No ano 2006 fun pregoeiro das festas de Narón, e despois de provocar a risa do auditorio con algunas humoradas, falei con verdadeiro sentimento da débeda que a miña familia ten cos veciños da parroquia de Cornido, por acollela nos primeiros días do Alzamento Militar, e protexela durante meses, cando o perigo da represión era maior. Citei, expresamente, a Rudesindo Díaz Beceiro, á súa muller Benigna Corral Yáñez e aos fillos de ambos, Binucha e Sindo; logo contei o tráxico final de Sindo. Neso estaba cando empezou a chover, pero ninguén se moveu, nin se oiu unha voz ata que rematei. A miña emoción chegara a todos, incluído o alcalde, Xoán Gato, quen, moi impresionado, decidiu adicar a aquela familia unha rúa ou unha praza de nova construción. Camiño do restaurante, onde me levaban a cear, preguntou a un concelleiro se coñecía a historia; o concelleiro asentiu e respondeu algo que non puiden oír, pero a actitude do alcalde mudou e a rúa ou praza quedaron en nada.
Meses despois, os historiadores Enrique Barrera e Bruno González, coa colaboración de varios concellos de Ferrolterra, coordinaron o libro Retallos da memoria, e Xoán Gato quixo que eu participase, recordando á familia que el xa non quería homenaxear. O libro empeza co meu traballo, titulado Carta a Binucha, e nel suliño a heroicidade moral de Rudesindo e Benigna, expoñendo as propias vidas para salvar a de persoas perseguidas, ocultándoas na casa, días, semanas, meses; mentres non fuxían a Francia.
Xente de ben, coma eles, hóuboas nos dous bandos, e salvaron, incluso, a inimigos; como o falanxista que levou a Francia ao sogro do meu irmán, catedrático de fe republicana; ou o socialista Zugazagoitia, que salvou a Wenceslao Fernández Flórez. Anos despois, Zugazagoitia, sometido a consello de guerra, pediu ao escritor que declarase ao seu favor. Fernández Flórez quixo facelo, pero coaccionárono e non foi. A Zugazagoitia fusilárono e el viviu anguriado por aquela covardía.
Rudesindo fixera un zulo baixo a bodega, onde tiña o taller de carpinteiro, e alí chegaron a estar seis homes, que cumpría alimentar e asear. Benigna, deixou de ir ao lavadeiro público, facía a colada no pilón e secaba no faiado. Coa mesma cautela resolvía o problema da comida, a base de caldo, patacas con ovos, se os había, e, se non, con pementos; e moletes de pan, que os fillos mercaban en Neda e na Faísca. E así día tras día, durante anos; porque marchaban uns e chegaban outros. A garda civil presentábase de día ou de noite, pero nunca descubriu nada. Coa fin da guerra morreu Benigna e, en xullo de 1953, Rudesindo. Na casa xa non había zulo, que os protexidos foran marchando e estaban a salvo.
A historia debería rematar aquí e remataría ben, pero no ano 1948 O Pancho, famoso guerrilleiro veciño de A Pedreira, en Mugardos, botárase ao monte. Malia a diferencia de idade, Rudesindo e Pancho eran amigos des que coincidiran en Bazán, no taller de Gradas; e empezou escondéndoo un día ou dous, no 1949; catro anos despois, Pancho xa non tiña máis refuxio que aquela casa, e ao morrer Rudesindo, o fillo seguiuno protexendo. Sindo traballara na Fenya, pero enfermara de tuberculose e pedira a baixa laboral. Os rapaces de Cornido sabían da súa habelencia para tallar a madeira, que a todos facía xoguetes coa navalla.
A noite do 18 de novembro de 1954 os gardas civís sitiaron a casa. Eran moitos, seica vintecinco, mandados por un teniente. Ás nove da mañá entraron, Pancho abriuse paso a tiros e fuxiu, ferido, pero tamén el feriu ao teniente, e os gardas deixárono para atender ao mando. A Sindo matárono alí mesmo. Tiña 28 anos.
A algún edil de Narón quedaríalle mala conciencia por non adicarlles a rúa, e no 2011 fixeron a Binucha, única supervivinte da familia, Muller do Ano. Máis vale un remendo ben posto que un buraco ben feito. Certo, pero a min non me pareceu un remendo ben posto.
siro@siroartista.com