O acoso escolar: a valentía de romper coas cadeas

Manuela del Palacio García / María Begoña Castro Iglesias

ESPAÑA

acoso escolar, bullying

05 mar 2023 . Actualizado a las 13:25 h.

Para quen traballamos nun centro educativo, o acoso escolar é unha das cuestións que máis nos preocupan. O acoso é o maltrato psicolóxico, verbal, físico ou social a un alumno por parte dun ou máis compañeiros ou compañeiras, de xeito reiterado e continuado no tempo. Pode ser desde as humillacións ou os insultos, golpes, roubos, intimidación, ou por exemplo, a prohibición de xogar ou falar con outros, a exclusión social ou a difusión de rumores.

Nos últimos anos estamos a ver un tipo de bullying que nos preocupa, porque se extende no tempo: o ciberacoso, a través das redes sociais ou do whatsapp, difundindo insultos, amenazas, imaxes…

As familias senten a lóxica preocupación por se o seu fillo ou filla pode estar sendo vítima, polo que é bo que saibamos identificar sinais de alerta. A nivel físico, pode darse perda de apetito, trastornos do sono ou otros problemas psicosomáticos, como dores de cabeza, abdominais...

Podemos apreciar cambios no comportamento, un alto nivel de ansiedade, de tristura, de irritabilidade, que chore con facilidade, que se negue a ir á clase ou que presente unha baixa autoestima. A nivel social, podemos ver que o rapaz ou rapaza cambie os seus hábitos, que baixe no seu rendemento académico ou que deixe de contarnos as cousas que lle pasan cada día. De súpeto, vemos que prefire quedar na casa ou que non quere saír só á rúa ou ao centro educativo, cando antes non era un problema. Incluso que decide cambiar a ruta para ir e vir do centro, e que se nega a participar en actividades grupais que antes eran pracenteiras, como aniversarios ou excursións.

Se temos a sospeita de que pode estar sufrindo acoso escolar, é importante que nas familias creemos un clima de confianza, e que escoitemos sen xulgar o que nos relate. Debemos prestar o noso apoio emocional e facilitarlle que exprese as súas emocións, sentimentos e inquedanzas. Tamén é bo que lle gardemos o móbil pola noite, para que teña un descanso reparador, e que prestemos especial atención ao uso que faga do ordenador e das redes sociais. Falemos cos nosos fillos sobre o acoso, se é espectador dalgún caso que sexa valente e rompa o silencio.

É obrigatorio que nos centros educativos, se hai indicios de acoso escolar, se aplique o protocolo ao efecto, polo que é importante falar co titor ou titora e desde o centro deberá iniciarse a actuación ante a vítima, as persoas acosadoras, espectadoras e as súas familias; así como implementar programas preventivos ou de actuación ante os casos de acoso.

No Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a Sección de Psicoloxía Educativa realizou unha guía sobre o acoso escolar, dispoñible para ampliar esta información. Porque debemos tomar conciencia da gravidade deste problema e entre toda a sociedade traballar para poñerlle fin ao que tanto sufrimento ocasiona.

Manuela del Palacio García y María Begoña Castro Iglesias, miembros de la Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia