No verán, os problemas para conciliar a vida laboral coa familiar multiplícanse coa chegada das vacacións escolares, que espertan un período de inquedanza en pais e nais, obrigados a buscar unha alternativa ou incluso varias para os nosos fillos, tendo en conta por enriba de todo o seu benestar.
A conciliación, que durante o resto do ano temos máis ou menos programada, botando man moitas veces dos sacrificados avós, convértese máis que nunca nunha necesidade. O problema está aí e temos que resolvelo.
A administración xoga un papel fundamental e esa tarefa é asumida polos gobernos progresistas como un obxectivo prioritario porque situamos ás persoas no primeiro plano das nosas políticas. En Ferrol non nos quedamos nas palabras e nos últimos tres anos dotamos á cidade das infraestruturas necesarias. Puxemos en marcha a primeira escola infantil municipal para nenos de cero a tres anos, abrimos as portas da primeira ludoteca municipal, deseñamos unha programación de obradoiros educativos gratuítos durante todos os sábados como respiro familiar, que se substitúen no verán por campamentos cunha oferta de actividades diarias, descentralizada e especializada por tramos de idade, tamén con custe cero.
En Ferrol creamos os bancos de tempo, medida conciliadora da vida laboral e familiar recollida na Lei de Traballo en igualdade das mulleres en Galicia, sendo na actualidade a cidade con máis socios e socias na nosa comunidade.
A conciliación constitúe un auténtico pilar da igualdade real e efectiva e por elo debe ser considerado como un ben social, necesario e imprescindible para garantir a igualdade recoñecida como dereito.
Debemos poñer os medios para que non sigan a ser maioritariamente as mulleres as que soportan os costes da conciliación da vida familiar e laboral, polo que se fai necesario e imprescindible educar na corresponsabilidade, no compartimento igualitario das tarefas que propiciará unha sociedade máis xusta.
Nesta tarefa, aínda que o poda parecer, non todos pensamos o mesmo, satisfeitos de ter acadado a escola infantil de Caranza, reclamamos idéntica dotación para o resto dos barrios da cidade aproveitando para pedir á Xunta que non se escude en razóns políticas para demorar a de Esteiro. As únicas perxudicadas son as familias.