Antón Gómez-Reino Varela: «A política está organizada para homes que non teñen que preocuparse da familia»

Mariluz Ferreiro A CORUÑA / LA VOZ

ELECCIONES 2016

Álvaro Ballesteros

Ao candidato de En Marea por A Coruña gústalle a montaña, pero criouse «na praza». De pequeno quería ser vulcanólogo, arqueólogo ou astrónomo

07 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi máis futboleiro hai anos. O balón arrefriou. A política nunca. Antón Gómez-Reino (Madrid, 1980) é o cabeza de lista de En Marea por A Coruña. Se el decidira no Goberno central, o primeiro que faría sería un «artigo 135 da Constitución á inversa».

-¿Desde cando lle interesa a política?

-Desde toda a vida. Na miña familia sempre se falou de política. Con 13 anos igual era unha cuestión máis estética, vinculada ao fútbol. Comecei activamente máis ou menos con 18, 20 anos.

-¿E como foi a súa evolución?

-A de moita xente desta xeración que se cría politicamente en movementos sociais. Vimos do «non á LOU», do «non á guerra»... É o caldo de cultivo dunha xeración que se politiza ao marxe das organizacións partidarias. Desemboca no 15M, do que proveñen desde Ada Colau, á que coñezo desde hai moitos anos, ata Pablo Iglesias. Moitos da Marea Atlántica vimos dese caldo.

-Enfadan moito políticos de outros partidos coa palabra casta.

-As etiquetas identifican unha serie de elementos no campo simbólico e na opinión pública. Non hai unha definición exacta, pero hai prácticas vitais de reprodución económica, social e laboral que marcan o que sería a casta.

-Arriba e abaixo. Esquerdas e dereitas. ¿Onde está vostede?

-Nós falamos desde abaixo e a esquerda. No imaxinario de moita xente as prácticas de esquerdas foron asociadas ás prácticas de partidos que nada tiñan que ver coa cultura política e os valores da esquerda. Hai xente que non se sinte interpelada polo que ata hai pouco significaba a esquerda, pero si que compartimos con eles un marco de valores. Eu sitúome aí.

-¿Nacionalismo?

-Sei de que país son. Pensar a nivel local e actuar a nivel global. Eu véxoo así. Ademais das cuestións que teñen que ver cos nosos dereitos culturais e nacionais, todo o que sexa aproximar a democracia a escalas máis reducidas é algo bo.

-Aproximándose máis, ¿foi un neno de barrio?

-Crieime na praza do Mestre Mateo, cerca do estadio de Riazor. Eran os oitenta. Había crise, unha clase media moi golpeada. Crieime nunha zona de clase media, pero nun espazo moi híbrido. Os meus amigos de toda a vida e eu, pese a vivir no centro, tiñamos unha cultura máis de barrio que de centro de cidade. Era unha infancia que eu desexaría en parte para a miña pequena. Crieime na praza e era un universo no que nunca sentín perigo.

-De pequeno quería ser...

-Eu lía moito sobre a actualidade. Á miña casa sempre chegaron moitos xornais e pensaba cousas un pouco raras. Pensaba en ser vulcanólogo, arqueólogo ou astrónomo. Supoño que era porque me fascina a natureza no seu estado máis agreste. Fago alpinismo. Son moito de camiñar e de montaña. É o que máis me libera e tranquiliza. Imos levar a pequena á montaña. Naceu nos Alpes, a trinta quilómetros do Mont Blanc.

-¿Que tal foi como estudante?

-Mentres non había que estudar fun moi bo estudante. Cando había que empezar a poñer os cóbados a cousa cambiou, pero acabei a escola e o instituto rapidamente. Despois a vida non me levou a facer un percorrido universitario clásico. Traballei desde novo en cousas diversas. Desde mozo de carga en Inditex, ata en La Opinión, no xornal de deportes Meta Sport, en cousas académicas... Os últimos anos están ligados ao sector leiteiro e ao urbanismo participativo.

-¿Como chegou ao sector lácteo?

-Coincidencias. E sempre me gustou o campo. Estudei o ciclo formativo de Saúde ambiental. Fixen prácticas no Ligal, o laboratorio que fai o control lácteo. Levo anos encadeando de forma descontinua traballos alí. Sempre me atopei cómodo neste sector. Faite comprender un mundo que estamos deixando caer e que é fundamental. Recomendo ler a triloxía Das súas fatigas, de John Berger, que axuda a ver que estes outros mundos que están aí.

-¿E o tema urbanístico?

-Ten que ver coa reivindicación da vivenda para a xente nova. Puxémonos en contacto xente de Socioloxía e Arquitectura. Empezamos a analizar o espazo público desde una perspectiva diferente e montamos a cooperativa Hábitat Social, da que vimos eu e Xiao Varela, concelleiro de Urbanismo na Coruña.

-En Galicia téñense feito moitas burradas urbanísticas.

-Está a cuestión estética e a social. O estético afecta ao humano. A miña compañeira non é de aquí, é medio belga, medio italiana. Sempre se ri de min porque me lamento case todos os días do que podería ter sido esta cidade. A destrución do patrimonio arquitectónico foi clamorosa.

-Estivo en Chiapas, Palestina... ¿Que destaca desas experiencias?

-A dignidade de pobos que, baixo dinámicas de conflito, de fame, de guerra, manteñen un apego aos valores humanos esenciais. Hai que pensar que vamos aí máis a aprender que a ensinar. A poboación en zonas de conflito diche que o feito de que alguén vaia e conte o que pasa axuda a visibilizar a súa realidade.

-Ás veces paródianse as asembleas de Podemos e das mareas.

-A participación é boa, a madurez da sociedade fai que haxa espazos asemblearios. Non ten que supoñer colapsos para decidir.

-A CUP está decidindo sobre Mas.

-E respétoo. En política, os tempos non teñen que ser turbo para todo, hai que cambiar as dinámicas de conciliación, comunicación... Necesitamos máis mesura.

-¿Como leva a conciliación?

-Mal. Tamén o comentou Ada Colau o outro día. A política está organizada para axendas de homes sen familia ou que non teñen que preocuparse por ela. A súa vida é exclusivamente a axenda pública. Ten que ver con priorizar o éxito na vida pública de forma absoluta. Temos que parar ese reloxo, para ter tempo para a familia, para correr, camiñar, pensar... Isto tamén ten que ver coa dinámica da reforma laboral, da explotación.