Pilar García Negro marchou do Parlamento na metade da súa terceira lexislatura (2003), o que deu pé á entrada da actual candidata do BNG á presidencia da Xunta
15 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A súa marcha do Parlamento na metade da súa terceira lexislatura (2003) deu pé á entrada da actual candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón. O primeiro que lle vén á mente a Pilar García Negro é «a enorme cantidade de traballo que levabamos a cabo para chegar a todo tipo de público, sen distincións». E deu froito, porque o Bloque pasou do escano de Beiras a cinco en 1989. «E un sexto que nos roubaron en Ourense», lembra, discrepando do reconto que entón deixou aos nacionalistas ás portas dunha acta en Ourense, o que tería suposto a perda da Xunta para Manuel Fraga. «Aí houbo un obxectivo de Estado para garantir a través da presidencia de Fraga a “estabilidade” de Galiza, que era en realidade a súa marxinación como réxime autonómico coa implicación do PP e a indispensable colaboración do PSOE», mantén. A operación que describe García Negro a cualifica de «dous paxaros cun tiro», ao supoñer o fin do tripartito e o «envío de Fraga á colonia».
Malia ese grolo non esquecido, García Negro mostra a súa satisfacción polo rendemento «de todo aquel inmenso traballo que a min cadroume en plena xuventude». Dos cinco deputados do 89 o Bloque pasou a 13 e 18 nas seguintes eleccións. «As do 93 foron realmente as do grande avanzo do BNG, e por pouco non acadamos 15 escanos», advirte.
Coa vista posta na actualidade, a exdeputada denuncia «o enorme grao de españolización e anestesia da sociedade galega, á que hai que lembrarlle que se tratan de eleccións galegas», lamenta, pola perda de peso político que advirte.