A traxedia de Valencia: menos acusacións, máis autocrítica

La Voz

ESPAÑA

Biel Aliño | EFE

16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

No mes de agosto de 2021 publicaba neste xornal un artigo de opinión sobre as inundacións en Alemaña que viñan de suceder cun tráxico desenlace de case douscentos mortos.

Nel comentaba os problemas de coordinación que houbera e, sobre todo, destacaba a autocrítica na que estaba mergullado ese gran país para «corrixir as debilidades, potenciar as fortalezas e, sobre todo, asegurar un futuro no que os riscos de inundacións sexan máis controlables e asumibles».

Remataba aquel artigo cunha reflexión: «Poderiamos imaxinar o que sucedería en España diante dunha situación semellante?. Ben seguro que aínda agora e posiblemente en anos estariamos tirándonos os trastes á cabeza, descualificando ata o esgotamento os gobernos estatais, autonómicos e locais, fose cal fose a súa cor, e clamando diante da Xustiza para que iniciase o empapelado correspondente dos líderes políticos. E así nos vai».

Teño que recoñecer, con fonda tristura, que acertei nos meus prognósticos. Pois se a situación actual diante da traxedia de Valencia non os supera, aseméllase moito a eses pesimistas vaticinios. Non entrarei na análise polo miúdo dos feitos, pois xa correu tinta abonda sobre eles.

Ante todo se necesita coñecer e contrastar moitos datos, facer análises máis demoradas sobre o acontecido e definir con tino e tranquilidade as novas liñas de actuación. Pero si quero determe, aínda que sexa moi por riba, en dous aspectos de carácter xeral, pero coido que son fundamentais para afrontar con seguridade o futuro.

Por unha banda, estamos diante dunha cadea de decisións, que van dende o medio e longo prazo, relativas ás medidas preventivas no ámbito da ordenación do espazo e das infraestruturas necesarias para a prevención de enchentes, ata ás urxencias temporais das alertas e medidas inmediatas de actuación, rematando cos plans de compensación de danos e reconstrución do espazo que, de novo, nos sitúan no medio e o longo prazo.

Estas decisións comprometen a institucións moi diversas dependentes de ámbitos administrativos tamén diversos e que a experiencia nos amosa que a súa interrelación non funcionou ata agora coa axilidade e seguridade dun mecanismo ben engraxado.

Se non somos conscientes destas moi serias dificultades que supón xa de por si esta cadea de decisións e, sobre todo, a mala praxe que as acompañou, pouco se poderá agardar de cara ao futuro. Autocrítica debería ser a verba que soase máis neste momento.

Por outra banda, os acontecementos e sobre todo a súa análise científica nos están a demostrar que moitas das previsións climáticas coas que estabamos a traballar ata agora están a ser superadas, como foi o caso das chuvias e caudais que provocaron a catástrofe de Valencia, con rexistros que, segundo os últimos datos, superaron probabilidades de ocorrencia dun cada cincocentos anos. Situado no contexto doutros moitos eventos extremos que ocorreron por todo o planeta, cada vez máis frecuentes, non queda máis remedio que admitir que os riscos de desastres de orixe climática son unha ameaza crecente para os anos vindeiros. E como a ciencia non se farta de repetir, a súa causa máis probable está no cambio climático.

Aínda que na cadea de decisións que afectan a catástrofes como a que estamos a sufrir estes días hai responsabilidades moi diferentes que haberá que coñecer e valorar algún día, non se pode esquecer que o primeiro elo desta cadea está na loita contra o cambio climático. É algo que nos implica a todos. O Cumio Climático Internacional (a COP 29) que está a comezar agora en Bakú (Azerbaiyán) tomará de vez as decisións necesarias para atallar este gravísimo problema ou será como case sempre, unha romaría de boas palabras e intencións?

Francisco Díaz Fierros foi Catedrático Emérito de Edafoloxía na Universidade de Santiago