Critica as alianzas que «conducen a Galicia á irrelevancia e á submisión a forzas estatais»
16 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O del era a historia, pero cruzóuselle no camiño a filoloxía galega. Tamén ía para mestre, pero sempre lle tirou a política. É Néstor Rego (O Vicedo, 1962), secretario xeral da Unión do Povo Galego (UPG) e cabeza de lista do BNG ao Congreso pola Coruña.
-A ver, meta cuña: que se xoga Galicia nas xerais do 28A?
-Xogámonos ser ou non ser, estar no Congreso cunha voz soberana para falar dos problemas do noso país e das súas solucións.
-Pensa que estamos peor dende que o BNG non está en Madrid?
-Están os números para constatalo, as forzas estatais esquecéronse de nós e a proba é que tentaron aprobar uns Presupostos onde o investimento para Galicia caía un 65 % respecto ao 2009.
-Por que votar ao BNG se tamén hai En Marea ou Podemos nas mesmas coordenadas?
-Porque o BNG é a única forza que aposta por unha Galicia con plenas capacidades, sen ataduras e sen facer o que lle ditan dende Madrid. E, alén diso, está a nosa experiencia, que sempre fala de lealdade con Galicia.
-Cal é o seu primeiro recordo de participación activa na política?
-Das primeiras eleccións, de 1977, cando era un rapazolo de 15 anos. Foi unha campaña que me marcou porque era a primeira oportunidade do nacionalismo de se presentar en sociedade.
-Os resultados foron terribles.
-Foron moi modestos, é verdade, pero como experiencia política e persoal foi moi importante, porque a partir de aí fomos ampliando o abano e construíndo unha base máis plural.
-Participou na fundación dos CAF e do BNG, foi tenente de alcalde en Santiago e agora dirixe a UPG. Cal foi a batalla que gañou en toda esta traxectoria?
-No nacionalismo gañamos moitas batallas, pero se tivese que escoller unha sería a da loita por democratizar a Universidade, coa mobilización dun mes que fixemos na Facultade de Historia.
-As súas non son batallas por puntos de luz ou beirarrúas...
-Tamén fun concelleiro de Servizos en Santiago e estiven moi ocupado en atender as necesidades das parroquias: puntos de luz, contedores... Ao mellor non son grandes batallas, pero na política nada é desprezable.
-Lembra cando Conde Roa criticaba o comunismo e lle botaba en cara as mortes de Stalin?
-[Ri]. Si, e mire onde está Conde Roa agora. Esa estratexia acusatoria é a mesma que usa Feijoo, que acusa ao nacionalismo de provocar o auxe da ultradereita.
-Non é Feijoo o único que o di.
-Xa, pero o auxe desa dereita ultranacionalista igual ten algo que ver con que o PP e outros alimentaran o españolismo desaforado contra Cataluña.
-Cantos pesadelos lle xerou Beiras nos últimos anos?
-Non tiven pesadelos con Beiras, creo que hai vías que non levan a ningures, que conducen a Galicia á irrelevancia e á submisión a forzas políticas estatais. O BNG mantivo sempre o rumbo, pensando que este país ten capacidade para avanzar por si mesmo, e o tempo estanos dando a razón.
-Que diferencia ao BNG de Ana Pontón do liderado por Beiras?
-Hai unha liña que se mantén no nacionalismo dende os inicios, que é a necesidade de confiar nas propias forzas e o recoñecemento de Galicia como nación, pero as circunstancias mudan e o BNG tivo a capacidade de facer unha renovación para coller impulso e enerxía sen renunciar a nada do que foi.
-Vostede é da quinta do 62, coma o ministro Grande-Marlaska ou Quim Torra. Con quen tomaría un café para pactar algo?
-Non tería problemas con ningún dos dous, pero Grande-Marlaska ten moitas sombras na súa actuación anterior a ser ministro coas que non concordo. Coincido máis con Torra, pese a que a situación de Cataluña non ten nada que ver coa de Galicia.
-Cando Torra di que no resto de España só se sabe espoliar a Cataluña, séntese interpelado?
-Non, porque cando fala do resto de España non alude a nacións como Euskadi ou Galicia. Mire, nós pagámoslle os impostos a Madrid, que ten a caixa e decide canto devolve; hai que acabar coas falacias de Cataluña.
-Teño a sensación de que Bertín Osborne non o convidou a facer unha tortilla na súa casa...
-Non, e teño a sensación de que non ten interese en facelo.
-Se o convidara, iría?
-Penso que non ten interese ningún no BNG, el está na España dos touros e da caza.
-Sentaríase a negociar investidura e goberno co PSOE?
-Non tería dificultade, o BNG actuaría como unha barreira contra a ultradereita e, nun escenario sen maiorías, poría toda a súa capacidade en beneficio dos galegos, nos investimentos, infraestruturas, traspasos ou en evitar o desmantelamento industrial.
-Pense que é deputado e que é recibido polo rei, como Jorquera ou Paco Rodríguez. Que lle diría?
-Hoxe hai un descrédito máis amplo na monarquía que nas outras ocasións. A posibilidade de que ese encontro se producira decidiríao o BNG, pero talvez lle trasladaría que non pode ser que o xefe do Estado non sexa elixido por todos os cidadáns.
Séntese máis preto de Torra ca de Grande-Marlaska, aínda que «Cataluña non é Galicia»
«Non tería problema en sentar a negociar co PSOE, actuaría como barreira fronte á ultradereita»