Conta Wenceslao Fernández Flórez nunha divertida narración recollida no libro Las gafas del diablo, que en certa ocasión foi facerlle unha interviú a un ex ministro da Coroa, quen, para demostrarlle o gran coñecemento que tiña das terras e xentes de España, se puxo a falarlle da máis alonxada, de Galicia, onde, segundo el, só había dous oficios: o de augadores e o de mozos de corda. Os augadores vivían de levarlles auga aos mozos de corda, e os mozos de corda de levarlles bultos aos augadores.
Pois en Galicia xa non hai augadores, nin mozos de corda. O de levar auga das fontes ás casas pasara a ser oficio de mulleres, e tamén o de mozo de corda, ao se transformar, co paso do tempo, en mandadeiro e logo en mandadeira. No Ferrol dos anos cincuenta había moitísimas. Ían á estación do tren para levar e traer maletas, viaxaban nas lanchas con toda clase de mandados, esperaban coas cestas os encargos nos economatos, e tamén con carros de man na fábrica de xelo. Aí si que tiñan a competencia dun home, que levaba o xelo nun carro tirado por un burro. Non sei como se chamaba o home, pero o burro chamábase Moreno, porque, ao chegar a un cruce, o home dicía: Moreno, a la derecha, e o burro torcía á dereita; ou á esquerda, se llo mandaban.
Variante do oficio de mandadeira foi o da recadeira, que facía mandados menores, como levar unha prenda á tintorería, unha carta ao correo, ou recoller unha xoia na Casa de Empeños.
Os xastres non desapareceron, pero case. A traxectoria profesional de Parguiña -sen dúbida o que máis forte apostou en Ferrol, onde houbo tantos e tan bos- ilústranos sobre os atrancos insalvabeis que foron atopando.
Herminio Parguiña era lugués de Begonte, fillo de labregos que o puxeron de aprendiz nunha xastrería. Veu facer a mili a Ferrol, en Artillería, e aproveitou o tempo libre para rematar de aprender o oficio na xastrería de Laxe, que estaba na rúa Real, a carón de Mejuto. Casou con Manuela, unha das fillas do mestre, e, cando o sogro morreu, seguiu coa xastrería, que pasou a chamarse H. Parguiña. Sucesor de Lage. Parguiña, home de iniciativas, montou na rúa do Sol unha fábrica de roupa de home, e, como non podía vender directamente ao cliente, na rúa Galiano un comercio que se chamou Parguiña S.L. Confección.
A fábrica ía ben porque Parguiña conseguira a contrata para facer os uniformes de Infantería de Mariña. A xastrería tamén, aínda que, como nin militares, nin paisanos andaban sobrados de cartos, moitos traxes había que cobralos a prazos. Pero chegou a Guerra Civil e o comezo da ruína de Parguiña e do oficio. De Parguiña porque lle quedou moita roupa sen cobrar, e durante tres anos a fábrica non tivo pedidos que atender. Do oficio de xastre porque, cando en España saiamos dos anos da fame, as grandes empresas da confección impuxeron un troco radical na moda masculina, e na vez de roupa entallada empezou a levarse frouxa. Todos podiamos mercar traxes, chaquetas, pantalóns e camisas en calquera comercio, por un prezo máis baixo. Empezaba a poñerse en marcha o consumismo, e xastres e camiseiras a ser prescindibeis. Demasiada competencia, mesmo para aquel emprendedor que foi Herminio Parguiña.
sirolopezlorenzo@yahoo.es