Nas últimas semanas quixen recordar algúns ferroláns que fixeron cousas importantes e que, por levar tempo fóra da cidade ou por outras razóns, non son tan coñecidos como deberan. Hai moitos máis. Penso no poeta Ernesto Guerra Da Cal, amigo e colaborador de Lorca nos poemas galegos; no editor Paco Porrúa, que contribuiu ao éxito de García Márquez; no presixioso psiquiatra Xosé Manuel López Nogueira, que -terrible paradoxa- perdeu a razón e finou tráxicamente; na escritora Xohana Torres, nos pintores López Bouza e Luis Jaime; no empresario Juan Torres, noutro tempo socio de Florentino Pérez, e que hoxe ten en marcha un novedoso proxecto de enerxía limpa ? Sen embargo quero rematar este apartado, falando do mago José Lorente de Castro porque, aínda que é coñecido e querido na cidade, coido que fomos ingratos con el.
Cando hai vinte anos, nunha tertulia de xente da cultura, alguén propuxo facerlle unha homenaxe, outro contertulio rexeitou a idea, dicindo: «¿Quién es Lorente?¡Un titiritero, un saltimbanqui!». E a proposta non foi adiante.
Pepe Lorente non era nin un titiriteiro, nin un saltimbanqui; era un gran ilusionista, o mellor do mundo, para moitos entendidos. Con Julia, a muller, como axudante, actuaron como Lorc and July, durante coarenta anos nos máis selectos escenarios de Europa e Oriente Medio. Inigualable no pic-pocket, roubou carteiras, reloxos e gravatas a Charles Chaplin en Suíza, ao Sha de Persia no pazo real, a Kasogui no búnker de Málaga?
No 1958 estaban en Tel Aviv para actuar no casino Coctail´s Palace, pero como o permiso gubernativo non chegaba, Pepe publicou no xornal Informaciones un artigo eloxiando o traballo dos xudeos, que converteran o deserto nun verxel; días despois tiñan permiso de residencia ilimitada e o coche de Golda Meir ao seu dispor para percorrer o país e seguer escribindo. Comezou así unha carreira de xornalista, na que entrevistou a Cemal Cursel Pachá, presidente de Turquía; ao Coronel Turkés, o Hitler turco, artífice do golpe de 1960; ao arcebispo Makarios, etnarka de Chipre; a Paul Henri Spaak, primeiro secretario da OTAN... Cando na tele repoñen a película Laurence de Arabia, rodada en Jordania, no 1961, recordo que Lorente era, daquela, o amigo da alma e de copas de Peter O?Toole, que lle regalou un traxe de gala árabe.
A Lorente retirárono as pombas, que lle estragaron os pulmóns. Para combater a saudade pasou a vídeo as vellas cintas das actuacións, e escribín o divertidísimo libro Desde Ferrol y por el mundo. Recuerdos de un mago. Eu ía velo ao Casino e acompañábao cando camiñaba en círculo, arrastrando os pés, sen saír da rúa Real. Un día confesoume que estaba doído por aquela homenaxe que non fora adiante. Comprometinme a crear o ambiente favorable para facela entón, e ata lle propuxen un número xuntos: eu debuxaría ante o público a caricatura de Fraga, e el, cun pase máxico, trocaríaa na de Beiras. Abriu os ollos, pensouno un intre, e respondeume: «Está feito». Despois explicoume o truco, e dou fe de que funcionaría. Non houbo ocasión porque empeorou e morreu pouco despois.
Lorente traballaba de administrativo en Bazán, pero desde neno quixo ser mago e conseguiuno, contra a opinión de todos. Aínda que era home realista -de aí que se acompañase da muller-, se alguén puido dicir que de ilusión tamén se vive, foi el.