Agustín Hernández: «Frente a un goberno concreto hai quen quere un desgoberno de sete»

m. ferreiro SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

Álvaro Ballesteros

«Cando estaba na Xunta, sempre pasaba diante de Raxoi. Foi destino»

17 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Enxeñeiro, corredor de fondo e alcalde por sorpresa. Agustín Hernández (Madrid, 1961) foi o terceiro rexedor do mandato que viviu perigosamente Santiago. Deixou a súa consellería e gobernou despois da caída de Gerardo Conde Roa e Ángel Currás. Era o número 25 da lista do PP. Agora é o candidato.

-Vostede érguese e bota a correr.

-Depende do día. Poño o espertador ás 6.40 e ás sete da mañá estou na rúa. A maior parte dos días veño ao despacho con vaqueiros, tenis e camiseta. Son como os bombeiros ou os policías locais, teño a roupa de alcalde na Alcaldía. Unha ou dúas veces á semana fago oito quilómetros de carreira pola mañá. Ese día veño coa roupa deportiva ao despacho, dúchome e a traballar. As fins de semana adéstrome. Collo o tren a Padrón e volvo correndo a Santiago. Ou veño desde O Pino. Non me obsesiono cos tempos. Desfruto, boto fóra toxinas e teño algunha idea. Corro só e sen música.

-Como conselleiro de Infraestruturas recibiría a alcaldes. Agora está do outro lado.

-Case todos pasaron polo meu despacho para pedir un saneamento, un abastecemento, unha praciña. A petición do alcalde superaba con moito as previsións orzamentarias. Cando marchaban do despacho algunha vez pensaba: «¿Pero os alcaldes non ven que non temos un can?». E seguían chamando todos os días. Tivo que ser unha maldición divina: «Como tiveches que aguantar tantos alcaldes, vas ter que estar ti de alcalde unha temporada». Agora sempre pido algo máis do que creo que se pode obter. É parte do xogo entre as Administracións.

-Aínda se escoita aquilo de que Santiago leva todo.

-Estiven en primeira liña de moitos proxectos e iso non é certo. Toda Galicia evolucionou moito a nivel de infraestruturas. É fácil cuestionar a posteriori os tres aeroportos, por exemplo. Agora toca mellorar cuestións que afectan máis ás persoas, como a educación ou os servizos públicos, e non ir tanto aos quilómetros de autovía.

-Se goberna, ¿cal será a súa primeira decisión?

-Seguir coa tramitación da renda de solidariedade. Facer unha actuación innovadora co lixo, mellorar a eficiencia enerxética...

-Gústalle facer chapuzas. As enquisas din que fai falla fontanería.

-Estamos dispostos a falar con calquera sobre o noso programa. O obxectivo é unha maioría que diga que somos a forza que debemos gobernar. Se miras as sensibilidades que hai en outras listas, fronte a un goberno concreto hai quen quere un desgoberno de sete.

-¿Sentiuse un intruso por gobernar sen ser o candidato elixido?

-Non. Eu ía de 25 na lista, o meu apoio era testemuñal. Cando tiven que dar o paso, moita xente cuestionábao. Pero a cidade precisaba un cambio e pasaba pola miña persoa. O partido fixo esa aposta e foi unha experiencia apaixonante. Non foi fácil. Houbo persoas que dimitiron por imperativo legal e despois demostrouse que non tiña sentido. Pero acadamos unha alta porcentaxe de normalidade.

-Prescindiu de xente rehabilitada. ¿Marcou unha liña?

-Busquei persoas que ilusionen e con capacidade de xestión.

-¿Fixo o camiño?

-Desde Sarria a Santiago no 2010. Teño a Compostela. Nunca na vida pensei que ía ser alcalde de Santiago. Nin cando fixen o Camiño nin cando cruzaba o Obradoiro para ir á consellería. Cando estaba na Xunta sempre pasaba por diante de Raxoi, iso que non era o percorrido máis curto. O destino.

-¿Como leva o tema relixioso?

-Son crente, pero probablemente mal practicante. A Igrexa ten o seu ámbito de decisión e nós o noso. Pero temos que lograr sinerxías para buscar unha maior relevancia da cidade. Santiago non sería Santiago sen a Catedral e o Camiño.

-¿Ten medo de que Santiago sexa un parque temático?

-Pretendemos que o casco histórico sexa un lugar para vivir e para emprender, con gas, fibra óptica... Temos que evitar que sexa un lugar só para mercar recordos de dubidoso gusto. Eu recomendo comprar prata e acibeche.

-¿Comprou vostede algún recordo horrible?

-En Turquía merquei unha pipa de auga espantosa. Custou moito metela no avión. Cheguei á casa e dixen: «¿Que fago con isto?».

-¿Como está de idiomas?

- O alcalde de Santiago ten que falar fluidamente o inglés. Teño que recuperar o nivel. Doume un prazo de seis ou sete meses.

Máis personal 

-Unha cidade distinta da súa.

-París.

-¿Ten mascotas?

-Non.

-¿Que fai un domingo calquera?

-Se é un domingo de verán, con bo tempo, corro pola mañá e, se podo, vou á praia na zona do Barbanza.

-¿As últimas vacacións?

-Estiven no sur da illa de Gran Canaria.

-En poucas palabras: Martiño Noriega, candidato de Compostela Aberta.

-Alcalde de Teo que non ten Santiago como obxectivo.

-Ángel Currás.

-Alcalde de Santiago que tivo que xestionar o Concello nun momento moi turbulento.

-Sánchez Bugallo.

-Un alcalde que viviu con normalidade a herdanza deixada por Xerardo Estévez.