Ana Pontón: «Os acordos entre forzas son positivos, o monopartito de Feijoo foi desastroso»

M. Cheda SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

Álvaro Ballesteros

«O BNG nunca tería apoiado a Marta Rivera de la Cruz, que se ten significado na loita contra a nosa lingua»

18 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana Pontón (Sarria, 1977) prognostica unha derrota de Feijoo o 25S «sempre que o BNG obteña unha representación forte».

-En tempos, ao Bloque chegárono a votar case 400.000 persoas e nas últimas xerais, menos de 50.000. ¿Por que esa fuga?

-Houbo moitos cambios políticos nos últimos anos e mesmo lecturas erróneas que fixo o nacionalismo, pero estamos demostrando tamén que estamos nunha etapa nova. Moitas persoas senten que movemos fichas e agora están mirando para nós con ilusión e esperanza.

-¿Que lle di aos que aínda non senten iso? ¿Que ten o BNG?

-O BNG ten un proxecto sólido, que aprendeu dos seus erros, que está nun momento novo e no que poden confiar todas as persoas que están buscando que a política solucione os seus problemas, que cren que este país necesita unha alternativa que teña a súa cabeza e o seu corazón en Galicia, e que reclaman humildade, honestidade e proxectos alternativos.

-Estes días, como antes Rajoy e Sánchez en favor de PP e PSOE, desembarcan en Galicia para apoiar a En Marea Colau, Errejón, Garzón, Iglesias... Vostede ten dito que non precisa primos de Zumosol. ¿Dío porque o cre ou porque non os ten?

-Cando os galegos comecemos a mirar máis para nós e a confiar nas nosas propias forzas, no noso potencial como país, sairemos adiante. Nós temos referencias importantes de cambio na política municipal: alcaldes que no seu día a día xa fixeron as súas pequenas revolucións nos seus concellos e que están todo o ano defendendo os intereses dos galegos. É curioso que algunhas forzas políticas confíen tan pouco nos seus líderes que necesiten reforzalos con estrelas invitadas.

-Con esas estrelas compartirá mitin Beiras, quen esta semana a atacou. Se o tivera agora mesmo diante, ¿que lle diría?

-Que non ofende quen quere, senón quen pode. Beiras decepcionoume profundamente.

-En Marea acaba de pactar con Ciudadanos un reparto de cargos no Congreso. Fernán-Vello teno xustificado alegando que en política, de cando en vez, hai que tragar sapos. ¿Coincide?

-En absoluto. O BNG nunca tería apoiado a Marta Rivera de la Cruz, que se ten significado na loita contra a nosa lingua, para ser presidenta da comisión de Cultura no Congreso. É un erro.

-Máis alá dese episodio, ¿realmente a política é tragar sapos?

-Non o creo, é defender ideas e facer realidade proxectos.

-Coa perspectiva do tempo, ¿cal é a súa análise daquel bipartito PSOE-BNG que Feijoo tanto critica?

-Foi un Goberno que fixo moitas cousas ben, no que o BNG aportou políticas moi beneficiosas para este país, como un banco de terras, acabar co espolio enerxético, a defensa da cultura e da vivenda, as políticas de benestar... Logo houbo un resultado no que os cidadáns decidiron non revalidar esa maioría. É evidente que se cometeron erros...

-¿Cales?

-Creo que houbo a veces demasiada preocupación máis pola competición interna que por dar unha imaxe de cumprimento dun acordo de goberno, e que o Partido Socialista actuou en ocasións con irresponsabilidade enfrontándose a cambios que estaba poñendo sobre a mesa o BNG, e iso tivo un custe a nivel electoral, á marxe da sucia campaña que fixo no ano 2009 o señor Núñez Feijoo. Pero agora o que se xulga é o Goberno de Feijoo, o peor na historia deste país. No 2016 non podemos seguir no 2009.

-Admite exceso de «competición interna». Se ocorreu iso entre dous, ¿por que non entre cinco?

-Dicir que un monopartito é máis democrático e funciona mellor que un goberno de varias opcións políticas... aínda está por aparecer alguén que o demostre. Nós aprendemos dos erros do pasado e estamos nunha nova etapa. Os acordos entre organizacións políticas e o diálogo son positivos, sempre. E o monopartito de Feijoo foi desastroso para o país. O BNG é clave para a súa derrota.

-¿Sería Ana Pontón conselleira de Villares ou só o faría presidente e o deixaría en minoría?

-Ana Pontón para o que se presenta é para presidenta de Galiza.

-¿Non pode facer o exercicio de poñerse nun escenario posible?

-Nós dixemos moi claro que non imos deixar que goberne a dereita, non imos cometer a irresponsabilidade que cometeron PSOE e Podemos en decembro. E o que fagamos a partir do día 25 dependerá do que decidan os galegos co seu voto.

Álvaro Ballesteros

-¿Non cre que os galegos teñen dereito a saber que van facer vostedes co seu voto antes de decidir a quen llo dan?

-Si, xa o saben perfectamente.

-Non. Non aclara se formarían vostedes parte dun Goberno ou só apoiarían a súa constitución.

-Esas son cuestións que non se poden abordar agora mesmo antes dunhas eleccións. Creo que estou sendo suficientemente clara a respecto de cal é a nosa estratexia de pactos, de cales son os nosos obxectivos. O que teñen que valorar os galegos é se queren que haxa un Goberno que impulse propostas como as que está defendendo o BNG.

-De todas esas propostas do seu programa, escolla tres.

-Poñer en marcha unha tarifa eléctrica propia, a renda de integración social e a eliminación de todos os pasos que se deron contra a lingua galega.

-Vostede cursou Ciencias Políticas, pero en realidade quería estudar Xornalismo. ¿Que titular lle gustaría ler na primeira páxina dos xornais o 26 de setembro?

-Por primeira vez, Galiza ten unha presidenta nacionalista.

«O ano pasado gañei 50.000 euros e 14.000 doeinos ao Bloque»

-¿Canto diñeiro ingresou o ano pasado?

-Uns 50.000 euros, pero en torno a 14.000 doeinos ao BNG.

-¿Que patrimonio ten?

-Un piso hipotecado e un coche.

-¿Ten fumado porros?

-Pois si.

-¿Moitos?

-Non, non me gustan nada. Parécenme unha perda de tempo.

-¿Colabora con algunha ONG?

-Si, con Adega.

-¿Cantos libros ten lido este ano?

-Moi poucos, menos dunha ducia.

-¿Cantas veces ten doado sangue este ano?

-Ningunha, non puiden porque tiña o ferro moi baixo.

-¿Estivo no paro algunha vez?

-Si.

-¿Cantos traballos tivo na súa vida?

-Entrei como deputada tendo 26 anos [hoxe ten 39] e antes estiven asesorando como politóloga a un grupo municipal.

-¿Cantas horas durme cada día?

-Na campaña, 5 ou 6; normalmente, procuro durmir entre 7 e 8.

-¿Fuma? ¿Bebe alcol?

-Tomo algún viño, como todo o mundo. E deixei de fumar hai dous anos.

-¿Como se chama ou chamaba a discoteca da súa vida?

-Litmar.

-¿En que animal se reencarnaría?

-Nunha aguia.

-¿Que asignatura persoal pendente ten na vida?

-Escribir un libro.

En tres palabras

Alberto Núñez Feijoo. O amigo dun narcotraficante.

Xoaquín F. Leiceaga. Foi un parlamentario solvente.

Luís Villares. Un maxistrado competente.

Cristina Losada. Basta ver a entrevista en Vía V. 

A miña porra

PP | 36-37

PSOE | Menos de 18

En Marea | Non sei

BNG | Máis de 7

Ciudadanos | 0

Outros | 0