«Nós non é unha forza inimiga, eu ás veces digo que é unha candidatura irmá»
ELECCIONES 2016
O autor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, cabeza de lista de En Marea en Lugo, admite ter rexeitado cargos públicos de varios gobernos e confesa que é imposible escribir durante a campaña
11 dic 2015 . Actualizado a las 09:22 h.«Da infancia queda o asombro da paisaxe». Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958) subía á Feira do Monte para ver a paisaxe da súa Terra Chá. O autor literario e editor agora tamén mira máis alá. É o cabeza de lista de En Marea para o Congreso en Lugo.
-Vostede estudou moitas cousas diferentes.
-Estudei Psicoloxía, o primeiro ciclo na Coruña e logo en Santiago. Despois aínda fixen algúns cursos de Filoloxía Hispánica. E en paralelo fixen ata quinto de guitarra clásica no Conservatorio da Coruña. Cheguei a dar dous ou tres concertos. Tamén estudei co gran mestre Emilio Corral tres anos de gaita na Escola de Música e Danza da Deputación da Coruña, que xa non existe. A música é fundamental na miña vida. Teño dous alimentos intelectuais. Un é escoitar música, se é en vivo mellor. O outro é a lectura. Teño unha presbicia avanzada de tanto ler.
-¿Papel ou libro electrónico?
-O 90 % do que leo é en papel. Non teño libro electrónico. Teño tableta e aí leo textos que non están en papel, teses doutorais de universidades de América e revistas electrónicas latinoamericanas de literatura ou socioloxía. Defendo a lectura da prensa en papel, fágoo cada mañá. Leo tamén, vía dixital, prensa francesa, italiana, latinoamericana e portuguesa.
-¿Como foi a crise como editor?
-Espiral Maior naceu no 91, especializouse en poesía e ten a colección más longa da historia da edición en Galicia. Provocou a eclosión da nova poesía galega escrita por mulleres. Coa crise, as vendas en poesía caeron máis dun 70 %. E en Galicia aínda superamos a baixada estatal. Iso, unido aos recortes nas bibliotecas públicas, fai que as editoras afrontemos unha crise profunda.
-¿Que pode facer un deputado en Madrid pola cultura galega?
-Moitas cousas. O galego é o pai e a nai do portugués, que se fala en Portugal, Brasil, Mozambique... Temos unha cultura e un idioma con potencia, cunha literatura medieval galega que é, como dicía Octavio Paz, unha das xoias da humanidade. Temos a literatura galega contemporánea e outras manifestacións culturais coma a audiovisual. Ningún Goberno o explotou. O binomio cultura/economía funciona. O propio Estado español non soubo explotar o seu potencial.
-¿Refírese tamén ao castelán?
-Tamén. No Goberno de Aznar a relación con Latinoamérica foi un fracaso absoluto e no actual non existe. A RAE fai un gran traballo, pero non está acompañada polo Executivo. Galicia, co galego e o castelán e coa emigración que houbo a países latinoamericanos, estaría chamada a ser a cabeza de ponte entre América e Europa, a embaixadora. No Centro Galego de México D. F. vin unha biblioteca excelente. Pero dixéronme que desde hai anos non reciben ningún libro da Xunta. Rompéronse esas relacións. Tiña máis sensibilidade o Goberno de Fraga que o actual.
-Algunhas destas razóns leváríano dar o salto á política...
-Fun elixido en primarias para a coordinadora do Encontro Cidadán por unha Marea Galega. Traballamos durante meses. Pero eu tiña compromisos. Estiven en México, na Feira Internacional do Libro e nun encontro de poetas, despois fun a Tenerife... Deixeino porque non tiña tempo. Pero despois fun presionado cordialmente polas bases, sobre todo en Lugo. Houbo unha lista de consenso ratificada por unha maioría abrumadora. E dixen que si. Non me quería ter metido nisto, pero cando o fas é con toda a forza, coa subida de serotonina e de adrenalina.
-¿Hai algo poético na campaña?
-O poeta irlandés Seamus Heaney di que concibe a poesía como a interacción entre un impulso lírico e unha responsabilidade cívica. Móvome nesa dimensión. A responsabilidade cívica lévate á acción política. A acción política e o nacionalismo de esquerdas concíboos como unha forma de humanismo. ¿Non se reclaman cristiáns partidos que van contra xente que leva toda a vida traballando, coma os gandeiros? Os gandeiros e os mariñeiros do cerco séntense estafados.
-Falaba do nacionalismo. O BNG non está nesta candidatura.
-Para En Marea, Nós non é unha forza inimiga. Eu ás veces digo que é unha candidatura irmá. O ideal sería ter articulado unha unidade de acción. Temos claro a quen temos que combater no plano democrático, que son as políticas lesivas para o común da xente. Se os cidadáns se unen arredor das forzas políticas que buscan o cambio e pasan a ser protagonistas, esta forza tería máis poder que a troika e que o FMI.
-¿Que lle parece que Beiras non estea nas listas de En Marea?
-Con Beiras teño unha relación de irmandade. É un líder no sentido pleno, que sabe ver máis alá. Escribiu textos sobre o Tratado de Maastricht que se cumpriron totalmente. É un visionario e un erudito. É, xunto con Castelao, o político máis importante que dou o nacionalismo e a política galega no século XX. Pero el mide os seus tempos. Ten a súa idade e tivo os seus problemas de saúde, aínda que está recuperado. Está chamado a ser un catalizador dunha forma ou outra. O mitin en Monforte foi apoteósico.
-¿Que tal vostede nos mitins?
-Cada vez mellor, coma unha marea crecente. O mitin en Burela, con Yolanda Díaz, marcoume un antes e despois na fórmula. Non concibo a política coma unha cadea de ofertas. Miro aos ollos da xente. Síntome contento, satisfeito do contacto coa xente. É algo novo. Eu nunca tiven ningún cargo político e tiven ofertas de cargos políticos importantes de varios Gobernos de distintas cores e rexeiteinos. Por iso o meu nome considerábase dun perfil independente en Lugo.
-¿En campaña pode escribir?
-Na campaña non se pode escribir nada, en absoluto. Estou lendo tres libros. Leo Rainer Maria Rilke. El vidente y lo oculto, de Mauricio Wiesenthal. Tamén leo Ética e infinito, de Emmanuel Lévinas. E o libro de relatos e contos A verdade dos espellos, de Pablo Rubén Eiré. Sempre combino cousas distintas.