Sotomayor

FERROL

Siro

08 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O día 1 de xaneiro cumpríronse cen anos do nacemento do escritor e bibliófilo coruñés Carlos Martínez Barbeito, un dos homes máis cultos e elegantes que coñecín. Era neto do historiador Andrés Martínez Salazar, de quen herdeu, a través do pai, unha fabulosa biblioteca, que el seguiu arrequecendo; e fillo de María Barbeito, escritora, socióloga, tradutora pedagoga partidaria da escola pública e da educación de nenos e nenas nas mesmas aulas, que foi destituída de todos os cargos académicos e apartada do ensino, no 1941.

Carlos Martínez Barbeito, home de saber polifacético, falaba con profundo coñecemento de moitísimos escritores e artistas, pero había dous que lle interesaban especialmente: o seu amigo Federico García Lorca e o seu sogro, o pintor ferrolán, Fernando Álvarez de Sotomayor. Eu achegueime máis a aquel singular exemplar humano, que foi Lorca, escoitando unha tarde a Carlos Martínez Barbeito, que en todas as lecturas anteriores e posteriores.

Do sogro falaba tamén con admiración e afecto; e, por ser eu ferrolán e debuxante, contoume vivencias e anécdotas pouco coñecidas do noso paisano, como a do medo que tiña ao mar. Só a idea de pasar a Marola aterrábao, polo que nunca o fixera; e sen embargo, no ano 1908, tivera que pasar trinta días en alta mar, no barco que o levou de A Coruña a Chile, para exercer de profesor de Pintura na Escola de Belas Artes de Santiago de Chile; porque tamén Sotomayor foi emigrante por problemas económicos.

Orfo de pai dende moi neno, puido estudiar Belas Artes en Madrid mentres a nai ía vendendo as xoias familiares, e cando casou coa coruñesa Pilar Castro Gómez, de familia rica, el non tiña máis patrimonio que os pinceis e o prestixio que, con premios e exposicións, acadara como pintor. Pero en 1908, con trinta e tres anos de idade, a muller esperando o primeiro fillo, sen encargos en perspectiva e cuns poucos pesos no banco, a situación era preocupante; polo que cando o Goberno chileno lle ofreceu un contrato por cinco anos renovabeis, cunha paga excelente, e o proxecto de crear un grupo de pintores xoves que poidesen participar nos actos do centenario da independencia, en 1910, Sotomayor botouse ao océano. Con el foron a muller e a filla, Pilar, con só coarenta días.

A estadía en Chile foi un acerto. Durante seis anos Sotomayor formou pintores con talento, e aínda hoxe a crítica venérao como artista e como creador da pintura chilena. Pero, ademais, á volta os éxitos continuaron en España, converténdose en pintor real e director do Museo do Prado, cargo do que dimiteu, por coherencia, en 1931, ao ser proclamada a república. A familia marchou a Inglaterra e non volveu ata o remate da Guerra Civil. Franco premiouno devolvéndolle a dirección do Museo do Prado, cargo que ocupou mentres viviu.

O que non sabía Carlos Martínez Barbeito é o que lle pasou a Sotomayor en Vilalba, no 1945, nunha cea que o pai dos Chao Rego deu a un grupo de personalidades para que axudasen en Madrid a Ramón, que ía para neno prodixio no piano. Sotomayor, con setenta anos, tiña problemas de próstata pero, por algunha estraña razón, mentres Monchiño tocaba O lago de Como orinou moi ben; e despois, cada vez que o neno repetía a peza, entrábanlle as ganas e saía escadeiras arriba a orinar outra vez. Toda a sobremesa pasouna o neno toca que toca, e o pintor sobe e baixa.

siro@siroartista.com