«Non hai ningún dos centos de exdeputados co que non poida tomar un café»

ELECCIONES 2016

PEPA LOSADA

Ismael Rego foi parlamentario polo PSdeG entre o anos 1986 e 2012

20 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«As auténticas campañas son as municipais», apunta como declaración de principios Ismael Rego (PSOE), aínda que a punto estivo de cumprir as vodas de prata como parlamentario tras ser elixido sete veces. «Os compromisos son case máis persoais que políticos. As autonómicas e xerais son máis impersoais», estima.

Para o socialista, a campaña que considera «máis potente» foi a que deu lugar á presidencia de Emilio Pérez Touriño. «Foi impresionante pechar aquela campaña na praza do Obradoiro, foi unha cousa que me marcou bastante», di polo marco e a intensidade da cita.

Pero Rego lembra tanto as grandes aglomeracións de campaña como as picadas. «Participei en actos onde había máis xente para falar que para escoitar. Fora no Vicedo. Eramos tres para falar e só había dous para escoitar», ri. «Pero nunca deixamos de facer un acto, aínda que só viñesen dúas persoas».

Como un dos deputados que máis tempo ten pasado no Parlamento, Ismael Rego outórgalles moita importancia ás relacións persoais cos que foron os seus compañeiros de Cámara. «Dos centos de deputados que pasaron polo Parlamento na miña estancia alí, penso que non hai ningún co que non poida tomar un café», di con satisfacción. «É o que me queda persoalmente», engade. E como «grande frustración»: que quedara sen aprobar a reforma do Estatuto de Autonomía. «Non foi posible, e foi unha oportunidade única para acordar un novo estatuto no que nos separaba moi pouco», lamenta.