Martiño Noriega: «¿A Xunta? O reto que temos na capital de Galicia vai requirir todas as enerxías»
ELECCIONES 2016
O gañador das eleccións en Santiago cre que o corsé institucional non impedirá «facer política recoñecida pola cidadanía»
26 may 2015 . Actualizado a las 09:02 h.Comezou a campaña como aspirante a darlle guerra ao PP e o domingo marchou para casa coa alcaldía de Santiago no peto, despois de obter o mellor resultado das plataformas cidadás en Galicia. Canso e consciente do intenso traballo que ten por diante -«agora comezamos a pretemporada»- Martiño Noriega recrea un discurso conciliador que avanza a pauta dunha xestión que pretende centrar na cidadanía. «A vida institucional é complexa. Haberá que tomar decisións e dar explicacións cando as cousas non podan ir á velocidade que demandan os veciños», sostén.
-A campaña foi decisiva. Foron medrando ata acadar o obxectivo. ¿Era consciente dese crecemento?
-Foi unha coincidencia de dinámicas. Estaba convencido de que cada día de campaña para Compostela Aberta era un día que sumaba para dar a coñecer a súa mensaxe. Percibía na cidade que íamos medrando.
-Agora toca decidir se van gobernar cun pacto con outras forzas ou con acordos puntuais. ¿Por que formula se inclina?
-Gobernarei obedecendo á maioría social que votou por Compostela Aberta e ao seu propio ADN. Xente da esquerda partidaria, pero tamén xente que vén da esquerda social. Temos que facer da participación o músculo da gobernabilidade. Primeiro teremos unha asemblea para avaliar os resultados e decidir o marco de diálogo e buscar fórmulas. Pero hoxe [por onte] aínda estamos en pretemporada.
-Pero sabe que Compostela conleva unha forte carga institucional, como capital de Galicia. ¿Como vai casar a execución do seu programa con ese marco protocolario que envolve a cidade?
-A vida institucional sempre é limitante. Por iso incidiamos na participación e faciamos ese chamamento a que o noso único compromiso son os barrios. A vida institucional é complexa, e vai haber que tomar decisións e dar explicacións cando as cousas non podan ir á velocidade que demanda a cidadanía. A vida institucional non impide ir introducindo políticas de cambio. O que aconteceu nestes catro anos marcou moito a cidade.
-Moito lle levan preguntado sobre se o futuro goberno terá representación na ofrenda ao Apóstolo, pero é a metáfora do rigor protocolario. ¿Que van facer?
-Bueno, tempo teremos. Ten que haber un diálogo fluído coa Xunta, coa Igrexa e coa Universidade, e cadaquén terá que facer o que corresponda. Non lle toca ao alcalde de Santiago pedirlle ao Apóstolo polo emprego e contra a corrupción. Pero irémolo vendo. A miña vontade é manter boas relacións.
-Pois haberá moitos ollos postos en Santiago. A diferenza de cidades como A Coruña, onde a marea tivo un resultado máis axustado, vostede vai ter unha marxe de manobra máis ampla.
-Todos somos conscientes do reto e das dificultades que nos podemos atopar. Pero intentaremos estar á altura e facer política doutra maneira. Levo tempo queixándome do corsé institucional, pero pódese facer política que sexa recoñecida pola cidadanía.
-Serán moitas miradas sobre Santiago e tamén sobre vostede. Agora colocaranlle a etiqueta de líder emerxente e o ano que vén hai eleccións autonómicas.
-A unidade popular é unha maneira de vencer ás políticas do PP, pero o reto coa capital de Galicia é suficientemente importante.
-Xa dixo Beiras que Compostela gañaba un alcalde pero Galicia podía perder un presidente.
-Para Beiras son unha persoa ben querida, pero é consciente dos compromisos que asumimos onte [polo domingo], de recuperar o relato de cidade, a Compostela cultural. É un reto que vai requirir todas as enerxías.
-¿Ata onde pode seguir medrando a marea en Galicia?
-O proceso de acumulación de forzas é imparable. Cada día é máis necesario contra esas políticas que van contra a maioría social. O proceso segue en marcha e os resultados están a chegar.
-¿E ve posibilidades de que esa marea acabe chegando á Xunta?
-A unidade popular é o horizonte, ese é o reto. Se tomamos nota e escoitamos o que a xente demanda, teremos oportunidades.
Clavó la porra del reparto de ediles
10-9-4-2
Tras un debate en la sede de La Voz en Santiago, los candidatos hicieron su porra sobre la nueva corporación. El único que predijo lo que ocurrió en las urnas fue Noriega: 10 ediles para la marea, 9 para el PP, 4 para el PSOE y 2 para el BNG.