Noela Blanco: «O Goberno de Aznar empuxou a toda unha xeración a dar pasos en política»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

MIGUEL VILLAR

A cabeza de lista do PSdeG pola provincia de Ourense sostén que ningún partido vai resolver o dos incendios forestais se non teima no consenso político

15 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É muller vehemente, das que alzan a voz cando mitinean. Noela Blanco (Ourense, 1981), graduada en Ciencias Ambientais pola Universidade de Cádiz, fuxe das etiquetas das familias do PSdeG para ser de todos. Foi a máis apoiada na provincia para ser candidata e recende a futuro.

-¿Como ve unha ambientóloga o contexto natural de Galicia?

-É un contexto catastrófico, estámolo vendo cos incendios, que son o maior problema ambiental de Galicia, que non só vén derivado da mala xestión dos recursos naturais, senón tamén de cuestións como a crise demográfica, o abandono do rural e a mala ordenación do territorio.

-¿E como solucionaría eses problemas dos que fala?

-Requiren solucións de fondo, non cortopracistas como as que ten tomado o PP nestes anos. Ningún partido político vai poder resolver o dos incendios sen consenso coas demais forzas, sindicatos, xestores do monte, etcétera.

-¿Como entra no PSOE a filla do dirixente sindical nacionalista máis famoso de todo Ourense?

-Penso que por ter medrado nun ambiente de esquerdas, co papel importante dunha nai, progresista e moi intelixente, que me deixou tanto pouso como o meu pai. E influíu a indignación provocada pola catástrofe do Prestige e as mobilizacións contra a guerra, que me colleran estudando en Cádiz, na Andalucía socialista, onde xa se falaba da gratuidade dos libros de texto que logo o PSOE implantou en Galicia. Penso que o Goberno de Aznar empuxou a toda unha xeración a que déramos pasos en política.

-¿E Pachi Vázquez que fixo, de padriño político?

-Era o secretario xeral do PSdeG cando fun por primeira vez nunha candidatura; é unha persoa que eu respecto.

-¿E tamén respecta as súas opinións tan críticas coa dirección?

-Este é un país libre, cada un pode opinar como queira.

­-¿Cal é o segredo dos Baltar para mandar tanto en Ourense?

-A rede caciquil que hai montada arredor do clan Baltar, pero o feito de que fora imputado por un caso gravísimo de acoso sexual fai que en Ourense haxa un clamor, un basta xa contra quen converte o pazo provincial no seu pazo feudal.

-¿Onde están as diferenzas entre Baltar e Feijoo?

-Cando Feijoo vén a Ourense e abraza a Baltar, convértese no cómplice dunha situación gravísima. Se un ampara esas prácticas, acábase convertendo no mesmo.

-O 25S vai medirse en Ourense á única cabeza de lista do PP en Galicia. ¿Que percepción ten de Marisol Mouteira?

-Moi boa no persoal, pero dóeme como muller que a candidata do PP non se rebele e golpee na mesa para botar a Baltar e que dimita. E díxenllo a ela.

-¿E que lle respondeu?

-Iso debería preguntarllo a ela.

-¿Que viu en Leiceaga para apoialo dende o primeiro día?

-Representa unha mestura moi rica de pensamento galeguista e socialista. É un economista sólido, potente ideoloxicamente, e vai ser clave para sacarnos da crise e da decadencia que sufrimos.

-¿Por que expresan tanta decepción no PSOE polos gobernos locais das mareas?

-Pola súa xestión. Non pode haber decepción se nunca houbo xestión. Cando non se fai nada e non se teñen responsabilidades... pero cando se chega ao poder tamén chegan os problemas.

-¿E por que representa o PSOE mellor que outras forzas os valores da esquerda e do progreso?

-Porque xa o fixemos varias veces, cos gobernos de Laxe e Touriño, e porque esas ideas son o estandarte de Leiceaga. Fixémolo e farémolo. Non imos fallar.

«Reencarnaríame nunha formiga»

-¿Canto gañou o ano pasado?

-Trinta e pico mil euros. Entrei no Parlamento en maio e o salario é público e pódese coñecer.

-¿Que patrimonio ten?

-Un coche que ten oito anos.

-¿Fumou un porro algunha vez?

-Probeino, para que mentir.

-¿Colabora con algunha ONG?

-Si.

-¿Con cales e con canto?

-Con Greenpeace e con Acnur, pagando cotas trimestrais.

-¿Cantos libros leu este ano?

-Soamente dous: Terranova, de Manuel Rivas, e un libro do Saramago que estaba inédito.

-¿Cantas veces doou sangue este año?

-Unha vez.

-¿Estivo no paro algunha vez?

-Si, estiven.

-¿Cantos traballos tivo na súa vida? ¿Cales?

-Dous. Técnica ambiental do Consello da Xuventude e agora estou en excedencia de Sogama.

-¿Cantas horas durme ao día?

-Entre seis e sete.

-¿Fuma, bebe?

-Fumo e bebo ocasionalmente.

-¿Cómo se chama a discoteca da súa vida?

-Ouren Rock. Eu son máis de pub, pinchaban moito dos oitenta.

-¿En que animal se reencarnaría?

-Son escéptica, pero quizais sería unha formiga, traballan en equipo, son leais e moi ordenadas.

-¿A súa materia pendente?

-A de deixar de fumar, penso que vou facelo pronto.