Xoán Bascuas: «Galicia está por construír como país, está moi lonxe falar de independencia»
ELECCIONES 2016
O candidato de Compromiso por Galicia propón crear unha garda nacional galega, «e o diñeiro das multas que redunde en quen as paga», reclama
14 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Está persuadido de que o galeguismo ten espazo político. Trata de demostralo con Compromiso por Galicia nas autonómicas e acadar máis implantación para as municipais do 2019. Xoán Bascuas (Russelsheim, Alemaña, 1971) formou parte da estrutura do bipartito e non renega del. «Foi un avance na construción do país e a súa calidade de vida».
-Compromiso por Galicia segue agarrado á rocha, ¿non o arrastrará a marea?
-Compromiso por Galicia é unha embarcación á que cada vez van subindo máis tripulantes, ten unha maior dimensión e ten a súa propia folla de ruta. Dános igual o estado da mar, se é mar ovellada ou arborada, a nosa ruta é fixa e a fixa a cidadanía.
-¿E non acabarán por quedar sós nunha illa deserta?
-A vida é substancialmente un risco, pero non creo que o corramos, porque aínda estamos na fase inicial de ir dotándonos de implantación territorial. Niso estamos avanzando e moi a gusto co camiño que temos emprendido.
-Pontón, Leiceaga, Villares e vostede estiveron baixo o mesmo paraugas do BNG e agora defenden siglas distintas. ¿É minifundista «per se» o nacionalismo e o galeguismo?
-Os tres teñen outra cousa en común, que estiveron na UMG (organización xuvenil da UPG), eu non. Estou onde estaba, sigo a defender o mesmo que pensaba. Ana Pontón tamén está onde estivo, pero non sei que dicir dos demais.
-Pero ¿é ou non o nacionalismo un mapa de miniparcelas?
-Compromiso por Galicia é galeguista, progresista e socialdemócrata e xorde da confluencia de forzas políticas que son definidas como galeguistas. O obxectivo é un encaixe para Galicia diferente nunha España distinta. O PSOE non é galeguista; o BNG e nacionalista e soberanista, e En Marea é... un territorio no que hai falla de claridade.
-14.586 votos nas anteriores autonómicas, 17.592 nas municipais con 41 concelleiros e catro alcaldes: ¿onde van chegar agora?
-Ata onde a cidadanía queira. A nosa pretensión é ser no Parlamento a forza central do cambio que amalgame as distintas forzas que poidan participar do cambio. Podémonos comunicar co PSOE co discurso progresista e co resto, co galeguista. Somos os que podemos coser ese goberno.
-Na web de CxG as súas fotos con membros do PNV e Convergència aparecen no apartado de internacional. ¿Quen son os estranxeiros nesas fotos?
-Internacional non implica que sexan estranxeiros. Como membros da UE non computamos como estranxeiros cando imos a Portugal ou Francia. Trátase dunha relación entre nacións, por iso son fotos internacionais.
-Entón ¿Galicia, nación independente?
-Galicia nación. A independencia é algo que terán que decidir os galegos no seu momento, se é que se dá ese debate algunha vez, que eu dubido moitísimo. Galicia está por construír como país, queda moi lonxe poder ter debates e falar sobre independencia. Hai que facer camiño para facer máis autogoberno.
-¿Por iso piden, por exemplo, crear unha garda nacional galega?
-Non é unha policía autonómica sen máis, está ligado a ter as competencias de tráfico e a seguridade viaria, e queremos pór a sede en Vigo. O 40 % das multas que enchen o peto do Goberno central se poñen en Galicia pola nosa condición orográfica e territorial, e ese diñeiro tería que empregarse aquí.
-¿O diñeiro das multas para quen as paga?
-Gústame.
«Nunca fumei un porro, aínda non»
-¿Canto ingresou no 2015?
-Se a memoria non me falla, foron 34.000 euros brutos.
-¿Que patrimonio ten?
-Son propietario da miña vivenda. Eu e mailo banco, claro.
-¿Fumou un porro algunha vez?
-Non, aínda non.
-¿Colabora con algunha ONG? ¿Con cales e con canto?
-Non. Colaboro con outro tipo de entidades que non son organizacións non gobernamentais. Ademais, Compromiso por Galicia xa leva bastantes recursos meus.
-¿Cantos libros leu este ano?
-Creo que tres. Agora estou con outro.
-¿Cantas veces doou sangue este ano?
-Aínda ningunha.
-¿Estivo no paro algunha vez?
-Si.
-¿Cantos traballos tivo e cales?
-Tiven tres postos distintos vinculados á docencia universitaria, un aos estudos de mercado e o resto á hostalaría.
-¿Cantas horas durme o día?
-Entre cinco e seis.
-¿Fuma? ¿Bebe?
-De cando en vez.
-¿Como se chama a discoteca da súa vida?
-Non teño discoteca da miña vida.
-¿En que animal se reencarnaría?
-Nun can.
-¿A súa materia pendente?
-Teño moitas materias pendentes, entre outras continuar co meu proxecto vital.