Montserrat Prado: «Sanidade, educación e coidados non poden ser nichos de negocio»

ELECCIONES GALLEGAS 18F

A número 2 da candidatura do BNG por Pontevedra cre nun cambio na Xunta e pide unha gran mobilización nas urnas o 18F, co voto concentrado en Ana Pontón
10 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Profesional do eido sanitario, diplomada en EXB e licenciada en Xeografía e Historia, Montserrat Prado Cores (Cambados, 1965) conta cunha traxectoria de doce anos no Parlamento de Galicia.
—Tres lexislaturas despois, que é o Parlamento para vostede?
—O lugar onde reside a soberanía popular. Mais houbo unha clara aposta do PP dende que recobrou o Goberno no 2009 por minusvaloralo, restarlle todo tipo de presenza e protagonismo, e só proxectar o Goberno da Xunta.
—Non hai marxe para actuar nel?
—Que o PP usase a súa maioría absoluta en beneficio propio condicionou moito os esforzos que fixemos dende o BNG por darlle o máximo protagonismo ao Parlamento galego. Esa posición, acompañada do ecosistema económico e dos medios públicos, dá como resultado un gran descoñecemento do seu papel, do traballo que se fai no Parlamento e do labor das persoas que o conformamos. Pero é unha estratexia premeditada para que Galiza teña menos referencialidade e menos capacidade de decidir. Nestes quince anos, o PP non logrou ningunha competencia máis, pero é que non as quixeron.
—Durante o bipartito desempeñou vostede a delegación provincial da Consellería de Industria.
—Efectivamente.
—Que fallou?
—Fallou que ter o Goberno non significa ter o poder. Estivemos nun goberno de coalición co PSOE no que se fixeron moitas cousas ben. Estábanse poñendo as bases para avanzar na posta dos recursos do país ao servizo dos galegos. No medio rural, en innovación, en industria, con cuestións moi claras, unha gran aposta por poñer en valor os nosos sinais de identidade, coma a cultura ou o idioma. E unha grande eiva do PP: actuar na vivenda pública. Desgraciadamente, houbo moito interese en que todo ese traballo non fose adiante.
—Algún erro cometerían.
—Un exceso de confianza en crer que ter o Goberno significa ter o poder. Máis aló de que puidese haber erros á hora de comunicar, ou pensar que tiñamos máis tempo para continuar despregando ese tipo de medidas e que as medidas fosen visibilizadas.
—Que ve de negativo na xestión dos últimos catro anos do PP?
—Que reduciron a capacidade de Galiza dun xeito clarísimo, e só se ocuparon de canto podían poñer ao servizo da estratexia do PP a nivel de Estado. Sei que son palabras fortes, pero é que son cómplices do espolio do noso país. No enerxético, no aforro ou nos nosos sectores produtivos. As cotas no mar, políticas agrarias que significan a nosa desertización, desindustrialización, da que O Salnés é, por desgraza, un bo exemplo. O PP non moveu un dedo por salvar as conserveiras ou reverter esas tendencias. E, por suposto, un claro e permanente deterioro dos servizos públicos, sanidade, educación e coidados, para convertelos en nichos de negocio. Iso non pode ser.
—E algo positivo?
—É realmente difícil valorar que puideron facer ben cando a estratexia fundamental, de fondo, é facer do Goberno de Galiza practicamente un mediador, un comercial de certas empresas. No enerxético, nos servizos públicos, no aforro, co que pasou con Abanca. O ano pasado exportamos o 43,6 % da nosa produción eléctrica sen que se notase un céntimo nas nosas facturas nin haxa unha tarifa galega. Agora piden que arrisquemos no eólico 2.200 quilómetros cadrados no mar e a súa produción. É que só os galegos temos que levar este peso? Con que beneficio? Que pasa con Madrid, que apenas produce enerxía pero é a meirande consumidora? É importante que haxa unha grande mobilización e que a maioría cidadá, que quere un cambio, concentre o seu voto no BNG e en Ana Pontón para reverter todo isto.
—Miremos agora para a oposición. Que houbo de positivo?
—Dende o BNG fixemos un gran esforzo en visibilizar as potencialidades do país e de enfrontarnos co modelo de colonia que nos teñen preparado. De novo sei que son palabras fortes, pero só ten que comprobar como é a oligarquía económica e financeira instalada en Madrid a que toma as decisións. E propoñer alternativas para frear que as nosas autoestradas sexan as máis caras do Estado, fundar o Galtren, unha entidade ferroviaria que desenvolva o tren de proximidade...
—E de negativo?
—Non poder chegar a todos os conflitos e a todos os problemas.
—Colleu algunha vez un bus para ir ao Grove ou a Vilagarcía?
—Vivo en Oubiña, unha parroquia na que antes a comunicación con Vilagarcía era posible, e con Cambados máis escasa. Hoxe xa non pasa ningún bus por Oubiña.
Tres medidas xa
- Sanidade. Un plan de rescate da atención primaria, a columna vertebral do sistema sanitario. Ciframos ese plan en 200 millóns de euros na súa primeira anualidade.
- Mar. O Plan Rías. Hai que eliminar vertidos e fomentar a investigación para reverter a caída continua do marisqueo e a pesca.
- Transporte. Un plan de mobilidade para O Salnés que integre bus, un tren de proximidade e un sistema a demanda con minibuses e taxis.