Fernández Leiceaga: «Rajoy ten que empezar a traballar e deixar a soberbia da maioría absoluta»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

Alvaro Ballesteros

O socialista cre que o PSOE ten que ser respectuoso co que dixo na campaña e non facilitar un Executivo popular

30 jun 2016 . Actualizado a las 09:45 h.

Nada máis ser elixido candidato á Xunta polos militantes do PSdeG, Fernández Leiceaga (Noia, 1961) aterrou en prancha nunha campaña electoral de xerais á que lle tivo que poñer cabeza en Galicia. Pensa que superou ben a proba. Polo menos respira aliviado.

-¿De que se agocha vostede?

-Non me agocho de nada, ¿por que o pregunta?

-Foi dos poucos líderes políticos que non deu a cara a noite electoral nin ao día seguinte para falar dos resultados.

-Pero compareceu a presidenta da xestora, que ademais é a cabeza de lista pola Coruña. É a ela a quen lle correspondía facer a valoración. Non hai outro tema aí.

-¿E que lectura fai do 26X?

-No que atinxe a Galicia, é evidente que tivemos un bo resultado, fomos nós os que demos o sorpasso e a sorpresa e recuperamos a segunda posición política. E ademais fixémolo mantendo o mesmo número de votos que en decembro e iniciando a senda da recuperación en porcentaxe. Aínda así foi insatisfactorio, porque nos tocou felicitar a outro vencedor, que foi o PP.

-Fala de bos resultados, pero a web do Ministerio do Interior di que perderon case 5.000 votos respecto a decembro.

-Non, non. O número absoluto de votos pecharase agora co reconto de voto emigrante e asegúrolle que imos a estar nunha situación similar. Mantemos os votos cunha abstención maior, o cal é moi importante de cara as autonómicas, porque nos pon de alternativa e racha esa estratexia do PP de confrontar coas mareas.

-­¿Que mudou dende decembro para que o PSdeG, como vostede di, mellorara resultados?

-Pois basicamente que en maio celebramos unhas primarias que nos permitiron revitalizar o partido. E iso deu lugar a unha campaña más dinámica en xuño e a que o partido tivera un referente claro no candidato á Xunta.

-¿E a que atribúe a perda de votos dunha coalición que ía en ascenso como En Marea?

-O retroceso das mareas ten que ver con dúas cousas: por un lado a súa posición en torno á negociación para formar goberno, e tamén coa súa xestión deficiente alí onde gobernan. Só hai que ver que a súa caída foi maior na provincia da Coruña, onde teñen as alcaldías das tres cidades.

-¿Que rachen co BNG e pacten co PP os orzamentos da Deputación de Lugo é o limiar de algo?

-Eu creo que non. O PSdeG intentou ate o último momento que nese acordo estivera o BNG. A situación xerada na Deputación de Lugo facía necesario ir a un acordo amplo para ter orzamentos e facer funcionar os concellos. O BNG non quixo, pero espero que o acordo se poda recompoñer.

-¿Entón non hai marxe para colaborar máis co PP?

-Pode que en cuestións puntuais, como sucedeu en Lugo, pero no ámbito autonómico non nos gustan as súas políticas.

-¿Se poden bailar un día co PP en Lugo, por que non outro na Carrera de San Jerónimo?

-A ver, o entendemento non é imposible, de feito o PSOE pactou asuntos con PP tanto na etapa de Zapatero como na de Pedro Sánchez. Pode haber acordos, pero outra cousa é participar en gobernos, porque iso significa poñer en común programas enteiros e rachar coa idea de alternancia que é fundamental para o funcionamento das democracias, o sistema resentiríase.

-Dixo a presidenta de Andalucía que o PSOE foi posto claramente na oposición, ¿é así?

-A situación é suficientemente enrevesada como para que haxa diferentes lecturas. É certo que esa é a máis clara, que o PSOE está chamado a ser oposición e que o único que o podía sacar de aí é o fracaso absoluto do PP á hora de establecer alianzas. O PP ten a iniciativa, ten que chegar a acordos, pero se non é capaz o PSOE terá que pensalo e tomar as súas decisións.

-¿Ten que absterse o PSOE para que Rajoy sexa investido?

-Nós temos que ser respectuosos co que dixemos durante a campaña, e foi que non iamos a facilitar un Goberno do PP. Pero tamén hai que ser respectuoso co PP, que debe ter a iniciativa. Nos últimos catro anos o PP non pactou nada coa oposición, pero agora Rajoy ten que mudar a actitude e buscar os acordos, ten que empezar a traballar e deixar a soberbia da maioría absoluta para pasar á humildade da súa posición actual

-¿Esa negativa do PSOE a Rajoy ten que ser un «non, non» ou un «non, pero xa veremos»?

-Non de momento é non, pero imos ver como suceden as cousas.

-¿Valora un escenario no que podamos ir a terceiras eleccións?

-Eu penso que temos que facer un esforzo para evitar outras eleccións. España necesita un Goberno, temos que facer o esforzo, pero a iniciativa lle corresponde ao PP e a Rajoy.

-O PP de Feijoo gaña dous escanos en Galicia, agora xa o ten tanto a tiro...

-Pero nós estamos mellor, somos a segunda forza e tamén a alternativa a Feijoo. Os únicos que temos presenza en todas as circunscricións e iso nos permite evitar que a estratexia da polarización dos extremos contra o PSdeG poda ter éxito na campaña. Sempre dixemos que o cambio é posible se o protagoniza o PSdeG, e os feitos avalan iso.

-¿A que atribúe o avance do PP cando parecía en retroceso?

-Ao éxito da súa estratexia, de que, a base de confrontar con Podemos, boa parte do seu electorado preferiu ir a votar ao PP vencendo as reticencias que tiñan pola corrupción, os recortes, etc, antes de que Pablo Iglesias protagonizaran o cambio. Pero xa lle aviso que repetir iso en Galicia xa é máis complicado.

-¿Ata cando debe seguir Pedro Sánchez como secretario xeral?

-Pois até o congreso que está previsto para o outono, e aí terá que decidir se opta á reelección. De entrada está en mellor situación para facelo.

-¿Pensa que pode repetir novamente como candidato?

-Creo que os resultados non o invalidan, pero hai tempo por diante para tomar decisións.