Cancela destaca a capacidade do Goberno de Sánchez de acordar con todas as forzas, excepto unha: Vox
22 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Durante mais de ano e medio asumiu de forma provisoria o liderado do PSdeG logo da dimisión de Besteiro, que foi quen a recrutou para a primeira liña política. É Pilar Cancela (Stuttgart, Alemaña, 1967), cabeza de lista dos socialistas pola provincia da Coruña, que pensa que un dos inimigos do partido no 28A pode ser o exceso de confianza.
-Estará tranquila, nas enquisas xa gañaron.
-As enquisas nunca me dan moita tranquilidade, porque a porcentaxe de indecisos é moi alta, do 40%, e non hai que dar nada por feito. A mobilización ten que ser importante
-Teme ao exceso de confianza?
-E que temos que aprender dos erros, porque en Andalucía temos un laboratorio político fantástico no que participa a ultradereita e do que saen propostas de involución real para a sociedade.
-Vaia, tardou menos dun minuto en falar de Vox...
-Nin o mencionei, pero o certo é que Vox está aí marcando a axenda política do PP e Ciudadanos e temos que estar moi alerta.
-E que lle parece que propoñan un sistema semiprivado para manter as pensións?
-Non se agochan, queren rachar co sistema público de pensións que tanto custou crear. E a cuestión non é que Vox non se agoche, senón quen o acompaña nesa proposta, ou na rebaixa do salario mínimo, na regresión dos dereitos da muller ou na privatización dunha parte da sanidade.
-Van ao 28A co lema «Haz que pase», fai que pase o que?
-O lema refírese a que non involucionemos, a ver si somos capaces de afondar nunha folla de ruta progresista nos dereitos ou se temos que retroceder en cuestións como a violencia de xénero, a lei do aborto e outras cuestións que poñen á muller no punto de mira.
-Ata que punto o voto feminino vai ter incidencia nestas eleccións?
-Vai ser decisivo, o PSOE gañou sempre neste país cando houbo unha mobilización forte das mulleres. Poño por diante que non pretendo capitalizar o 8M, porque sería indecente facelo, pero o certo é que hai unha capacidade de reivindicación das mulleres que están dicindo que non están dispostas a que se lles toque nin un só dos dereitos e liberdades acadados durante tanto tempo.
-Lembra cal foi o seu primeiro acto de actuación política?
-Penso que foi nalgunha manifestación do ámbito laboral, e logo tiven a oportunidade de dedicarme como funcionaria ás relacións laborais. De nova era moi idealista e nos contactos que tiñamos coa patronal sempre me vían como moi roxa.
-A quen lle daría un ministerio no goberno do PSOE, a Pablo Iglesias ou Albert Rivera?
-Non se trata de repartir ministerios, iso de pedir Interior para depurar as cloacas do Estado ou outro para facer calquera outra cousa é moi frívolo, ao que aspiramos é a ter unha maioría suficiente para gobernar en solitario, con apoios preferentes na esquerda, pero con capacidade de acordar con todas as forzas políticas excepto unha.
-Entón vanlle poñer un cordón sanitario a Vox?
-Non me gusta a expresión. Ciudadanos emprégaa contra nós, trata ao PSOE coma unha pandemia e equivócanse. O PSOE é un partido constitucionalista e se vamos a producir unha pandemia que sexa de conquistas sociais. Equivócanse moito, porque ademais nos están deixando libre todo o centro político.
-Por que unha autoestrada se traspasa tan axiña ao País Vasco e aquí hai que agardar alomenos tres lexislaturas?
-Esa é unha pregunta trampa, pero ten unha explicación. As competencias que ten asumidas o País Vasco no seu Estatuto si que lle permite a xestión inmediata dunha autoestrada titularidade do Estado. Iso que non quita que recoñeza que hai unha débeda con Galicia, que é a AP-9, que por fin foi tomado en consideración o seu debate no Congreso e o noso prantexamento é responder a unha demanda unánime do pobo galego e sentarse a negociar ese traspaso na comisión mixta.
-Que Otegi diga que o PSOE vai por bo camiño logo de pactar, non é para tremer?
-Hai determinados persoeiros na política que non xeran simpatías, e si algo demostrou o Goberno de Pedro Sánchez nestes meses é que non chegou a ningunha conivencia nin pacto oculto co independentismo. Pero é importante que, aínda coa discrepancia política máis profunda, podamos ter sempre unha capacidade de interlocución e diálogo político. E logo chegarase a acordos ou non, pero establecer un hábito de diálogo non é malo, porque o contrario xa vimos en Cataluña a onde leva.
-Pero diálogo con que obxectivo?
-O obxectivo ten que ser sempre o ben común. Sei que soa a frase feita, pero a política é iso. Porque os que prantexan unha aplicación do 155 dura que queren? Intervir o Parlamento e o Goberno catalán, e que é o seguinte? Mire o que temos que facer é rebaixar a tensión e a crispación con este asunto.
«Si algo demostrou o Goberno é que non chegou a ningún pacto oculto co independentismo»
«Vox está marcando a axenda política do PP e de Ciudadanos e temos que estar moi alerta»