Foi Ricardo Carballo Calero, segundo relata o autor de Xa vai o griffón no vento no seu libro de conversas con X.M. del Caño ( Conversas con Alfredo Conde: Xuízo, sentenza e condena , que estes días chega as librarías da man da editorial Ir Indo), quen decidiu que se editase o primeiro poemario do único galego que gañou un Premio Nacional de Literatura.
«Decidiu que eu debía publicar o primeiro libro de poesía, Mencer de lúas , en 1968. Esa foi unha decisión persoal de Carballo Calero -relata Conde-. Pediume que fixera unha escolma de poemas. Aclareille que non sabía, e ocupouse el directamente de preparar a selección. Daquela eu era o poeta máis novo dos editados por Galaxia».
Conde lembra ao profesor, poeta, narrador e ensaísta ferrolán con gratitude, aínda que hai actitudes súas que, polo que di, non comparte. Como a súa aposta final polo lusismo, da que di que deu orixe a unha discusión sen pausa que «fixo perder moito tempo».
A historia da literatura
Recoñece, ademais, que a escritura, por parte de Carballo Calero, da súa Historia da Literatura Galega Contemporánea foi «un esforzo impresionante», pero matiza que «ten valoracións discutibles». En especial, unha que lle doe especialmente: «Cando fala de Álvaro Cunqueiro di: ''Cunqueiro é un gran escritor, tamén é xornalista, mesmo ten un carné que o acredita como tal''. Era unha maneira un tanto asañada -lamenta- de dicir que non rematara a carreira». De Torrente Ballester, Alfredo Conde lembra que cando el gañou o Premio Nadal, o autor de La saga/fuga de J.B. foi quen telefoneou á súa casa para anunciarllo. O ferrolán non formaba parte do xurado, «pero pediu que o deixaran chamar» para «comunicar a noticia persoalmente».
Torrente Ballester sería tamén quen presentou en Madrid Los otros días , a novela de Alfredo Conde da que recordado bispo auxiliar de Rouco Varela, Uxío Romero, grande amigo do autor de Xa vai o griffón no vento e un prelado gallego muy vinculado a Ferrol por intensos lazos de afecto, decía que «había que facer un congreso sobre as distintas liñas básicas» sobre as que se asenta ese libro.
No horizonte, o mar
Torrente Ballester «estaba empeñado» en que Alfredo Conde escribise «unha novela sobre o mar». E o mar estivo, así, moi presente na obra do autor de Allariz. «En Sempre me matan -explica o propio Conde- contanse moitas cousas» das que un e outro falaron. «E en O griffón, cando se narra o temporal que padeceu a Armada Invencible, describo un resumo dos que pasei eu. As navegacións que se describen na novela Azul Cobalto: historia posible do marqués de Sargadelos , desde Ribadeo a Ferrol, [tamén] son as que fixen eu».
Entre os moitos ferroláns aos que Alfredo Conde alude no seu libro tamén están Juan Pardo e Andrés Dobarro. Deles di, entre outras cousas, que «fixeron que toda España cantara en galego». «Aínda se escoitan hoxe as cancións de Andrés Dobarro, e pardo foi ata hai ben pouco un asiduo da TVG», di o escritor. Falando de música, por certo, tampouco habería que esquecer que Alfredo Conde é un gran coñecedor do mundo das rondallas ferrolás, ao que incluso ten contribuído con algunha letra. Un mundo que tamén coñecía moi ben o recentemente falecido Ramiro Fonte. Un creador ao que Conde no seu libro califica de «poeta grande», ao tempo que confesa a súa admiración pola obra do autor de Os meus ollos , á marxe das diferenzas de criterio que os alonxaron a nivel persoal. Diferenzas que, por outra parte, se segundo se desprede do libro, Conde lamenta.