Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Aquela TVE

POR SIRO

FERROL

04 mar 2012 . Actualizado a las 15:20 h.

Televisión Española inaugurouse no 1956 co ferrolán Jesús Suevos no cargo de director xeral, pero en Ferrol aínda tardamos varios anos en poder vela. Recordo a xente amoreada nas aceras que rodeaban as cafeterías Rubalcaba, Derby e Mara, que deberon de ser as primeiras que a tiveron. Como Franco e o ministro de Información e Turismo, Arias Salgado, temían os efectos negativos que a tele podería exercer sobre a poboación, a censura actuou desde o primeiro momento en tres frontes: o moral, o político e o relixioso.

A moral atendía especialmente á moral sexual católica, e para orientar ás familias saían uns rombos na pantalla do televisor, indicando se o programa debía ser visto por maiores de catorce anos -un rombo- ou maiores de dezaoito -dous rombos-. Das dimensións de faldras e escotes encargábase un señor chamado Francisco Ortiz Muñoz, don Paco para os da casa, que ante o plano medio dunha moza con escote se achegaba á moviola e ollaba a pantalla desde varios ángulos ata comprobar que non se vía máis do debido.

Pero a censura exercíana tamén, coas súas queixas aos mandamáis de TVE, ministros e señoras de ministros. Foi a esposa dun ministro quen fixo saír de Galas del sábado, programa presentado por Laura Valenzuela e Joaquín Prat de 1968 a 1970, a Ana Kiro por cantar e bailar con máis gracia que saia, cando era un auténtico bombón. Quizais foi a mesma esposa de ministro que conseguiu que saíse do Un, dos, tres, responda otra vez a belísima Agata Lis.

Na dobraxe das películas de serie alterábanse os diálogos para axeitalos aos criterios de censores e asesores relixiosos. Dun destes contábase que volveu a TVE moi alporizado despois dunhas vacacións, porque en determinado capítulo morrera un personaxe sen confesar; e como lle responderan que non houbera maneira de trocar o diálogo, o crego ergueuse nos talóns, puxo o índice no peito, e afirmou: «Si estoy yo aquí, ese se confiesa».

Non é de estrañar que entre tanto dislate aparecesen aquelas pantallas de plástico transparente, que se superpoñían á dos televisores coa pretensión de ver a tele en cor. O que se conseguía era ver con franxas malvas, rosadas e azúes as caras de Rosa María Mateo, Íñigo, e demais estrelas da tele; cando non lles cadraba a franxa verde e semellaban marcianos.

Pero houbo un programa de TVE que nos tivo a todos os ferroláns pegados á pantalla durante moitas semanas do ano 1966. Foi La unión hace la fuerza, o concurso que enfrontaba a equipos de varias provincias, e que estaban formados por catro sabios e un deportista. No equipo de A Coruña os sabios eran os xornalistas Borobó e Ezequiel Pérez Montes, o técnico da Deputación, José María Pujalte, pai da actriz María Pujalte, e aquela enciclopedia vivinte que foi o ferrolán Manuel Pérez de Arévalo. O deportista era o nadador Carlos Bremón, ata hai pouco presidente do Club Marina Ferrol. Chegaron á final co equipo de Zaragoza, e perdérona porque Arévalo, que actuaba como capitán e portavoz, estaba algo xordo, aínda que non quería recoñecelo, e preguntaba ¿Cómo, cómo? cada vez que un compañeiro lle bisbeaba a resposta atinada. Por culpa daquel ¿Cómo, cómo? os de Zaragoza adiantáronse varias veces ao pulsar o timbre e gañaron 17 a 15. Aínda así, recibímolos como a heroes.

sirolopezlorenzo@yahoo.es