Peculiar polo nome, que soaba raro, porque se chamaba Travesía de la calle de la Muralla. Despois, cando a rúa da Muralla pasou a chamarse Avenida de Vigo, a Travesía de la calle de la Muralla converteuse na Travesía de Vigo, que quedou máis natural. É unha rúa moi curta, que empeza na Avenida de Vigo, onde está o Fogar do Pensionista, e remata en Eduardo Pondal. Pero a verdadeira peculiaridade da Travesía de la calle de la Muralla estaba en que, sendo tan pequena, coincidisen nela tantos veciños coñecidos na cidade.
Porque alí vivían as irmás Bernarda e Carola, dúas mulleres solteiras, grandes, bochudas e listas como allos, que descubriran que a verdadeira pedra filosofal consiste en mercar barato e vender caro. Neso andaban de feira en feira, e tan ben lles foi, que en pouco tempo se fixeron co inmoble número 13 -co que demostraron non ser supersticiosas- e deixaron o baixo como almacén. Din cantos o viron nos anos do racionamento que estaba cheo daquelas viandas que tanto escaseaban, polo que nunca lles faltaron clientes.
Na mesma rúa tivo José Ruano o taller de próteses dentais, antes de instalarse nun piso da carretera de Castilla, moi perto do Madrid París, onde o fillo Manuel seguiu a profesión. A filla Josefina casara con Braxe, inspector de policía, morto hai poucos anos; un home elegante que tiña a pegada dun inspector de Scotland Yard e gran afección á literatura. Ignacio, o fillo pequeno, estudiara comigo en Rapariz e morreu moi novo.
Unido por un patio interior á casa de Ruano estaba o taller de Federico Pérez, que fabricaba as tapas de gaseosas para Luis Aullón. Non sei quen faría as doutras marcas como Los quince hermanos, La Salud, ou La Aurora, pero Federico Pérez traballou para aquel empresario que, ademais das gaseosas, comercializou durante un tempo o refresco Nik, quizais con licencia da Embotelladora del Sur S.L., que desde 1940 fabricaba un refresco co mesmo nome na illa da Palma.
Na mesma rúa, perto do Campón, vivía Mariano Vega Quintián, coñecido por Mariano o da Latina, por ser este o nome da imprenta que tiña na rúa Real. Mariano foi presidente do Círculo Mercantil, edil do concello de Ferrol, e editor do meu primeiro libro; un enxendro polo que mereciamos ser fusilados os dous.
A Ferrol, concretamente a esta Travesía de la calle de la Muralla, chegara desde Chantada Melecio López Castiñeira, para crear El Bisel, a primeira cristalería da cidade, que primeiro estivo na rúa María, esquina rúa do Carme, logo na rúa Real -onde hoxe está O Xantar- e despois no Inferniño. Fillo de Melecio é Xaime López Fernández, presidente durante moitos anos do Real Coro Toxos e Froles e concelleiro cos alcaldes Cenalmor e González Llanos.
Pero o veciño máis popular da travesía de la calle de la Muralla era Xosé, o lavandeiro; un home pequeniño con andares e acenos totalmente femininos. Lavaba roupa de mariñeiros do Cuartel de Dolores e de familias do centro, que tiña sona de limpo. Cando algún cativo se metía con el, respondíalle rindo: «Adeus, neniño; xa levo aquí os teus calzoncillos para lavalos. ¡Pillabán, que esas cousas non se fan!». E o cativo quedaba amolado.
sirolopezlorenzo@yahoo.es