia en actividade parlamentaria e xestión local. Se conseguimos sacar catro [escanos] na Coruña sería fantástico. Non porque estea eu de catro, pero sería unha grande oportunidade. Hai que traballar por sacar o mellor resultado, por entrar no Parlamento. Hai enquisas que nos dan representación e iso que a promotora de Sumar Galicia comezou o 16 de decembro, hai menos de dous meses. O aval que presenta Sumar de políticas no ámbito laboral en España é un aval de políticas útiles para a xente. Temos que tratar de conseguir o mellor resultado e por iso o voto urbano é moi importante para Sumar.

—A entrega diaria de Sondaxe deu nalgún momento un deputado para Sumar, pero agora da cero. Hai esperanza nese voto urbano?

—As enquisas van fluctuando. A reválida auténtica é o día 18, como se adoita dicir. Nós cos datos que temos estaríamos dentro na Coruña e en Pontevedra. Iso non quere dicir que non traballemos en Lugo e Ourense, pero hai máis opcións electorais nas áreas urbanas grandes. A mobilización dese voto progresista nesas áreas é fundamental para ser o catalizador do cambio necesario na Xunta.

—As enquisas dan a maioría absoluta ao PP.

—É difícil na medida en que hai datos e marcos conceptuais ou ideolóxicos preestablecidos que sempre están tratando de dicirlle á xente que Galicia é conservadora, tranquila e que non hai posibilidade de cambiar, pero si que hai opcións de cambio. Hai un entedemento entre as forzas progresistas que pode facilitar ese cambio, pero para iso é preciso que ese voto progresista, que é maioritario en Galicia, tamén sexa maioritario nas eleccións autonómicas. O voto progresista das xerais ten menor mobilización nas autonómicas. Hai que tratar de revertir esa sensación porque a Xunta toma decisións en máis da metade do gasto público. 

—Se Sumar obtén representación, ¿vostede sería partidario de apoiar un Goberno de Ana Pontón?

—Se somos chave para incorporar un Goberno progresista a Galicia estaremos autorizando ou apoiando a presidencia por parte do partido político progresista que obteña unha maior representación. Se é o BNG, o BNG. Se é o PSOE, o PSOE. E, se nalgún momento é Sumar Galicia, Sumar Galicia. Hai que respectar a vontade democrática das urnas.

—É dicir, tamén apoiaría ao PSOE, do que vostede se foi.

—Si, claro. Unha cousa é que non estivera de acordo en moitísimas cuestións do Partido Socialista e outra cousa é que coincidimos en moitas das políticas progresistas. Tamén temos diferenzas, co BNG e co Partido Socialista. Co BNG son diferenzas claras porque nós non temos unha formulación que pense unicamente en termos identitarios. Estamos pensando en que necesitan os traballadores, de aquí e de Cuenca. Co PSOE temos a diferenza de que non pode funcionar unicamente como un delegado do Goberno de Madrid en Galicia. Nós temos unha formulación máis propia de Galicia. Hai moitos puntos de encontro. Podemos estar perfectamente de acordo. Estamos cogobernando en Madrid. Iso evidencia a capacidade de diálogo e entendemento que temos.