Se puidese esixir algo ao Goberno, sexa cal sexa, que saia destas eleccións, sería que, por favor, volvan as sardiñas ás nosas rías, é dicir, que a corrupción non remate por quedar coma unha novela inconclusa, dependendo do estatus do corrupto; que a Xustiza utilice unha mesma vara de medir para todos e todas, que a cultura goce de orzamentos que lle permitan voar libre cara a utopía, nesa eterna busca dun mundo máis xusto; que non esquezan que termos unha lingua de noso é un privilexio que pertence ao pobo e han de preservar, non deben ergueren sobre ela un valo absurdo que nos pretende separar; que tenten ser exemplo de honradez, que a miseria non bote á emigración forzosa á xente nova, nin a ningunha...
Dicía o querido e admirado Neira Vilas: «Antes eramos as mans de Europa, agora tamén somos os cerebros». Ao Goberno que o pobo decida, pediríalle que os meus netos teñan acceso a unha boa educación, a unha boa sanidade, que se poidan sentir seguros e libres na maneira de pensar, de falar, de votar... e os netos dos meus veciños, e dos veciños dos meus veciños... tamén. Que estea constituído por estadistas, persoas intelixentes e xenerosas, capaces de poñer o benestar do pobo por diante doutros intereses particulares. Estou con Gandhi en que hai para vivir ben todos, todas, pero non para a avaricia duns cantos. Conste que intúo que, se levar unha casa non é doado, levar as rendas dun país e en tempos tan convulsos, debe ser moi complexo. Hoxe non é coma na prehistoria, e o que pasa no resto do mundo tamén nos afecta.
Resumiríao todo nunha soa frase dun estadista, literato, artista... de noso, de Castelao: «As sardiñas volverían se os Gobernos quixesen».