Hai moitas cousas que están a cambiar ante os nosos ollos. Usos, costumes e paisaxes familiares ata hai nada están índose sen decatarnos, outros xa son historia ou lembranza das xentes que os viviron. Estes procesos aconteceron sempre na historia da Humanidade, os cambios tecnolóxicos e sociais levaron a usos distintos do territorio. Pero antes destes tempos nos que a palabra crise acaba actuando de anestésico social, pioneiros en Galicia como a asociación Ridimoas, que comezou en 1988 o camiño para xestionar hoxe 500 hectáreas no Ribeiro -a maior parte en propiedade- para conservar paisaxes e patrimonio ou, no concello de Ferrol, o Proxecto Esmelle, iniciativa da súa asociación de veciños, materializando acordos coa propiedade de cesión de muíños e lavadoiros para a súa restauración por voluntariado. Noutras iniciativas galegas como o programa Ríos de Adega ou Fragas do Mandeo, activa fundación dedicada ás terras do río Mandeo, integrada por entidades conservacionistas -Rabo de Galo, SGHN, Hábitat- e outras, ademáis de moitas persoas que apoian con doas a merca de terras.
Todas estas e outras iniciativas están inspiradas nun movemento nado en EE.UU a finais do XIX e espallado por todos os continentes para que entidades sen lucro promovan a conservación de terras que, doutro xeito, terían un escuro futuro. Afortunadamente, hai xentes que miran polo país.