David Civera será a gran estrela dunha gala para inaugurar o consistorio

FERROL

Ares No acto tamén actuarán Los Limones, La década prodigiosa e Son Pasión O Concello gastará 48.000 euros no evento, que se celebrará o próximo día 6

20 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?res festexará por todo o alto a inauguración do novo consistorio, ubicado nas proximidades do litoral. O alcalde, José Manuel Cendán, levaba tempo dicindo que a apertura da nova casa pública, prevista para o día 6 de decembro, «despois de todos os problemas que houbo coa obra», segundo el mesmo lembraba onte, sería «xigantesca». E iso confirmouse cun programa de actos que custará 48.000 euros (oito millóns das antigas pesetas) onde, sobre todo, chama a atención a gala musical gratuíta denominada Ares vístese de gala que terá lugar no pavillón a partires das seis e media da tarde. Así, a esa hora os acordes musicais soarán no pavillón coa actuación da Banda de gaitas de Ares, o grupo de gaitas Casino Aresano, a coral polifónica Mar de Ares e a rondalla Os Trobadores. Xa ao escurecer, e despois da actuación das formacións locais, varias estrelas do panorama musical nacional asomaranse ao escenario. O primeiro en actuar será David Civera, autor de pezas archiconocidas como Que la detengan, que es una mentirosa o Bye, Bye mi picolísima dama. Despois, en Ares será tempo para a lembranza coa presenza dun dos grupos máis coñecidos dos oitenta: La Década Prodigiosa. E, para continuar a noite con baile e festa, no escenario veranse despois os meneos das mozas que compoñen Son Pasión, o grupo que se fixo famoso ao actuar na telenovela Pasión de Gavilanes. Os encargados de poñer o broche de ouro á gala serán os incombustibles ferroláns Los Limones, que levaron o nome da súa cidade por todo o mundo co coreado estribillo Sé que aquí nací, y aquí quiero quedarme... Actos da mañá á noite Pero a música non só soará pola tarde no día no que se inaugurará o consistorio. De feito, os actos comezarán ás once da mañá cun pasarrúas da banda de gaitas pola vila. Seguidamente, farase o acto institucional de inauguración no que, no marco dun pleno extraordinario, está previsto impoñerlle medallas de ouro aos concelleiros da corporación -tanto aos do goberno local como aos da oposición-. Posteriormente, haberá un exhibición de baile galego a cargo das escolas municipais e, nunha gran carpa instalada no patio do consistorio, servirase un aperitivo aos asistentes. Por descontado, a xornada será de portas abertas para visitar as novas instalacións. Como complemento a estas actividades, dende as once da mañá ás seis e media da tarde, un tren turístico percorrerá o centro da vila e terá como última parada o novo Concello. «Todo o mundo vai desfrutar», dixo onte o rexedor aresán.